A Crise do Sistema da Restauración en España: Do Desastre do 98 á Semana Tráxica

Contexto e Crise do Sistema Turnista

Os seguintes documentos permítennos realizar unha composición de texto histórico sobre a crise da Restauración (1898-1917). A quenda pacífica entra en crise a finais do século XIX a raíz, principalmente, do aumento dos grupos sociais que non se sentían representados polo sistema turnista. Estes grupos, maioritariamente urbanos, consolídanse co desenvolvemento da industrialización e o aumento consecuente da taxa de urbanización.

As clases medias urbanas abrazan o republicanismo, o movemento obreiro consolídase ao igual que o nacionalismo periférico, e todos eles actuarán como opositores ao réxime oligarca. Outros elementos desestabilizadores serán:

  • O asasinato en mans dun anarquista de Cánovas del Castillo en 1897.
  • A morte de Sagasta en 1903, o que provocou o fraccionamento e a descomposición dos partidos dinásticos.
  • A crise de 1898, que sería a principal crise da rexencia de María Cristina de Habsburgo.

O Desastre do 98: Guerra e Perda das Colonias

En 1895 comeza co Grito de Baire a insurrección de Cuba, á cal se unirían máis tarde Filipinas e Porto Rico. España respondeu cunha forte represión, facendo padecer á poboación civil grandes calamidades. Aproveitando isto, os medios vencellados aos intereses económicos do trust National Fruit Company estadounidense puxeron á poboación en contra dos españois para poder intervir no conflito e facerse coa produción de azucre cubana.

En 1898, a explosión do acoirazado Maine foi a escusa para que o goberno dos EE.UU. declarase a guerra a España. A contenda foi rápida e contundente; a escuadra española non podía competir fronte aos norteamericanos, o que produciu en poucos días unha rápida derrota. As negociacións de paz rematan coa sinatura do Tratado de París: España cedía Cuba, Porto Rico, Filipinas e a illa de Guam aos Estados Unidos.

Impacto Social e a Xeración do 98

A derrota, cualificada como Desastre do 98, causou en España un forte impacto na opinión pública, nos partidos políticos e nas clases medias. Os intelectuais desenvolveron unha reflexión crítica sobre España marcada pola desmoralización, o pesimismo e a idea de decadencia, como se pode observar nas obras de autores da Xeración do 98 como Pío Baroja e Miguel de Unamuno.

Pola súa banda, os militares sentíronse frustrados e responsabilizaron do fracaso aos políticos, pechándose progresivamente nunha actitude de defensa corporativa dos seus intereses. Prodúcese así o divorcio entre o turnismo e os militares.

O Rexeneracionismo e o Goberno de Antonio Maura

Como resposta á crise, xorde o rexeneracionismo, un movemento que avogaba pola rexeneración de España para rematar co caciquismo, o atraso, a falta de democracia e a corrupción, cuxo líder principal foi Joaquín Costa. En 1906, o poder militar impúxose ao civil.

Antonio Maura, político conservador, é nomeado presidente en 1907. Nun intento de mellorar o sufraxio —facendo, como el afirmaba, unha «revolución desde arriba» para evitar unha desde abaixo— elabora o Artigo 29. Este establecía que, se soamente se presentaba un candidato ás eleccións, non era necesario votar. O efecto que tivo foi o contrario ao buscado, pois facilitou aínda máis o labor dos caciques e a fraude electoral.

A Guerra de Marrocos e a Semana Tráxica

Ademais, grazas á Conferencia de Alxeciras e os acordos posteriores, España queda coa cordilleira do Rif. Alí xorde un movemento de independencia fronte a España liderado por Abd el-Krim, e comeza o enfrontamento contra as chamadas cábilas rifeñas. En 1909, o exército español sufriu unha grave derrota no Barranco do Lobo.

O goberno de Maura e as clases dominantes consideraron que os ataques ameazaban o prestixio internacional de España, aínda que o que realmente estaba en xogo eran os intereses capitalistas, principalmente das compañías mineiras. Para facer fronte a estes ataques, decretouse a mobilización dos reservistas. Esta medida foi fortemente rexeitada polas masas populares polas seguintes razóns:

  • Ao marcharen os homes, a economía familiar resentíase.
  • Existía un grave impacto emocional nas súas familias.
  • Debido á redención de quintas, as clases altas non eran mobilizadas se pagaban unha cantidade de diñeiro.

O movemento obreiro, os nacionalistas periféricos e os republicanos manifestáronse en contra, o que derivou nunha folga xeral en Barcelona coñecida como a Semana Tráxica. Durante as protestas tiveron lugar accións de carácter anticlerical, en protesta polo apoio da Igrexa aos grupos poderosos. A revolta sufriu unha forte represión, sendo executado Ferrer i Guardia, figura problemática para o réxime e un dos pais da Escola Moderna en España, que introduciu o método científico e o espírito crítico no ensino.

O Reformismo de Canalejas e o Declive Final

Como consecuencia destes feitos, nace a CNT en 1910 e fórmase a coalición republicano-socialista, que logrou situar a Pablo Iglesias no Parlamento, sendo o primeiro deputado externo ao sistema da quenda. Maura é substituído polo liberal José Canalejas en 1910.

Canalejas propuxo unha serie de reformas ad hoc para ampliar a base social do sistema da Restauración:

  • Lei de Recrutamento: Elimina a redención de quintas, pero establece os soldados de cota (pagando unha taxa podíase reducir o tempo de servizo ou elixir destino).
  • Lei do Cadeado: Prohibía a implantación de novas ordes relixiosas, como un xesto cara ao anticlericalismo.
  • Lei de Mancomunidades: Consistía na concesión dunha reducida autonomía rexional para canalizar as reivindicacións rexionalistas, aínda que non chegou a ser aprobada baixo o seu mandato.

Pese a todos estes esforzos, as reformas non tiveron o efecto desexado para salvar un sistema que se dirixía cara á súa descomposición definitiva.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *