A expansión imperialista do século XIX
¿Cando se iniciou a expansión imperialista do século XIX? ¿Cal foi o maior imperio colonial deste século?
A expansión imperialista tivo lugar entre 1870 e 1914. Os maiores imperios coloniais deste período foron Gran Bretaña e Francia.
Causas e factores do imperialismo colonial
O seu principal obxectivo era o dominio político e a explotación económica das colonias. Os factores que impulsaron este proceso foron:
- Factores económicos e demográficos: A necesidade de novos mercados e o excedente de poboación en Europa.
- Factores políticos: A procura de prestixio internacional e control estratéxico.
- Factores ideolóxicos e científicos: O interese pola exploración xeográfica e as teorías de superioridade racial.
Efectos do imperialismo nas colonias
Efectos económicos: A principal causa que provocou o imperialismo colonial foi a industrialización (a Segunda Revolución Industrial), xa que o desenvolvemento industrial proporcionou medios de transporte e de comunicación eficaces (ferrocarril, barco de vapor, telégrafo), armas potentes e medicinas específicas. As colonias convertéronse en mercados nos que comprar materias primas baratas e vender os seus produtos elaborados, investir os seus capitais e territorios nos que podía asentarse parte da poboación europea.
Efectos sociais e culturais: En Occidente, no século XIX, as ideoloxías racistas tiñan moita forza. Os occidentais crían que a raza branca era superior e que isto lles daba dereito a dominar outros pobos, que consideraban atrasados e inferiores. Por iso pensaban que tiñan a misión de civilizar a todos eses pobos, e incluso de convertelos ao cristianismo.
Conceptos fundamentais
- Metrópole: Son os principais países europeos desenvolvidos que exercen o dominio.
- Colonia: É o territorio resultante da conquista e ocupación, especialmente nos continentes asiático e africano.
- Imperialismo do dólar: É unha expansión económica que fixo depender aos países sudamericanos da economía estadounidense.
- Conferencia de Berlín: Reuniuse para tratar de solucionar os conflitos de intereses entre as potencias europeas, realizando unha auténtica repartición do continente africano para evitar enfrontamentos armados.
A Primeira Guerra Mundial: Fases e desenvolvemento
1ª fase: A guerra de movementos (agosto de 1914)
Nun principio, os dous bandos pensaban nunha guerra breve e para iso tiñan preparados os seus respectivos plans:
- O plan alemán: Consistía nun rápido ataque no oeste cara a Francia mediante a ocupación de Bélxica para atender logo a fronte rusa no leste. Este plan fracasou porque os alemáns foron detidos na batalla do Marne, a poucos quilómetros de París.
- O plan francés: Consistía en destrozar ao potente exército alemán contando co apoio de Rusia na zona oriental, pero os rusos foron derrotados polos alemáns. Porén, conseguiron forzar aos alemáns a desviar tropas cara ao leste, o que salvou París.
O fracaso de ambos os plans deu lugar ao desenvolvemento da denominada “Guerra Longa”.
2ª fase: A guerra de posicións (1914-1916)
O fracaso da ofensiva alemá provocou a consolidación das frontes, polo que o obxectivo foi defender as posicións logradas. Nesa época, as tácticas defensivas (trincheiras, metralladoras, etc.) superaban ás capacidades ofensivas dos exércitos, polo que a guerra estabilizouse.
Os alemáns intentaron romper a fronte occidental na batalla de Verdún, e os británicos na batalla do Somme, ambas en 1916, pero as dúas tiveron resultados militares moi escasos e causaron centos de miles de mortos. Ante a estabilidade das frontes principais, os aliados atacaron zonas secundarias:
- No Mediterráneo, os británicos intentaron tomar os estreitos do Bósforo e os Dardanelos para illar Turquía, pero foron detidos en Gallipoli.
- As colonias alemás de África foron conquistadas polos británicos e as de Asia por Xapón.
- En Oriente Próximo, os aliados ocuparon varias posesións turcas coa axuda dos nacionalistas árabes.
- A frota británica bloqueou a Alemaña, que contraatacou coa guerra submarina.
3ª fase: O ano decisivo de 1917
O ano 1917 foi crucial: a fronte rusa derrubouse polo estalido da Revolución bolxevique, que supuxo a retirada de Rusia do conflito. Non obstante, o feito decisivo foi a entrada de Estados Unidos na guerra a favor dos aliados, o que proporcionou importantes recursos materiais e humanos, decantando o conflito a favor deste bando.
En Rusia, a revolución destronou o tsar e impuxo un goberno comunista. O novo goberno asinou o Tratado de Brest-Litovsk (1918), polo que Rusia abandonou a guerra e cedeulle unha grande extensión de territorio a Alemaña.
4ª fase: A ofensiva de 1918 e o final da guerra
Os alemáns asinaron en 1918 a paz con Rusia. Isto permitiulles lanzar unha última ofensiva cara ao oeste, pero a resposta foi unha contraofensiva aliada que os imperios centrais non puideron resistir. Rendéronse sucesivamente Turquía, Austria e finalmente Alemaña, onde o emperador Guillerme II abdicou. O 11/11/1918 asinouse o armisticio entre Alemaña e os aliados. A guerra rematara.
O camiño cara á Primeira Guerra Mundial
¿Como se foi producindo o camiño cara á Primeira Guerra Mundial? O Reino Unido declarou a guerra a Alemaña tras a invasión de territorios neutrais. Italia non apoiou a Austria nin a Alemaña, o que rompía a Tripla Alianza. Estalaba así definitivamente a Primeira Guerra Mundial.
