La España del Franquismo: Un Análisis de su Historia y Efectos Sociales

ESPAÑA NO FRANQUISMO

Desde o final da Guerra Civil ata 1975, España viviu baixo a ditadura de Francisco Franco, baseada na mestura de fascismo e conservadurismo católico tradicional. O réxime concentraba o poder en Franco, estableceu un Estado confesional, un partido e sindicato únicos, e exercía un forte control ideolóxico e cultural. A súa base ideolóxica inicial foi a Falanxe, aínda que perdeu peso tras a II Guerra Mundial, e os trazos autoritarios do réxime continuaron.

Na posguerra, ata finais dos anos 50, España padeceu escaseza e pobreza, agravadas pola política de autarquía. Nos anos 60, coa política de desarrollismo, a economía mellorou e a sociedade achegouse aos modelos europeos, malia que o réxime seguía sendo unha ditadura illada en Europa.

Nos anos 70, tras o asasinato de Carrero Blanco (1973), a división entre reformistas e inmobilistas dentro do réxime intensificouse, e a oposición gañou forza. A decadencia do franquismo era clara, pero mantívose ata a morte de Franco en 1975.

I) TRAZOS POLÍTICOS DO FRANQUISMO

O franquismo foi unha ditadura militar, conservadora e autoritaria, máis próxima ao nacionalismo ultracatólico de comezos do século XX ca ao fascismo, aínda que empregou símbolos e ideoloxía da Falanxe, especialmente nos primeiros anos. Con todo, os falanxistas tiveron un papel político cada vez máis reducido tras a II Guerra Mundial, e o réxime nunca mobilizou as masas como os fascismos europeos.

Franco consolidouse no poder de forma absoluta, influenciado polas circunstancias da guerra civil. O réxime reflectía a súa ideoloxía persoal: Poder centralizado e mando único, Orde, obediencia e autoridade, Valores militares e relixiosos, Tradición en costumes e símbolos, Nacionalismo español e Represión de toda disidencia.

2) O poder de Franco:

Desde o 1 de outubro de 1936, Franco acumulou todos os poderes do Estado: era Xefe de Estado, de Goberno e Xeneralísimo do Exército. Os falanxistas crearon para el o título de Caudillo, seguindo o modelo de líderes autoritarios europeos (Führer, Duce…), converténdoo en símbolo da nación e expresión da súa vontade. O seu poder non tiña límites legais.

A Lei Orgánica do Estado de 1967 fixo unha separación formal entre os cargos de Xefe de Estado e de Goberno, permitindo a Franco delegar funcións, como fixo en Carrero Blanco.

O seu poder sustentábase sobre todo no apoio do exército, principal pilar do réxime. Aos militares correspondíalles manter a orde e reprimir os «inimigos internos» (comunistas, demócratas e separatistas). Inicialmente, o goberno estaba dominado por militares, pero o seu número foi reducíndose co paso do tempo.

3) Un reino sen rei:

Desde a Lei de Sucesión de 1947, España foi declarada oficialmente un reino, pero sen rei, xa que Franco mantería a xefatura do Estado de por vida. Ao morrer, el mesmo podería elixir ao seu sucesor, o que foi unha concesión simbólica aos monárquicos, sen perder o control do poder.

Xoán de Borbón, fillo de Afonso XIII, apoiara aos sublevados esperando recuperar o trono, pero acabou enfrontado con Franco, que se negaba a restaurar a monarquía e ceder o poder. A ruptura definitiva chegou en 1945, cando Don Xoán tentou obter o apoio dos Aliados.

En 1969, Franco apartou a Xoán e nomeou como sucesor ao seu fillo Xoán Carlos, quen chegou a España para formarse baixo o control directo do ditador.

4) O Movemento Nacional:

En 1937, Franco ordenou a unificación de todas as forzas que o apoiaban, creando a FET-JONS, dominada polos falanxistas. Tras a derrota do Eixe na II Guerra Mundial, esta organización resultaba demasiado asociada ao fascismo, polo que foi integrada no chamado Movemento Nacional, definido legalmente en 1958 pola Lei dos Principios do Movemento Nacional.

Aínda que non se lle chamaba oficialmente partido, o Movemento Nacional era o partido único do réxime, con prohibición e represión de todos os demais. A súa ideoloxía combinaba: Fascismo atenuado (cada vez máis oculto), Tradicionalismo católico e conservador, Nacionalcatolicismo (catolicismo + nacionalismo español), Democracia orgánica (sen partidos, só a través de institucións controladas polo réxime), Corporativismo e intervencionismo estatal, Supresión dos dereitos individuais en favor da nación.

O Consello Nacional do Movemento era o seu órgano de dirección, e tiña ministerio propio no goberno.

6) Nacionalcatolicismo:

O nacionalcatolicismo foi unha das bases ideolóxicas principais do franquismo, unindo nacionalismo español e catolicismo como elementos inseparables. A Igrexa católica apoiou a sublevación de Franco, cualificándoa de “cruzada”, e recoñecendo a súa autoridade como «Caudillo pola graza de Deus».

A cambio dese apoio, o réxime:

  • Declarou á Igrexa católica como a única relixión permitida,
  • Concedeu control sobre a moral, costumes e educación,
  • Financiou á Igrexa desde o Estado.

O Concordato de 1953 entre España e o Vaticano:

  • Recoñecía o goberno de Franco,
  • Permitíalle propoñer bispos,
  • Garantía á Igrexa o control do ensino, a moral pública e a posesión de bens.

Nos anos 60, co Concílio Vaticano II e o papado de Xoán XXIII, a Igrexa iniciou unha desvinculación progresiva do réxime, e algúns sectores católicos mesmo pasaron á oposición, aínda que non maioritariamente.

7) Sindicalismo vertical:

O sindicalismo vertical durante o franquismo seguía o modelo fascista corporativista: elimináronse os sindicatos libres e todos os traballadores quedaron obrigados a formar parte de sindicatos verticais, que incluían tanto obreiros como empresarios baixo control do Ministerio de Traballo. Estes sindicatos organizábanse por profesións e integrábanse na Organización Sindical do Movemento, parte do réxime franquista.

O Estado controlaba os sindicatos e adoptaba unha postura paternalista, promovendo certas melloras laborais a través do Foro do Traballo de 1938, como o descanso dominical, vacacións pagadas, seguros sociais e limitacións ao traballo infantil e feminino.

10) Democracia orgánica:

A chamada «democracia orgánica» foi unha idea franquista que pretendía ser unha alternativa á democracia liberal, baseándose na representación da sociedade por medio dos seus «órganos naturais»: familia, concello e sindicato vertical. En realidade, tratábase dun intento de lexitimar o réxime ante o exterior, sen verdadeira participación cidadá.

As Cortes de 1942 eran só consultivas, con membros elixidos por Franco ou por cargos institucionais. A Lei Orgánica de 1967 introduciu cambios limitados, permitindo eleccións parciais, pero sempre con candidatos do réxime.

No ámbito local, os alcaldes eran designados polo goberno, e os concelleiros elixíanse en terzos: polos cabezas de familia, polo sindicato local e polas entidades locais. A Lei de Referendo (1945) permitía votar decisións importantes, pero sempre controladas por Franco; só se aplicou dúas veces.

II) A POSGUERRA (1939-1959):

3) A política exterior

Tras a Guerra Civil, o réxime franquista levou a cabo unha dura represión contra os vencidos. En 1940 había 300.000 presos políticos e producíronse arredor de 22.000 execucións. Esta violencia só se reduciu parcialmente a partir de 1943, cando a inminente derrota das potencias fascistas levou a Franco a moderar a represión para evitar a intervención dos Aliados. A oposición interior quedou practicamente desmantelada, quedando limitada ao exilio e a grupos guerrilleiros nas montañas.

O exilio republicano foi masivo, superando os 200.000 fuxidos, a maioría deles intelectuais, técnicos e profesionais cualificados. Moitos pasaron por campos de refuxiados en Francia, sufrindo represalias especialmente trala invasión nazi de 1940. Co tempo, moitos exiliados estableceríanse nas repúblicas latinoamericanas, destacando o caso de México, onde se instalou o goberno republicano no exilio. Tamén a URSS acolleu a moitos, especialmente comunistas. A súa acción política, con todo, foi perdendo forza a medida que o réxime se consolidaba e os Aliados renunciaban a deponer a Franco.

Paralelamente, grupos guerrilleiros ou «maquis», formados por antigos combatentes republicanos ou persoas refuxiadas nas montañas, organizaron focos de resistencia en zonas como Galicia, Asturias, os Pireneos ou Andalucía. Mal organizados e con poucos medios, foron progresivamente eliminados polas forzas do réxime. Algúns grupos resistiron ata mediados dos anos 50 e, illadamente, mesmo ata os anos 60, como o caso de O Piloto, morto en 1965.

No plano internacional, a política exterior franquista evolucionou desde o illamento inicial ata o recoñecemento mundial. Durante a Segunda Guerra Mundial, España mantívose oficialmente neutral, aínda que colaborou co Eixe, especialmente con Alemaña, a quen enviou a División Azul para combater contra a URSS. A partir de 1943, co xiro da guerra, Franco afastouse do fascismo e retomou a neutralidade.

Despois da guerra, os países aliados condenaron ao réxime franquista, que quedou illado diplomática e economicamente. España non foi admitida na ONU e só mantivo relacións con Portugal e algúns réximes latinoamericanos. Pero o inicio da Guerra Fría favoreceu a reintegración de Franco na escena internacional debido ao seu marcado anticomunismo. A partir de 1950, foron restablecéndose relacións diplomáticas cos países occidentais.

En 1953, o recoñecemento internacional consolidouse con dous acordos fundamentais: un novo Concordato co Vaticano e un pacto militar con Estados Unidos polo que España cedeu catro bases militares a cambio de axuda económica. Finalmente, en 1955, España foi admitida na ONU, no FMI e no Banco Mundial, e en 1959 selouse a alianza co bloque occidental coa visita do presidente Eisenhower a Franco en Madrid.

3) Economía da posguerra

Tras a Guerra Civil, a economía española quedou devastada e non conseguiu recuperar os niveis anteriores ao conflito ata finais dos anos 50. As causas foron múltiples: a destrución provocada pola guerra, o illamento internacional imposto polos Aliados tras a Segunda Guerra Mundial, e sobre todo, a implantación dunha política económica autárquica que buscaba a autosuficiencia, inspirada nos modelos fascistas, pero inaplicable nun país dependente do exterior para obter produtos básicos. A consecuencia foi unha situación de extrema pobreza, escaseza de bens, racionamento, e un mercado negro moi estendido coñecido como o “estraperlo”.

Durante a etapa de autarquía (1939-1950), o réxime intentou reactivar a economía sen contar co comercio exterior. Na agricultura, os resultados foron moi pobres pola falta de fertilizantes, maquinaria e combustibles. A propaganda falaba da «pertinaz sequía» ou das destruccións da guerra, pero o certo é que o sector quedou paralizado. Promoveuse a concentración parcelaria e a creación de novas zonas de cultivo a través do Instituto Nacional de Colonización, mais sen grandes resultados.

Na industria, o Estado interveu fortemente creando en 1941 o Instituto Nacional de Industria (INI), que controlaba ou creaba empresas en sectores estratéxicos. A falta de tecnoloxía e materias primas impediu un desenvolvemento real, e moitas industrias eran ineficientes e só sobrevivían grazas ao proteccionismo. A nacionalización do ferrocarril levou á creación de RENFE, pero non se mellorou a infraestrutura polo escaso investimento. O comercio estaba completamente controlado polo Estado e o comercio exterior sometido a acordos bilaterais e un complexo sistema de licenzas, o que favoreceu o contrabando e os prezos abusivos.

A partir de 1950 comezou unha lenta mellora económica grazas a dous factores fundamentais:

  • As boas colleitas
  • Os acordos con Estados Unidos, que trouxeron divisas, materias primas e combustibles.

Isto permitiu o inicio dun proceso de liberalización parcial, con certas aperturas ao investimento estranxeiro. En 1957, a entrada de técnicos liberais no goberno preparou o camiño para o cambio radical de 1959.

Nese tempo, tamén se produciron cambios demográficos importantes. Aumentou a natalidade e a poboación, e comezou un éxodo rural cara ás cidades e zonas industriais. Durante os anos 40 houbera un retroceso e un retorno ao campo pola necesidade de supervivencia, pero nos anos 50 reactivouse a industrialización, reducindo o peso da poboación agraria e asentando as bases para os profundos cambios económicos e sociais que chegarían na década seguinte.

III) O Desarrollismo

Entre 1959 e 1973, España viviu un período de forte crecemento económico coñecido como o «milagre español», iniciado co Plano de Estabilización de 1959, que puxo fin á autarquía e integrou o país na economía capitalista internacional. Grazas ao turismo, os investimentos estranxeiros e as remesas da emigración, España industrializouse rapidamente e mellorou o nivel de vida da poboación. Isto provocou grandes cambios sociais: urbanización, emigración interior, aumento da clase media e consumo masivo. Porén, estes avances contrastaban co inmobilismo político, pois seguía sendo unha ditadura nun contexto europeo democrático, o que facía inevitable a súa transformación tras a morte de Franco.

a) O Plano de Estabilización de 1959:

O Plano de Estabilización de 1959, elaborado polos tecnócratas co apoio do FMI, puxo fin á autarquía e introduciu reformas para liberalizar a economía e adaptala ao capitalismo occidental. Incluíu a liberalización dos prezos, do comercio exterior e dos investimentos, a devaluación da peseta e a redución do gasto público. A curto prazo provocou desemprego, baixada de salarios e emigración, pero sentou as bases do crecemento económico dos anos 60.

b) Planos de Desenvolvemento Económico e Social:

Os Planos de Desenvolvemento, impulsados polos tecnócratas franquistas, buscaron modernizar a economía española e integrala no mercado mundial. Foron tres: o I (1964-1966), o II (1969-1972) e o III (1972-1975). O obxectivo principal foi promover a industrialización, prioritariamente en sectores como a siderurxia, as refinerías de petróleo e a industria automobilística (SEAT, Citroën, Renault), que, beneficiándose das subvencións e dos baixos salarios, converteuse en clave para a economía.

A agricultura experimentou un crecemento moderado grazas á mecanización e melloras tecnolóxicas, pero a reducción de man de obra provocou un forte éxodo rural. En paralelo, a construción privada e o turismo tiveron un gran auxe, especialmente no arco mediterráneo e as illas, o que tamén impulsou a urbanización e a creación de infraestruturas como autopistas.

A pesar do crecemento espectacular do PIB (a renda per cápita duplicouse entre 1960 e 1972), a balanza comercial seguía sendo negativa, dado que o país dependía das importacións de materiais e enerxía. A pesar do progreso, este modelo non conseguiu absorber toda a man de obra excedente, o que levou a unha forte emigración interna e cara a países como Francia, Alemaña ou Suíza.

O crecemento tamén tivo impactos ambientais, como a destrucción das costas mediterráneas e o urbanismo desmesurado nas cidades.

2) Os cambios sociais

Durante os anos 60 e principios dos 70, a sociedade española experimentou unha transformación importante, impulsada polo desenvolvemento económico, o turismo, a emigración e a influencia dos medios de comunicación, especialmente a televisión. Ao final do franquismo, España converteuse nunha sociedade máis urbanizada, aberta e consumista, parecida á Europa occidental.

Os principais cambios sociais foron:

  • Aumento das clases medias: As clases medias creceron e pasaron a ser maioría.
  • Incorporación da muller ao traballo: A muller comezou a traballar fóra do fogar, aínda que a súa incorporación foi lenta.
  • Mudanza na familia tradicional: As estruturas familiares cambiaron, aínda que a moral conservadora seguíu presente.
  • Cambios nos costumes: A dieta diversificouse, mellorouse o poder adquisitivo e o acceso a bens duradeiros como coches e electrodomésticos.
  • Turismo e vacacións: O turismo e as vacacións familiares se popularizaron, e España converteuse nun destino importante.
  • Mellora educativa e sanitaria: A educación e a sanidade melloraron, grazas á expansión da Seguridade Social e a Lei de Educación de 1970.
  • Medios de comunicación: A televisión e o turismo liberalizaron os costumes, especialmente entre os xoves.
  • Mudanza na Igrexa: O Concilio Vaticano II introduciu cambios na Igrexa, facendo que algúns sectores católicos se enfrontasen ao réxime.
  • Moda e música: A influencia das tendencias europeas afectou a moda e a música, destacando o movemento dos cantautores.

A sociedade española modernizouse rapidamente, aínda que as áreas rurais mantiveron un ritmo máis lento de cambio.

4) O aumento e a reorganización da oposición (1959-1973)

Nos anos 60, coas melloras sociais e a represión máis moderada, a oposición ao franquismo creceu, especialmente en fronteiras como a universidade, o movemento obreiro e a Igrexa. As principais frontes foron:

  • A Universidade: As protestas empezaron en 1956 e aumentaron na década de 60, principalmente en Madrid e Barcelona, exixindo máis liberdades. O goberno respondeu con detencións, peches de universidades e expulsións de profesores como Tierno Galván.
  • O Movemento Obreiro: Aínda que foi duramente reprimido na posguerra, nos 60 o movemento obreiro volveu reorganizarse, destacándose en folgas e protestas, especialmente en Asturias, Cataluña e o País Vasco. A resposta do goberno foi a creación de tribunais e detencións masivas.
  • A Igrexa Católica: Co Concilio Vaticano II, algúns sectores progresistas dentro da Igrexa comezaron a separarse do réxime, aumentando a crítica ao franquismo por parte da xerarquía.
  • O Terrorismo: Grupos como ETA e outros grupos de esquerda radical usaron a violencia para loitar contra o réxime. A resposta de Franco foi aplicar duras medidas, como penas de morte e restricións no País Vasco, o que aumentou o apoio a ETA.
  • A oposición política: O PCE foi o partido máis activo na clandestinidade, mentres que o PSOE foi debilitado pola loita interna. En 1962, un congreso en Múnic reuniu á oposición democrática ao franquismo, pedindo a democratización de España e o fin da ditadura.

A pesar da represión, a oposición medrou en forza e organización, tanto dentro como fóra de España.

V) A crise final do franquismo (1973-1975):

Durante os anos 1973-1975, o franquismo viviu a súa crise final debido a varios factores clave: a decadencia física de Franco, os cambios socioeconómicos que xeneraron máis ansias de liberdade, a crise económica de 1973, e a división interna do réxime entre inmovilistas e aperturistas.

Crise económica: A crise de 1973, derivada do aumento dos prezos do petróleo, afectou á economía mundial. A maioría dos países occidentais reaccionaron, pero España non soubo adaptarse debido a motivos políticos e á inacción do réxime. Isto revelou deficiencias estruturais na economía española, como a dependencia tecnolóxica e a industrialización obsoleta, o que levou a un aumento do paro.

Crise política: En 1973, Franco nomeou a Luis Carrero Blanco como presidente do Goberno, pero a súa morte en atentado de ETA en decembro dese ano deixou ao réxime sen un líder claro. O novo presidente, Arias Navarro, non soubo facer fronte á situación, e a loita interna entre inmovilistas e aperturistas debilitou o réxime.

Incremento da oposición: A medida que se achegaba a morte de Franco, a oposición interna e externa gañaba forza. Internamente, grupos antes leais ao réxime comezaron a demandar reformas, e a Igrexa e o exército empezaron a distanciarse do franquismo. As protestas e as folgas aumentaron, e a violencia política de grupos como ETA e FRAP continuou. Exiliados políticos tamén se uniron para loitar contra o réxime.

Problemas exteriores: O conflito no Sáhara Occidental empeorou, cunha invasión marroquí apoiada por Marrocos que forzou a España a ceder a colonia do Sáhara á súa anexión, malia os acordos internacionais.

Morte de Franco: Franco morreu o 20 de novembro de 1975 tras un longo período de deterioración da súa saúde. A súa morte marcou o fin do réxime franquista, dando paso á transición política cara á democracia.

Este período é clave para entender os últimos momentos do franquismo e a transición cara á democracia en España.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *