A Restauración Borbónica e os seus Mecanismos de Control
Caciquismo
Sistema clientelar e conxunto de prácticas levadas a cabo polos caciques, personalidades influentes a nivel local que controlaban os resortes do poder e as eleccións nunha circunscrición electoral, para garantir a quenda de partidos durante a Restauración borbónica iniciada en 1875. Os caciques tiñan máis forza nas zonas rurais, onde controlaban os concellos, facían informes e certificados persoais, dirixían os sorteos das quintas, propuñan a distribución das contribucións, podían resolver ou complicar os trámites burocráticos e administrativos e proporcionaban postos de traballo.
Os caciques actuaban mediante o uso da forza, a coacción e a venda de favores, e valíanse do seu poder económico, estatus e influencias, de xeito que eran os caciques e non os electores quen decidían o resultado das eleccións. Cos “favores” caciquís agradecían a fidelidade electoral e discriminaban os que non respectaban os seus intereses. O lema dos caciques era: “para os inimigos a lei, para os amigos o favor”. Os chanzos máis importantes nas relacións clientelares de poder eran: a oligarquía madrileña, os Gobernadores Civís e os caciques. Todas estas prácticas explican a apatía electoral durante o período da Restauración.
Encadramento (Encaixado ou Encasillado)
Mecanismo de fraude electoral característico da Restauración borbónica para manter a quenda de partidos ou “turnismo”. Consistía na negociación da lista entre o goberno e a oposición dos candidatos que debían saír elixidos nas eleccións en cada distrito electoral. A lista era pactada polos dous partidos liberais monárquicos (o Conservador e o Liberal). A lista entregábase aos gobernadores civís de cada provincia para que a transmitisen aos alcaldes dos concellos, nomeados por ditos gobernadores. A nivel local, os caciques eran os encargados de garantir o resultado negociado, utilizando todos os medios ao seu alcance.
Pucheirazo
Fraude electoral, é dicir, manipulación dos resultados das votacións co fin de acadar o resultado desexado e conseguir situar ao candidato encadrado no Parlamento. O termo pucheirazo provén da substitución masiva dos votos emitidos no pucheiro ou urna electoral en beneficio do candidato oficial. Consistía nun conxunto de trampas, realizadas principalmente polos caciques para determinar o voto, que axudaban a conseguir a sistemática adulteración dos resultados electorais:
- A coacción física ou económica sobre os votantes (impedindo a propaganda da oposición e intimidando aos seus votantes ou non deixando actuar aos interventores).
- A compra directa de votos (aproveitando a pobreza na que vivía a maior parte da poboación).
- A manipulación do censo electoral (facendo votar persoas disfrazadas doutras falecidas, ausentes ou inexistentes ou impedindo votar ás vivas).
- A falsificación de actas electorais.
Foi unha operación frecuente no período da Restauración.
Rexeneracionismo
Corrente de pensamento xurdida a finais do século XIX, especialmente despois do Desastre de 1898, que pretendía modernizar a sociedade e o Estado españois e denunciaba os defectos do sistema da Restauración, defendendo a transparencia electoral e o desmantelamento do caciquismo. Sostiña que existía unha especie de dexeneración do español e que era precisa a rexeneración do país, soterrando as glorias pasadas. Defendía a necesidade de mellorar a situación do campo español e de elevar o nivel educativo e cultural, en exceso influídas pola doutrina católica. Entre os rexeneracionistas destacou Joaquín Costa, que denunciou a fraude electoral e o atraso económico e social de España.
Sistema de Quenda
Sistema político que garante a alternancia regular e pacífica no poder entre os partidos dinásticos, conservador e liberal, que renunciaban aos pronunciamentos como mecanismo para acceder ao goberno durante a Restauración borbónica. Tiña como obxectivo declarado evitar o intervencionismo do exército e os enfrontamentos políticos. O sistema foi ideado por Antonio Cánovas del Castillo, líder do Partido Conservador e sería posible pola colaboración do líder do Partido Liberal, Práxedes Mateo Sagasta. Iniciouse tras a chegada de Afonso XII a España en 1875 e desenvolveuse regularmente entre 1876 e 1898, cando o sistema entrou en crise; sendo maioría os gobernos conservadores.
A alternancia no poder facíase posible a través da manipulación electoral e a actuación dos caciques. Mentres que nos sistemas democráticos o partido que gaña as eleccións forma o goberno, a Restauración investía o proceso: cando un goberno experimentaba o desgaste da súa xestión, o rei encargaba formar goberno ao líder da oposición, quen convocaba eleccións, xa acordadas de antemán polos dous partidos, para ter maioría parlamentaria.
Sufraxio Universal
Sistema electoral que permite o dereito a exercer o voto e a ser elixidos a toda a poboación maior de idade. O sufraxio universal masculino foise implantando a finais do século XIX, e o sufraxio feminino ao longo do século XX. En España o sufraxio universal masculino estivo vixente en diferentes etapas (Constitución de 1812, Sexenio Democrático) e de forma definitiva dende 1890, e o sufraxio feminino aprobouse en 1931.
Crise da Restauración e Ditadura de Primo de Rivera
Agrarismo
Movemento social autóctono que se desenvolveu en Galicia no primeiro terzo do século XX que loitaba por que os labregos conseguisen a propiedade plena das terras que cultivaban en réxime de foro ou, en menor medida, de arrendamento ou de parcería. As organizacións agraristas, inspiradas por republicanos urbanos, polos rexionalistas ou polo catolicismo social, seguen o patrón das sociedades obreiras de resistencia e adoptan unha clara actitude anticaciquil. Entre elas salienta a Liga de Acción Galega, liderada por Basilio Álvarez.
Semana Tráxica
Movemento popular, apoiado por anarquistas, socialistas, catalanistas e republicanos, que tivo lugar en Barcelona en xullo de 1909, en protesta polo envío de reservistas a loitar na guerra de Marrocos. Provocou unha folga xeral e unha revolta social de signo antimilitarista e anticlerical, con levantamento de barricadas nas rúas e queima de igrexas e conventos, que foi duramente reprimida, e provocaría a caída do goberno de Maura.
Desastre de Annual
Derrota das tropas españolas na guerra de Marrocos en xullo de 1921 a mans das cabilas rifeñas comandadas por Abd-el-Krim, que atacaron por sorpresa o posto español de Annual provocando unha gran desbandada entre as tropas españolas. Supuxo grandes perdas territoriais, perdendo o territorio ocupado ao redor de Melilla, e numerosas baixas no exército, unhas 13.000, incluído o xeneral Silvestre, quen previamente avanzara polo Rif sen ter protexido suficientemente a súa retagarda nin ter asegurado os abastecementos.
Puxo en evidencia a deficiente organización do exército, integrado por soldados acabados de recrutar, sen preparación militar, que descoñecían o terreo e non estaban interesados na expansión colonial. Os rifeños fixéronse co control da zona proclamando a independencia da República do Rif. Todo isto indignou á opinión pública e acentuou a crise da Restauración pois acentuou o desprestixio do exército e do propio monarca, Afonso XIII, a quen se lle atribuíu parte da derrota.
Expediente Picasso
Informe redactado polo xeneral Picasso para depurar responsabilidades a raíz da derrota sufrida polo exército español en Annual (Marrocos) e presentado ante a Comisión de Responsabilidades do Congreso dos Deputados. Data de 1922 e é o resultado da presión exercida por numerosos grupos políticos e xornais para esixir responsabilidades polo Desastre de Annual. O informe denunciaba a neglixencia, corrupción e irregularidades dos militares e a actuación irresponsable do xeneral Silvestre, xefe das tropas. A oposición facía responsable do desastre en última instancia ao propio rei, Afonso XIII. En setembro de 1923, pouco antes de que o Congreso expuxese o seu ditame sobre o informe, o golpe de estado de Primo de Rivera impediu coñecer as súas conclusións.
Directorio Militar
Primeira etapa da Ditadura de Primo de Rivera, caracterizada por un goberno presidido polo xeneral Primo de Rivera e integrado exclusivamente por militares, entre 1923 e 1925, que se caracterizou pola restrición de dereitos e liberdades e, entre outras medidas, gobernou por decreto e declarou o estado de guerra en todo o país, suspendeu a Constitución, disolveu o parlamento e ilegalizou os partidos políticos e as organizacións obreiras. Formouse logo dun golpe de Estado apoiado polo rei Afonso XIII e puxo fin á guerra de Marrocos mediante o desembarco de Alhucemas de 1925.
Unión Patriótica
Partido único gobernamental, sen un programa ideolóxico claramente definido, creado en 1924, cuxa misión principal era proporcionarlle apoio social á ditadura de Primo de Rivera e seguir as directrices do poder. Os seus afiliados procedían basicamente das filas do catolicismo, dos funcionarios da administración e dos caciques rurais.
Pacto de San Sebastián
Acordo promovido por Alianza Republicana e asinado o 17 de agosto de 1930 pola oposición republicana (Manuel Azaña, Alejandro Lerroux, Niceto Alcalá-Zamora, Marcelino Domingo) e os catalanistas (Francesc Maciá) e galeguistas (Santiago Casares Quiroga) de esquerda para poñer fin á monarquía, ao que se uniron en outubro os socialistas e algúns intelectuais como Fernando de los Ríos, Ortega y Gasset e Gregorio Marañón. Neste acordo comprometéronse a derrocar a monarquía e establecer a república parlamentaria, garantir a liberdade política e relixiosa, convocar eleccións a Cortes constituíntes, abrir a posibilidade do recoñecemento da autonomía política das rexións e formar un comité revolucionario que actuaría como goberno provisional no inicio da nova república. Froito do pacto foi a coalición electoral destas forzas nas eleccións municipais de abril de 1931.
A Segunda República e a Guerra Civil
Bienio Negro
Etapa da II República, chamada tamén Bienio Conservador ou Radical-Cedista, datada entre novembro de 1933 e febreiro de 1936 e protagonizada por un goberno de centrodereitas presidido polo Partido Radical, encabezado por Lerroux, e co apoio da CEDA, liderada por Gil Robles, que puxo en marcha unha política revisionista das reformas do Bienio Reformista (subvencionou o culto católico, paralizou a reforma agraria e devolveu as terras aos antigos propietarios, …) e exerceu unha dura represión na revolución que se organizou en Asturias e Cataluña en 1934.
CEDA
Confederación Española de Dereitas Autónomas, partido de dereitas durante a II República, liderado por José María Gil Robles, que defendía a propiedade agraria, os intereses dos propietarios e o tradicional peso da Igrexa e do Exército. Foi creado en 1933, froito da fusión de Acción Popular con outros partidos de dereitas. Converteuse no partido de masas das dereitas que esixía a revisión da Constitución para adecuala aos principios da doutrina social e política cristiá.
Sanjurjada
Golpe de estado fracasado dirixido polo xeneral José Sanjurjo contra o goberno reformista de Azaña durante a II República, que tivo lugar en Sevilla o 10 de agosto de 1932. Os motivos do golpe foron a “depuración” militar e a deriva autonomista do goberno republicano-socialista. O golpe fracasou pola pouca preparación e pola efectividade dos servizos de información do exército republicano, pero constituíu un serio aviso de que a lealdade do exército non estaba, nin moito menos, garantida. Sanjurjo foi condenado a pena de morte e posteriormente amnistiado.
Fronte Popular
Coalición electoral de esquerdas, integrada por republicanos reformistas, o PSOE, o PCE e mais os nacionalistas galegos e cataláns, co apoio dos sindicatos, que gañou as eleccións de febreiro de 1936. O seu programa defendía a amnistía para os apresados pola revolución de outubro de 1934, a reintegración en cargos e postos de traballo para os represaliados por razóns políticas e a aplicación da lexislación reformista suspendida pola coalición radical-cedista durante o Bienio Negro. Gañaron as eleccións pero o seu goberno foi moi breve, dado que en xullo tivo lugar un golpe de Estado que daría orixe á Guerra Civil.
Brigadas Internacionais
Batallóns de voluntarios estranxeiros que viñeron loitar a España no decurso da Guerra Civil defendendo á República. Estaban integradas por militantes, traballadores e intelectuais demócratas, en xeral de esquerda progresista, especialmente marxistas ou comunistas, de distintos países. Houbo máis de 60.000 brigadistas de máis de 50 países, pero destaca a achega de franceses, alemáns, austríacos, italianos, británicos e estadounidenses, movidos pola solidariedade internacional antifascista e a miúdo organizados polo Komintern (a Internacional comunista). Interpretaron a guerra de España como unha nova fronte de loita contra o fascismo. Tiveron un papel destacado na defensa de Madrid en novembro de 1936. Abandonaron o país logo da derrota da Batalla do Ebro (outubro de 1938) polas presións do Comité de Non Intervención. A súa base de adestramento foi Albacete.
FAI
Federación Anarquista Ibérica, constituída en 1927 co obxectivo de incrementar a influencia anarquista no interior da CNT. Era a corrente anarquista máis radical e revolucionaria e defendía a acción directa, a folga xeral e a vía insurreccional e armada para establecer o anarquismo libertario. Estaba liderada por Durruti, Ascaso e García Oliver. En 1936 contaba cuns 160.000 afiliados. Os seus enfrontamentos internos acabaron por debilitala. Disolveuse tras a Guerra Civil.
FET das XONS
Falanxe Española Tradicionalista e das Xuntas de Ofensiva Nacional Sindicalista, partido único durante a ditadura do xeneral Franco creado en abril de 1937, unificando a falanxistas e carlistas e integrando todas as demais forzas “nacionais”. Encadrou os adherentes máis activos do franquismo, que ocuparon os principais cargos da administración. Foi tamén o grande instrumento de difusión do discurso oficial do réxime e exerceu o control dos medios de comunicación e propaganda.
Lexión Cóndor
Aviación enviada pola Alemaña nazi en axuda dos sublevados (bando franquista) durante a guerra civil, que en abril de 1937 protagonizou o primeiro bombardeo aéreo do mundo sobre unha poboación civil en Guernica. Constituíu unha ferramenta fundamental para a vitoria franquista. Hitler empregou a guerra civil española como banco de probas para a próxima guerra mundial. Esta axuda supuña saltarse os acordos do Comité de Non Intervención e pagaríase con minerais e outros produtos unha vez rematada a guerra.
