Causas e evolución da Primeira Guerra Mundial: alianzas, conflitos coloniais e fases (1914–1918)

As causas da guerra

a) A formación de bloques de alianzas

A comezos do século XX, a maioría dos países europeos formaban parte dun complexo sistema de alianzas entre Estados. Estas alianzas configuraron dous bloques principais:

  • Tripla Alianza: Alemaña, Italia e o Imperio Austrohúngaro.
  • Tripla Entente: Francia, Rusia e Gran Bretaña.

Esta política de alianzas deu lugar a tensións entre ambos os bloques e a unha intensa carreira de armamento, nun período coñecido como a «paz armada», ao tempo que se acentuaban as posturas patrióticas a través da propaganda.

b) Os conflitos coloniais

A ocupación de territorios coloniais foi, desde finais do século XIX, motivo de fricción entre as metrópoles. A rivalidade entre Alemaña e Francia manifestouse en Marrocos, zona sobre a que Francia pretendía instaurar un protectorado e na que Alemaña tiña intereses comerciais. En dúas ocasións estivo a piques de estalar un conflito que se evitou mediante a diplomacia.

c) O problema dos Balcáns

Distintos Estados trataron de facerse co control destes territorios, que pertenceran ao Imperio turco e que se estaban a desintegrar. Serbia e Bulgaria pretendían unificar aos pobos eslavos do sur, mentres que o Imperio ruso e o Imperio austro‑húngaro aspiraban a ampliar a súa influencia na zona. Austria ocupou Bosnia‑Herzegovina e sucedéronse dúas guerras balcánicas (1912–1913), o que aumentou as tensións.

Desenvolvemento da guerra

Axiña se viron involucradas as principais potencias, que arrastraron a outros Estados non europeos. Ao comezo da guerra, os dous bloques conformáronse do seguinte xeito:

Bloques belixerantes

  • Aliados: bloque formado polos membros da Tripla Entente (Francia, Reino Unido e Rusia), aos que se sumaron outros países como Bélxica, Xapón, Italia ou os Estados Unidos (EE. UU.).
  • Imperios centrais: Alemaña, Austria‑Hungría e o Imperio otomán.

A estes bloques habría que engadir as colonias dependentes destes Estados (Francia, Reino Unido, Alemaña, etc.), se ben os principais escenarios da guerra foron europeos: o norte de Francia, onde se libraron as batallas máis importantes, e a fronte oriental, nas fronteiras rusas con Alemaña e co Imperio austro‑húngaro.

Ninguén agardaba que a guerra fose tan prolongada. Os planos militares alemáns e franceses estaban deseñados para destruír ao inimigo en poucos días. A propaganda patriótica insistía na superioridade militar e creaba un clima de odio ao adversario que influíu na mobilización masiva de soldados nas primeiras semanas. Axiña ese optimismo decaeu ante o horror dunha modalidade de guerra nunca antes coñecida e ante a constatación de que a vitoria non chegaría tan pronto nin estaba asegurada.

Tendo en conta o tipo de estratexia bélica dominante e a evolución do conflito, pódense establecer diferentes fases:

a) 1914: guerra de movementos

Os alemáns pretendían desbordar rapidamente a fronte francesa para despois centrarse na fronte oriental contra o exército ruso. Porén, a rápida incorporación do Reino Unido e a capacidade de resistencia francesa frustraron este plan: os Imperios centrais tiveron que atender a dúas frontes ao mesmo tempo.

b) 1915–1916: guerra de trincheiras

A segunda fase da guerra caracterizouse pola estabilización das frontes e polo desenvolvemento de tácticas defensivas baseadas nas trincheiras. Isto provocou un enorme desgaste nas tropas, con posicións que apenas se movían durante meses.

c) 1917–1918: fin da guerra

O ano 1917 foi crucial pola influencia de dous feitos fundamentais:

  • Rusia abandona a guerra despois da chegada dos bolxeviques ao poder.
  • Incorpórase EE. UU., tras interceptar un telegrama no que Alemaña pretendea o apoio de México a cambio de territorios dos Estados Unidos.

En 1918 producíuse o desenlace do conflito:

  • Na fronte balcánica, británicos, franceses e italianos derrotaron a turcos e austríacos.
  • Na fronte occidental, os aliados obtiveron unha decisiva vitoria na zona do Marne, que forzou a retirada do exército alemán. A mariña amotinouse e o káiser perdeu apoios, o que o levou a abdicar e á sinatura dun armisticio. A Gran Guerra rematou.

d) O detonante

A chispa que prendeu o conflito foi o asasinato do Arquiduque Francisco Fernando de Austria, herdeiro do Imperio austro‑húngaro. Mentres visitaba Saraievo o 28 de xuño de 1914, capital da Bosnia ocupada por Austria, foi asasinado por un nacionalista serbo‑bosnio. O goberno austro‑húngaro acabou por declarar a guerra a Serbia, o que puxo en marcha o sistema de alianzas: Rusia mobilizou o seu exército para apoiar á súa aliada Serbia, polo que Alemaña, aliada de Austria, declaroulle a guerra a Rusia. Ao mesmo tempo, declarou tamén a guerra a Francia, comezando a súa invasión a través de Bélxica. Tanto Bélxica como Francia eran aliadas de Inglaterra, que lle declarou a guerra a Alemaña e a Austria. Así comezou a Gran Guerra, coñecida despois como I Guerra Mundial.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *