Terminoloxía Histórica: Da Prehistoria ao Final do Medievo
Aula Regia
Aula Regia: Asemblea principal da monarquía visigoda composta polo rei e os principais membros da orde nobiliar e eclesiástica. Actuaba a modo de Consello Real e colaboraba co monarca no goberno, elaboración das leis e administración da xustiza. Unha das súas funcións principais era a elección do novo monarca.
Bárbaros
Bárbaros: Pobos que habitaban máis alá da fronteira romana que denominaban Xermania. Inicialmente o termo facía referencia aos estranxeiros, pero foi adquirindo un sentido pexorativo posto que os romanos consideraban a estes pobos como inferiores, salvaxes e incivilizados. Ao longo dos séculos IV e V, estes pobos foron penetrando no Imperio Romano e asentándose nel ata provocar a súa desaparición. En Galicia instaláronse os suevos no 409 e formarían un reino que perduraría ata 585, cando foron conquistados polo rei visigodo Leovixildo.
A Idade do Ferro e a Romanización
Castro
Castro: Poboado ou asentamento fortificado prerromano que dá nome á cultura castrexa. A cultura castrexa localízase no noroeste peninsular. Predominan as vivendas de planta circular e cuberta de palla. Atópanse en lugares estratéxicos, para facilitar a súa defensa e o control visual do territorio. A cultura castrexa é o resultado da mestura dos pobos indoeuropeos que chegaron á península a comezos do primeiro milenio a. C.
Conventus
Conventus: División territorial das provincias da Península Ibérica durante a dominación romana. A súa principal función era xudicial. Na orixe, as reunións eran conxuntas entre os romanos e a aristocracia indíxena local. En tempos de Augusto existían en Hispania 14 conventus:
- Catro na rexión Bética.
- Sete na Tarraconense.
- Tres na Lusitania.
Prehistoria e Sistemas Económicos
Economía preparadora
Economía preparadora: Sistema económico propio do Paleolítico baseado en consumir os recursos da natureza sen xerar produción. Baséase na caza de animais, a pesca e a recolección de froitos silvestres. Obriga a un estilo de vida nómade en busca de alimentos. Foi superado no Neolítico cando se desenvolveu a agricultura e a gandaría, o que permitiu o sedentarismo e a formación de poboados estables.
Megalitismo
Megalitismo: Expresión cultural que xorde no Neolítico e se prolonga ata o Bronce Final, caracterizada polas construcións arquitectónicas feitas con grandes bloques de pedra. Desenvólvese no Mediterráneo e na Europa atlántica. As principais construcións megalíticas son:
- Os enterramentos colectivos (dólmenes).
- O menhir ou pedra fincada.
- O cromlech ou círculos líticos.
Os dólmenes constan dunha cámara sepulcral precedida ou non de corredor, e o tholos ten falsa cúpula. É posible que os menhires fosen indicadores de camiños ou delimitacións territoriais e que os cromlech estivesen relacionados con cultos propiciatorios do ciclo agrícola.
A Reconquista e a Estrutura Feudal
Carta de poboamento
Carta de poboamento: Documento no que o monarca outorgaba privilexios como modo de incentivo aos poboadores de novos terreos conquistados a Al-Ándalus. Foi practicado durante a Reconquista co fin de promover o asentamento de núcleos cristiáns para afianzar as posicións recentemente adquiridas. A Coroa incentivaba esta repoboación para crear un contrapeso ao poder da nobreza, tratando que a nobreza non fose quen de adquirir as novas terras, aínda que a propia nobreza podía crear este tipo de documentos dentro dos seus propios territorios.
Manso
Manso: Unidade de explotación familiar que o señor feudal cedía en usufruto a un colono libre ou a un servo a cambio de certas prestacións e censos. Xunto coa reserva señorial, constituían os elementos básicos de explotación dos feudos na Alta Idade Media.
Marca Hispánica
Marca Hispánica: Espazo xeográfico no norte pirenaico da Península Ibérica creado por Carlomagno no século VIII que actuaba como zona limítrofe con Al-Ándalus para frear a súa expansión. Aínda que pretendía abarcar ata o val do Ebro, a derrota de Roncesvales limitou o territorio controlado. A organización do territorio estaba a cargo de diferentes condes nomeados polos propios monarcas carolinxios, pero ante a progresiva debilidade destes, no século IX os condes da marca foron asumindo maior poder ata formar condados independentes. Os condados xurdidos da Marca Hispánica foron Navarra, Aragón e os condados cataláns.
Presura
Presura: Forma inicial de repoboación organizada polos cristiáns a partir de finais do século VIII para ocupar as terras ermas, pouco poboadas ou que se ían reconquistando aos musulmáns. Os reis autorizaban a establecerse nun determinado territorio, que pasaba a ser propiedade de quen o ocupase e explotase. Houbo dúas modalidades:
- A oficial: Desenvolvida polo rei ou polos seus delegados.
- A privada: Efectuada por nobres, eclesiásticos ou familias de campesiños libres.
Taifas
Taifas: Cada un dos reinos nos que se dividiu Al-Ándalus logo da disgregación do califato de Córdoba. Configuráronse máis de vinte reinos de taifas independentes como Sevilla, Badaxoz, Toledo, etc. O número de taifas foise reducindo co tempo, pois as de maior poder anexionaron as máis pequenas. Debido á súa debilidade, para evitar a conquista polos cristiáns, moitas taifas pagaron parias aos reinos cristiáns. A última taifa en sobrevivir será o reino nazarí de Granada, conquistada polos Reis Católicos en 1492.
