A Crise da Restauración (1898-1923)
O sistema da **Restauración** de **Cánovas del Castillo** vai entrar en crise a finais do s. XX, coincidindo co reinado de **Alfonso XIII**. Tras o **Desastre de 1898**, e a perda de Cuba, Porto Rico e Filipinas, xurdiu un descontento xeral que marca o inicio da Crise da Restauración.
Factores da Crise
Houbo varios factores que contribuíron ao fracaso do sistema canovista:
- Destaca o **Rexeneracionismo**, unha corrente que facía unha análise e crítica ao sistema da Restauración.
- O incremento da oposición e movemento obreiro, cada vez máis apoiados, destacando o **Partido Radical**, o **PSOE** ou os partidos nacionalistas en Galicia, Cataluña e Euskadi.
- O papel crecente do exército na política mediante actos violentos para manter a orde pública, provocados por un malestar entre os militares tras a derrota de 1898 e a ineficacia do goberno. Destacan os motíns, como o asalto ás redaccións de prensa en Barcelona en 1905, que suporá a obrigatoria aprobación da Lei de Xurisdicións de 1906.
A Semana Tráxica de Barcelona (1909)
En 1909, tras a derrota do Barranco do Lobo, o goberno mobiliza tropas en Barcelona, o cal provoca que os socialistas e anarquistas convoquen unha folga xeral, a cal derivará na queima de igrexas e conventos, coñecida como **Semana Tráxica de Barcelona**. É considerada o momento máis álxido da crise.
A Crise de 1917
No contexto da **Primeira Guerra Mundial**, España atopábase nun período de bonanza económica na industria debido á súa neutralidade. Sen embargo, coincidiu tamén cunha época de carestía (escaseza de produtos de primeira necesidade). En 1917, xúntanse varios factores que nos fan falar dunha tripla crise: militar, política e social.
Crise Militar
En canto á crise militar, destaca a creación en 1916 polos militares de infantería da **Xunta Central de Defensa**, co fin de denunciar a súa situación económica por mor da inflación e reclamar os ascensos por motivo de antigüidade. Tamén pretendían obter a autorización para usar a forza contra os “inimigos da patria” (socialistas, anarquistas, republicanos, nacionalistas, etc.).
Crise Política
En canto á crise política, o peche das Cortes fixo que **Francesc Cambó**, líder da **Lliga Regionalista catalá**, velase pola formación dunha **Asemblea de Parlamentarios** co obxectivo de reabrir as Cortes e reformar o sistema cara a unha democracia para acadar a autonomía de Cataluña. A pesar da prohibición da asemblea, acudiron un 10% dos parlamentarios, todos catalanistas, socialistas e republicanos. Finalmente, o proxecto fracasou pola falta de apoios e a Lliga achegou posturas aos partidos dinásticos.
Crise Social
En canto á crise social, debido ao triunfo da **Revolución Rusa** en 1917 e ao malestar do proletariado afectado pola carestía, deuse un contexto favorable para que a **UXT** e o **PSOE**, xunto co apoio de anarquistas e republicanos, convocasen en agosto de 1917 a **Folga Xeral Revolucionaria**. Esta provocou a militarización dos traballadores, a proclamación do Estado de Guerra e a suspensión das garantías constitucionais.
Consecuencias da Crise
A folga disolveuse pola dura e rápida represión das Xuntas de Defensa.
Entre as consecuencias da crise, destaca a fragmentación dos partidos dinásticos, a fin da colaboración republicano-socialista e socialista-anarquista. Ao mesmo tempo, co fin da Primeira Guerra Mundial houbo tamén unha crise económica debido ao peche de industrias. O desemprego provocou que os xornaleiros andaluces e os obreiros anarquistas de Barcelona, tras a **folga de La Canadiense**, iniciasen o fenómeno do **pistoleirismo** ata 1923. A falta dun liderado forte provocou a fin do **sistema de quendas**. En substitución, xurdiron os gobernos de concentración, ben pluripartidistas ou ben dun só partido. Sen embargo, debido á imposibilidade para obter maiorías parlamentarias, produciuse unha gran inestabilidade, con máis de 23 crises entre 1917 e 1923.
O Desastre de Annual (1921)
En 1921, o xeneral **Silvestre** pretendía a conquista de **Alhucemas** nunha operación militar rápida para prestixiar o exército. Unha vez en **Annual**, as tropas rifeñas de **Abd-El Krim** atacaron as españolas, que, obrigadas a retirarse, foron masacradas, provocando máis de 10.000 mortos nuns poucos días. Dado o fracaso, abriuse un expediente de investigación contra o exército e o rei: o Expediente Picasso, co fin de coñecer os motivos do desastre.
O Golpe de Estado de Primo de Rivera (1923)
Ante os constantes fracasos, a inestabilidade do sistema e o descontento xeral, antes de que se presentasen as conclusións do Expediente Picasso, en setembro de 1923 o xeneral **Primo de Rivera** liderou un **golpe de Estado** e instaurou unha ditadura militar, presentándose como o salvador da patria.
A Ditadura de Primo de Rivera (1923-1930)
Nun contexto no que España se atopaba con bonanza económica tras a Primeira Guerra Mundial, incrementouse a conflitividade social á vez que o sistema político da **Restauración** foi perdendo forza e se fragmentaron os partidos políticos. O **Desastre de Annual** de 1921 supuxo a caída definitiva da Restauración, dando pé á **Ditadura militar de Primo de Rivera**. O fracaso na Guerra de Marrocos e o descontento do exército, que se atopaba baixo as investigacións do Expediente Picasso, propiciaron o **golpe de Estado**, que contaba co apoio do exército, da burguesía, especialmente catalá, da Igrexa, o **PSOE** e incluso o Rei.
Na Ditadura de Primo de Rivera, diferenciamos dous períodos:
Directorio Militar (1923-1925)
O primeiro iniciouse co triunfo do **Golpe de Estado** o 14 de setembro de 1923 e rematou en decembro de 1925. Tomáronse medidas represivas como a proclamación do estado de guerra, a suspensión da Constitución de 1876, creouse a censura de publicacións, perseguíronse a comunistas e anarquistas e houbo represión sobre os partidos nacionalistas. Militarizáronse as institucións, e apareceron as figuras dos **Delegados Gobernativos** para vixiar a marcha dos concellos. Tamén se creou o **Consello de Economía Nacional** para regular as relacións laborais, creando os **comités paritarios** de obreiros e patróns. Primo de Rivera pretendeu instaurar un sistema como o da Italia fascista de **Mussolini**, para o cal creou a **Unión Patriótica** (partido oficial da ditadura) e tratou de espallar o **somatén**, unha milicia armada por todo o territorio español. O feito máis destacable foi a vitoria sobre Marrocos co **Desembarco de Alhucemas** en 1925.
Directorio Civil (1925-1930)
Esta vitoria, xunto coa bonanza económica e o control da orde pública, asentaron a Primo de Rivera no goberno. Entón, co fin de impulsar o desenvolvemento económico, as reformas sociais e o investimento público, implantou o **Directorio Civil**, facendo chegar a políticos como **Calvo Sotelo** ou **Aunós** ao cargo dos ministerios. Tomaron como modelo o **Estado Corporativo** italiano, para o cal se creou un proxecto de **Parlamento Corporativo** que toma como unidades básicas a familia, o concello e a provincia. Aprobouse un proxecto de constitución que non entrou en vixencia. Tamén xurdiu unha **Asemblea Nacional**, como órgano asesor, pero que estivo totalmente controlada polo goberno. Co fin de establecer un sistema corporativo nas relacións laborais, creou a **Organización Corporativa do Traballo** en 1926, na cal se regulamentaron as relacións laborais mediante comités paritarios. Esta medida contou co apoio da **UXT**; tamén pola política proteccionista que había cos fortes aranceis aos produtos estranxeiros que permitiu o impulso da industria, especialmente en Cataluña.
Oposición e Fin da Ditadura
As principais forzas de oposición foron os republicanos, os socialistas e os universitarios. En 1926, creouse a **Alianza Republicana**, xuntándose os diversos partidos políticos, e apareceu a **ORGA** en Galicia. En 1928, Primo perdeu o apoio do **PSOE** e en 1929, co deterioro da economía por mor da crise global, comezaron as folgas e o aumento novamente da conflitividade social. Isto culminou coa perda de todos os apoios, incluso do rei, do exército, das patronais e os sindicatos católicos; polo que Primo presentou a súa dimisión en xaneiro de 1930. Había pretensións de volver á Restauración, pero a Unión de Republicanos e Nacionalistas co PSOE no **Pacto de San Sebastián** pretendía rexeitar a Monarquía.
Tras un ineficaz goberno do xeneral **Berenguer**, sucedeulle o Almirante **Aznar**, co apoio dos grupos monárquicos. Este convocou eleccións e, a pesar do caciquismo nas zonas rurais, as candidaturas republicanas saíron gañadoras nas principais cidades e na maioría das capitais de provincia, polo que se conseguiu o obxectivo de derrocar a Monarquía.
O Establecemento da II República (1931)
A **II República** proclamouse nun contexto internacional desfavorable marcado pola **Crise de 1929**, a cal empezamos a sufrir en España uns anos despois, provocando o malestar social coa caída das exportacións, o descenso da demanda de produtos industriais, o regreso de emigrantes e a paralización da emigración, así como o aumento do desemprego. Coincidiu tamén co ascenso dos réximes autoritarios como o de **Hitler** en Alemaña ou o de **Oliveira Salazar** en Portugal.
Contexto Internacional e Nacional
Desde 1930 contemplouse o espallamento das ideas republicanas impulsado pola conversión de monárquicos como **Alcalá Zamora** ou **Miguel Maura**, así como pola voz de intelectuais como **Unamuno** ou **Ortega y Gasset**. As forzas republicanas reuníronse en agosto de 1930 en **San Sebastián**, onde xurdiu o **Pacto de San Sebastián**. Nel, republicanos e nacionalistas acordaron derrocar a Monarquía, instaurar a República Parlamentaria, convocar eleccións a Cortes Constituíntes e formar un Comité Revolucionario que actuaría como Goberno Provisional.
A Proclamación da República (1931)
Os intentos de derrocar a Monarquía fracasaron, aínda que tras o fusilamento dos capitáns republicanos, a oposición popular aumentou. O Goberno Berenguer non logrou estabilizar a Monarquía debido á lentitude para restablecer as liberdades, á inexistencia dunha política de reformas e á continuidade de prácticas autoritarias. Para asentar o sistema político, o Goberno convocou eleccións municipais, seguidas das provinciais e xerais. Finalmente, a **II República** proclamouse o 14 de abril de 1931 antes de coñecer os resultados das eleccións, debido á incapacidade de consolidación da Monarquía tras o fracaso da Ditadura de Primo de Rivera e o rumor da vitoria republicana nas eleccións. **Alfonso XIII** viuse sen apoios e abandonou España.
Neste momento, os membros do Comité Revolucionario asumiron o Goberno Provisional da República baixo a presidencia de **Alcalá Zamora**. Este Goberno, formado por forzas desde a Dereita Republicana, membros do Partido Radical, republicanos de esquerda e representantes rexionalistas galegos e cataláns, así como socialistas. Convocáronse eleccións ás Cortes Constituíntes que resultaron na **Constitución de 1931**.
Problemas Iniciais da República
A Segunda República atopouse con tres grandes problemas:
- A integración territorial.
- O problema relixioso.
- O problema agrario.
Ante as intencións de Cataluña e País Vasco de formar outras repúblicas independentes, o Goberno recoñeceu as **Autonomías** das rexións dentro dun modelo de **Estado integral** para evitar a súa independencia. A nivel relixioso, os católicos rebeláronse ante o laicismo dos republicanos nos chamados **sucesos de maio**. Na cuestión agraria, tras o intento de Reforma Agraria, os xornaleiros atopáronse baixo condicións moi duras e levaron a cabo levantamentos sociais como folgas e ocupación de terras, que poñían en perigo a estabilidade da República.
Forzas Políticas
As forzas políticas eran moi diversas. As favorables á República eran os Partidos Republicanos, os Obreiros e os Nacionalistas, como o **PNV**, **Esquerra Republicana**, a **ORGA**, **Partido Galeguista**. Dentro da dereita republicana estaba a **Dereita Liberal Republicana** (Maura e Zamora) ou o **Partido Radical** de **Lerroux**. Na esquerda destacaron os partidos republicanos de **Acción Republicana** de **Azaña** e **Partido Radical Socialista** de **Marcelino Domingo**. Ou os partidos obreiros como o **PSOE**, o **Partido Comunista** e o **POUM**. En contra da República estaban os católicos, unha parte do exército, os terratenentes e a burguesía industrial, que apoiaban a partidos ben monárquicos, como **Renovación Española** de **Calvo Sotelo** ou **Comunión Tradicionalista** (carlistas); ou ben de extrema dereita como a **Falanxe Española das JONS**. Había outras forzas políticas á marxe do réxime político como foron **Acción Nacional**, a **CEDA** de **Gil Robles** ou o **Partido Agrario** e a **Lliga Catalana**.
A Constitución de 1931
As eleccións de Cortes Constituíntes de 1931 deron unha maioría republicano-socialista, de esquerdas, cuxas ideas se viron reflectidas na **Constitución de 1931**; unha constitución de vangarda, influída polas europeas de entreguerras. A soberanía foi popular. Recoñeceuse o sufraxio feminino. Recoñecíanse dereitos económicos e sociais. Propúxose un sistema de economía mixta, con intervención do Estado. O Estado recoñeceuse como integral, dando opcións de Autonomías e autogoberno naquelas provincias que cumprisen os requisitos: iniciativa por polo menos dous terzos dos concellos, aprobación por plebiscito e aprobación polas Cortes. O poder lexislativo recaeu nun Parlamento unicameral e introduciu o “voto de desconfianza”. O xefe do Estado era o Presidente da República, elixido polo Parlamento e con dereito a disolver as Cortes en dúas ocasións. O poder executivo residía no Presidente do Goberno e os seus ministros. Había unha clara separación Igrexa-Estado e a Constitución recoñecía os amplos dereitos e liberdades por riba de calquera lei ou poder.
As clases conservadoras e católicas, así como a esquerda máis extrema, non acabaron de aceptar esta Constitución. Finalmente, derivou en numerosos golpes de Estado da dereita que culminaron coa Guerra Civil.
As Reformas da II República (1931-1933)
Tras a proclamación da **II República** o 14 de abril de 1931, o Comité Revolucionario do **Pacto de San Sebastián** converteuse no Goberno Provisional, e nomeouse a **Alcalá Zamora** como presidente, quen decretou unha amnistía xeral e proclamou as liberdades públicas e sindicais. Ata o **golpe de Estado** de 1936, a República consta de varias etapas: o **Goberno Provisional** (1931), o **Bienio Reformista** (1931-1933), o **Bienio Conservador** (1933-1936) e o **Goberno da Fronte Popular** (1936). As grandes reformas da República terán lugar nas dúas primeiras etapas, durante o Goberno Provisional e o Bienio Reformista, formado polo **PSOE** e republicanos de esquerda tras a aprobación da **Constitución de 1931**.
A sociedade era analfabeta e atopábase baixo unha excesiva influencia da Igrexa, que controlaba a educación e a cultura desde as escolas e os púlpitos. Ao mesmo tempo, existía un forte anticlericalismo, reflectido na queima de conventos en maio de 1931. Co fin de acabar o analfabetismo, para ter cidadáns libres, formados e responsables; e de separar a Igrexa do Estado, levouse a cabo unha reforma educativa e relixiosa.
Reforma Educativa e Relixiosa
Durante o Goberno Provisional, co fin de lograr un ensino laico; **Marcelino Domingo**, o Ministro de Instrución Pública, creou 7.000 escolas, eliminando a relixión delas. Ademais, a Constitución aprobada en 1931 establecía España como unha República laica, con liberdade de cultos, sen orzamentos do Estado para a Igrexa (que debía pagar impostos), a disolución da orde dos Xesuítas, o peche dos centros de ensino da Igrexa e o dereito a unha educación obrigatoria, gratuíta e laica.
Durante o Bienio Reformista, en 1932, secularizáronse os cemiterios, que pasaron a ser propiedade dos concellos, estableceuse o matrimonio civil e aprobouse a Lei do Divorcio, quitándolle poderes á Igrexa. En 1933, aprobouse a Lei de Confesións e Congregacións Relixiosas, na cal o Estado se facía laico e construíronse máis de 13.000 escolas. Multiplicouse o número de mestres, bibliotecas e institutos de Bacharelato. Outra das medidas foi a de permitir o uso de calquera das linguas no ensino e o nacemento das **Misións Pedagóxicas** para levar o teatro, cine, libros, etc., a zonas rurais. Estas medidas provocaron o descontento dos máis conservadores e do clero, pois as interpretaron como unha persecución. O malestar destes colectivos foi o motor da dimisión do presidente **Alcalá Zamora** en 1931 e un dos motivos polos que estalaría a **Guerra Civil**.
Reforma Militar
Debido ao excesivo número de oficiais, á falta de diñeiro para armamento novo e á excesiva influencia dos militares na política; pretendíase reformar e modernizar o exército para poñelo ao servizo da democracia. O Ministro de Guerra, **Manuel Azaña**, durante o Goberno Provisional, elaborou o Decreto de Retiros, ofrecendo aos oficiais xubilarse antes e conservar o seu salario. Anulou os ascensos concedidos durante a ditadura de Primo de Rivera, pechou a Academia Militar de Zaragoza, dirixida por **Franco**, suprimiu a Lei de Xurisdicións de 1906 que permitía aos militares xulgar calquera ofensa á “unidade da patria, bandeira ou exército” e obrigou aos militares a prometer fidelidade á República. Durante o Bienio Reformista, creouse en 1932 a **Garda de Asalto**, policía republicana, e en 1933 aprobouse a Lei de Vagos e Maleantes para tratar de garantir a orde pública. As medidas de Azaña provocaron enfados nalgúns sectores do exército, especialmente nos africanistas, que expresaron a súa enemización contra a República co **Golpe de Sanjurjo** de 1932.
Reforma Agraria
A pesar das desamortizacións do século XIX, o campo aínda sufría un atraso técnico e unha distribución das terras pouco eficaces. Coa **Reforma Agraria**, pretendíase acabar coa inxusta situación dos xornaleiros andaluces. **Largo Caballero**, o Ministro de Traballo, elaborou varios decretos para mellorala: O Decreto de Laboreo Forzoso obrigaba ao propietario a traballar as terras ou, do contrario, seríanlle expropiadas e cedidas a organizacións de xornaleiros. O Decreto de Termos Municipais prohibía a contratación de xornaleiros de municipios diferentes aos que pertencían as terras. En 1932, aprobouse finalmente a Lei da Reforma Agraria, pola que o Estado tiña potestade para expropiar terras e cederllas a campesiños. A reforma fracasou pola falta de recursos para indemnizar aos propietarios, opostos ás reformas. As posturas radicalizáronse dando lugar a unha guerra de clases no sur.
Organización Territorial e Estatutos de Autonomía
Había rexións con sentimentos nacionalistas que esixían certa autonomía, polo que se buscaba unha **Organización Territorial** que as contentase. Ante a proclamación da **República Catalá** como un Estado independente, o Goberno Provisional enviou aos seus ministros para revocar a decisión de **Francesc Macià** a cambio dun **Estatuto de Autonomía**. Na Constitución recóllese o dereito ás autonomías, para o cal se debería elaborar un Estatuto e superar tres pasos: O Estatuto debía estar proposto pola maioría dos concellos da rexión, que fose aprobado polo menos por dous terzos nun plebiscito e que fose aprobado polas Cortes españolas. Cataluña foi a primeira en conseguir o Estatuto, con goberno e outras institucións propias. Este feito provocou o descontento do exército e os colectivos de dereitas e da Igrexa, derivando no **Golpe de Estado de Sanjurjo** (fracasado) en 1932.
O Bienio Conservador (1933-1936) e a Fronte Popular (1936)
Tras a vitoria da dereita nas eleccións de 1933, comeza o **Bienio Conservador**, onde se paralizaron todas estas reformas e mesmo se lle concedeu a amnistía ao xeneral Sanjurjo. En 1936, a **Fronte Popular** gañou as eleccións e tivo intención de retomar de novo as reformas, pero en xullo do mesmo ano produciuse o estalido da **Guerra Civil** pola sublevación da extrema dereita.
A Guerra Civil (1936-1939)
Nun contexto marcado pola **Crise de 1929**, a expansión do fascismo e o nazismo en Europa, conduciu á radicalización da dereita tras a vitoria da **Fronte Popular** en 1936, que se decantou por unha intervención militar e a implantación dunha política de “puños e pistolas”. Ante o perigo do espallamento do fascismo en España, e ante as medidas contrarreformistas do **Bienio Conservador**, deuse a radicalización da esquerda, coa intensificación da ocupación de terras para forzar as reformas agrarias e dos conflitos laborais. Esta ameaza de reformas prexudicaba á burguesía e á Igrexa, polo que vían con bos ollos a sublevación militar por membros da **UME** e africanistas.
O Plan do Golpe de Estado
O 12 de xullo, tras o asasinato do tenente **Castillo** da **Garda de Asalto**, e a resposta da mesma co asasinato de **Calvo Sotelo**. O enterro deste supuxo unha declaración de guerra por parte dos inimigos da República. O plan do xeneral **Mola** para o **Golpe de Estado** consistía na sublevación do Exército de África, e, unha vez controlado Marrocos, as tropas desembarcarían na península en dirección a Madrid. A esta seguiríanlle as sublevacións na península nas 24-36 horas seguintes. **Mola** en Navarra, **Queipo de Llano** en Sevilla, **Fanjul** en Madrid, **Cabanellas** en Zaragoza, **Goded** en Barcelona e Baleares e **Franco** en Canarias e Marrocos serían os focos de sublevación. Esta debería ser unha acción extremadamente violenta para evitar a resistencia republicana. Tras o triunfo, imporíase un directorio militar en Madrid encabezado por **Sanjurjo**.
O Inicio da Sublevación
A sublevación iniciouse o 17 de xullo coas tropas de Marrocos que ao día seguinte entraron na península e **Franco** proclamaríase Xefe do Exército de África. O 18 e 19 de xullo continuou a sublevación no resto da península e en Galicia, que comezou o día 20; o territorio foi rapidamente controlado polos sublevados. España estaba claramente dividida en dous bandos, o republicano e os sublevados. O Goberno republicano viuse afectado por unha indecisión inicial, que levou a **Casares Quiroga** a negarse a dar armas ao pobo e a cesar aos militares sublevados. Na madrugada do 19 de xullo, **Martínez Barrio** tratou de negociar con Mola, pero fracasou e **Xosé Giral** sería o novo presidente que autorizaría o armamento das organizacións obreiras. En setembro de 1936, sería substituído por **Largo Caballero**.
Os Bandos en Conflito
Bando Republicano
Entre os grupos sociais que apoiaban o bando republicano estaban a **UXT** e a **CNT**, os xornaleiros agrícolas e a pequena burguesía. As forzas políticas eran o **Partido Comunista**, o **PSOE**, o **POUM**, anarquistas, partidos republicanos e nacionalistas. No exército contaban co apoio dos xenerais de terra, coa mariñería, a aviación e a **Garda de Asalto**.
Bando Sublevado
O **Bando sublevado**, a nivel militar, contaba co apoio de oficiais intermedios de terra, coa **Garda Civil** e cunha minoría da armada e da aviación. Estaba apoiado por terratenentes, pola Igrexa e pola burguesía industrial. As principais forzas políticas eran os **carlistas**, a **Falanxe**, a **CEDA** e os partidos monárquicos. Xustificaban a súa acción como unha medida para previr o espallamento do comunismo, mentres que os republicanos defendíanse como antifascistas. Os republicanos querían impoñer a Democracia e evitar o autoritarismo; os sublevados, conservadores, actuaban en contra do perigo “separatista”. Mentres que apoiaban á Igrexa Católica, os republicanos declarábanse ateos ou anticlericais. A sociedade proletaria sería a vencedora cos republicanos, mentres que a burguesa o sería cos sublevados.
Apoios Internacionais e Desenlace
A nivel internacional, ao bando republicano xogoulle unha mala pasada a política de **Non Intervención** impulsada por Inglaterra e Francia, co fin de evitar unha guerra a nivel europeo. Sen embargo, os sublevados contaron co apoio do poderío militar alemán e italiano, así como con moitos voluntarios portugueses, o que lles deu unha clara vantaxe e decidiu o desenlace da Guerra. A **URSS**, tras uns meses de non intervención, deulles apoio aos republicanos coa venda de armas e alimentos. Estes tamén contaron coa chegada de voluntarios nas coñecidas **Brigadas Internacionais** que conseguiron prolongar a resistencia en Madrid, pero a comezos de 1939, co golpe contra **Negrín** do Coronel **Casado**, a República foi finalmente derrotada e España entrou nunha ditadura que duraría uns 40 anos.
A Economía do Franquismo (1939-1975)
Tras o remate da **Guerra Civil** en 1939, instaurouse en España unha ditadura militar que duraría case 40 anos con **Franco** como “caudillo”. O réxime franquista é conservador, católico, ultranacionalista e con trazos do fascismo italiano. Debido á súa longa duración, coñecemos diferentes etapas na súa política económica.
A Autarquía (Anos 40)
A primeira fase deuse nos anos 40, onde o Estado se definiu como unha **Autarquía**. Tras a guerra, o país estaba sumido nunha gran crise e moitos dos habitantes das cidades tiveron que regresar ao rural. Ante o bloqueo internacional no comercio debido á ideoloxía do réxime, Franco viuse obrigado a implantar un réxime autárquico, no cal o Estado interviña na economía co fin de acadar un autoabastecemento total, para non depender de recursos estranxeiros. A intervención do Estado estableceuse mediante a Lei de Protección e Fomento da Industria Nacional de 1939 e o Plan de Saneamento. Para isto, creou o **Instituto Nacional de Colonización** para a agricultura en 1939 e o **Instituto Nacional de Industria (INI)** en 1941. O INI converteuse rapidamente no grupo empresarial máis grande de España, con empresas como **Seat**, Ence, Pegaso ou Endesa. Ademais, nacionalizáronse sectores estratéxicos como o ferrocarril, a aviación ou as comunicacións telefónicas (**RENFE**, **IBERIA**, **TELEFÓNICA**) e promoveuse a construción de obra pública. Sen embargo, aínda así non se puido reverter a situación debido á inflación, á dependencia técnica do estranxeiro e ás malas colleitas. De aí xurdiron as **cartillas de racionamento** nas cales se trataba de repartir os produtos básicos co fin de evitar, sen éxito, o desabastecemento.
Liberalización e Plan de Estabilización (Anos 50)
Nos anos 50, tras encadear uns anos de boas colleitas, elimináronse en 1952 as cartillas de racionamento e iniciouse un proceso de liberalización económica tras os **Pactos de Madrid** con EEUU no contexto da **Guerra Fría**. Isto permitiu a entrada de España na **ONU** ou no **FMI**. Tamén chegaron recursos que permitiron o progreso das industrias do INI. En 1959, elaborouse o Plan de Estabilización, que foi un conxunto de medidas propostas tras a incorporación ao FMI e a chegada ao goberno dos **tecnócratas**. Estas eran a devaluación da peseta para que fose intercambiable por outras divisas, a limitación do gasto público, a suba dos tipos de xuro e a limitación da intervención do Estado. Estas medidas abriron as portas ao desenvolvemento económico dos anos 60.
Os Plans de Desenvolvemento (Anos 60)
Tras unha pequena crise polo reaxuste dos salarios, a partir de 1962 os tecnócratas levaron adiante medidas económicas expansivas para o desenvolvemento industrial de España mediante os **Plans de Desenvolvemento**; un conxunto de reformas para incrementar a produción, a integración de España no mercado internacional, a flexibilización do sistema económico e o incremento das áreas industriais. Para potenciar a industrialización xurdiron os **Polos de Desenvolvemento e Promoción Industrial**, nos cales se ofrecían subvencións, terreo barato e exencións fiscais. Leváronse a cabo tres plans: o 1º (1964-1967), o 2º (1968-1971) e un 3º (1972-1975). Outro dos factores clave foi o investimento de capitais estranxeiros, que atopaban en España unhas condicións inmellorables e ofrecían un alto grao de expansión para España. Á súa vez, a chegada de capitais foráneos comezou a dar a coñecer España e converteuse nun destino turístico.
Factores Clave do Desenvolvemento
- O investimento estranxeiro e o turismo convertéronse na principal industria española, xogando un papel clave na balanza de pagamentos e no avance social e cultural dos españois.
- A industria xogou un papel clave e a gran protagonista foi a automobilística, da man de **SEAT** e o seu icónico **600**, símbolo dos cambios sociais e costumes das familias que enchían as estradas nas súas vacacións. Era a representación do inicio dunha sociedade de consumo e dunha crecente clase media. Outras empresas foron a Citroën, a Ford ou a Renault.
- En canto á enerxía, destacou a construción de encoros por toda España e a instalación de refinerías de petróleo. A construción viuse favorecida polo incremento do turismo nas cidades e na costa.
- A emigración xogou un papel clave, exportando nos anos 60 máis de 100.000 homes como man de obra a Europa, diminuíndo así a presión demográfica.
Consecuencias do Desenvolvemento
Como consecuencia deste desenvolvemento económico, a nivel demográfico produciuse o **“baby boom”** e o **éxodo rural**. A nivel económico, grazas á industrialización a **Renda per Cápita** duplicouse entre 1964 e 1972 e en 1974; España era a décima potencia mundial. A nivel social, adoptáronse o estilo de vida e hábitos europeos grazas ao turismo, a integración da muller ao estudo e ao traballo, o acceso ao ensino básico, etc.
A Crise do Petróleo (1973)
Sen embargo, en 1973, produciuse a coñecida **Crise do Petróleo** tras triplicarse o prezo do barril de petróleo, paralizando a maioría de industrias e producindo altas taxas de paro a nivel global. En España, sufriuse tamén as consecuencias desta crise e deixou claras as deficiencias da nosa economía.