Un antecedente: A Revolución de 1905
Causas da crise
En 1905, Rusia foi derrotada na guerra ruso-xaponesa e o tsar tivo que firmar unha paz desfavorable cos xaponeses. Isto desencadeou as revoltas de 1905 debido aos seguintes factores:
- Descubriuse que era un sistema absolutista incapaz de enfrontarse aos retos da guerra moderna.
- Os privilexiados premían para manter a guerra.
- Xurdiron grupos como a burguesía urbana que pedían reformas políticas, a creación dunha Duma e a legalización dos partidos políticos.
- Houbo un forte conflito social, xa que aumentaron as protestas campesiñas e os conflitos dos traballadores urbanos.
- Aumentaron as protestas das distintas nacionalidades para lograr o recoñecemento dos seus dereitos.
- Unha profunda crise económica que provocaba unha deterioración das condicións de vida.
Ante esta situación, impuxéronse as posturas autoritarias do tsarismo, que entendeu as protestas como un desafío.
O inicio da revolución: O Domingo Sanguento
O 22 de xaneiro de 1905, unha multitude de campesiños dirixiuse ao Palacio de Inverno de San Petersburgo, residencia do tsar, coa intención de protestar pola suba no prezo do pan. A represión foi moi dura e faleceron decenas de manifestantes; este suceso é coñecido como o Domingo Sanguento. As protestas estendéronse por todo o imperio, nun clima de descontento xeneralizado que preparou a Revolución de 1905.
A Revolución de 1905
Durante 1905 aumentaron as protestas en diferentes ámbitos:
- Os partidos políticos clandestinos desenvolveron unha oposición contra a guerra. En xuño de 1905, a tripulación do acoirazado Potemkin amotínouse.
- A protesta estendeuse aos centros industriais en forma de organización comunitaria: os soviets. Tratábase de consellos de traballadores con capacidade de decisión e organización.
- Os campesiños esixiron a fin dos abusos dos terratenentes.
A revolución de 1905 foi liderada polo Sóviet de San Petersburgo, no que destacou o socialista León Trotsky. O tsar rematou por aceptar as propostas e promulgou un decreto imperial denominado Manifesto de Outubro, no que se concedían algunhas das demandas dos revolucionarios:
- Recoñecéronse as liberdades civís básicas.
- Concedéuselle representatividade á Duma con poderes lexislativos.
- Os seus representantes serían elixidos mediante sufraxio universal.
Porén, as reformas foron moi limitadas e o poder absoluto do tsar diminuíu pouco. Fracasou a reforma agraria e axiña retornou a represión política.
A Revolución de 1917
A Revolución de Febreiro: A caída do tsarismo
O ensaio revolucionario de 1905 resultou decisivo para a formación das forzas políticas claves na Revolución de 1917. Os bolxeviques souberon encabezar a sublevación mentres a Primeira Guerra Mundial debilitaba ao tsar. As folgas e protestas de 1917 caracterizáronse por:
- A finais de mes, en Petrogrado, a situación escapaba do control do tsar. A folga xeral convocada polos obreiros rematou sendo apoiada polos soldados.
- Estendéronse os soviets obreiros, aos que se uniron as asembleas de soldados.
- A disolución da Duma por Nicolao II empurrou tamén aos Kadetes a opoñerse ao tsar, que quedou case sen apoios.
- Estableceuse un goberno provisional presidido polo príncipe Lvov.
- Ante a presión do Sóviet de Petrogrado e do Goberno provisional, e tamén ante a perda do control do exército, o tsar Nicolao II abdicou o 2 de marzo de 1917.
- O Sóviet e a Duma acordaron formar un Goberno provisional. Kerensky foi nomeado ministro de Xustiza.
De marzo a outubro: O Goberno provisional
Entre marzo e outubro houbo en Rusia dous poderes paralelos: o do Goberno provisional e o dos sóviets. Os bolxeviques opoñíanse a colaborar co Goberno. O Goberno provisional intentou unha serie de reformas moderadas:
- Declarou unha amnistía.
- Recoñeceu as liberdades civís e disolveu a policía tsarista (Okhrana).
- Prometeu entregar terras dos terratenentes aos campesiños.
- Preparou a elección por sufraxio universal dunha Asemblea Constituínte como paso para unha república parlamentaria.
- Recoñeceu o dereito á independencia de Finlandia e Polonia.
A ditadura stalinista
A etapa de Stalin caracterízase por:
- Culto á personalidade do líder.
- Represión e eliminación de toda oposición.
En 1936, adaptouse unha Constitución que legalizaba a ditadura. Recoñecía a formación da URSS e o sufraxio universal, pero soamente os membros do PCUS podían ser candidatos; nunca se celebraron unhas eleccións libres. Os membros do Partido Comunista foron creando unha burocracia privilexiada, a nomenklatura.
En 1934, Stalin crea unha policía política, a NKVD (Comité do Pobo para Asuntos Internos), que foi o instrumento executor da represión. Aplicáronse campañas de encarceramento e asasinato aos opositores políticos chamadas purgas. Moitos opositores foron enviados aos campos de traballos forzados coñecidos como Gulags.
A NEP e o nacemento da URSS
Para saír da crise, presentouse no X Congreso do Partido Comunista (marzo de 1921) a Nova Política Económica (NEP), que se mantivo ata 1928. A NEP era unha solución transitoria para a crise económica. Formulaba un sistema mixto que permitía o mercado libre pero mantiña os sectores clave da economía en mans do Estado:
- A economía afastouse dos mecanismos de control de produción usados durante a guerra.
- Detivéronse as nacionalizacións das terras e as colectivizacións.
- As entregas forzosas de gran foron substituídas por un imposto en especie.
- O Estado seguía controlando os sectores estratéxicos e era o principal produtor e consumidor da economía do país.
- Restableceuse a economía monetaria e cuñouse un novo rublo.
Nun principio os resultados foron positivos, pero a NEP deu lugar á aparición dun campesiñado próspero, os kulaks, e ao enriquecemento de comerciantes e empresarios. Entre 1921 e 1922 endurecéronse as políticas:
- Prohibíronse as correntes internas no Partido Comunista.
- As revoltas foron esmagadas polo exército.
- Houbo unha forte represión contra toda a oposición política.
- Os dereitos civís foron recortados, detivéronse intelectuais críticos e a Igrexa foi perseguida.
En 1922, creouse a Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (URSS), á que se uniron Ucraína, Bielorrusia, Transcaucasia e Rusia. Entre 1925 e 1940 fóronse agregando novas repúblicas. Tiñan autonomía administrativa en asuntos culturais, educativos ou organización xudicial, mentres que asumían a centralización da política exterior e a planificación económica.
O novo Estado dotouse en 1924 dunha Constitución que garantía unha democracia formal, pero impedía calquera tipo de oposición política, xa que as tarefas do goberno eran monopolizadas polo PCUS. O país estaba ordenado por:
- O Congreso dos Sóviets, que designaba os cargos do goberno.
- O Sóviet Supremo ou Comité Central, con dúas cámaras: o Consello da Unión e o Congreso das Nacionalidades.
- O Presidium ou Consello de Comisarios, dotado de amplos poderes federais.
Glosario de Termos Revolucionarios
- Okhrana: policía secreta que exercía a censura e o control político na Rusia tsarista.
- Mencheviques: «minoritarios» en ruso. Facción de socialistas moderados que defendían que Rusia debía pasar por unha revolución burguesa antes da socialista.
- Bolxeviques: «maioritarios» en ruso. Socialistas radicais liderados por Lenin que buscaban establecer a ditadura do proletariado.
- Eseristas: membros do Partido Socialista Revolucionario, defensores do socialismo agrario.
- Cadetes: membros do Partido Constitucional Demócrata que pretendían un réxime constitucional.
- Kulak: campesiño ruso adinerado con facenda propia.
- Sóviet: palabra rusa que significa “asemblea”. Organismos clave formados por traballadores e soldados.
- Amnistía: perdón legal dos delitos.
- Goberno provisional: goberno de corte liberal formado tras a abdicación do tsar en febreiro de 1917.
- Crise de abril: momento no que Lenin expuxo as Teses de abril, pedindo todo o poder para os sóviets.
- Garda Vermella: grupos armados de obreiros creados para defender a revolución.
- Exército Vermello: exército organizado por Trotski durante a guerra civil rusa.
- Rusos brancos: forzas contrarrevolucionarias prozaristas que loitaron contra os bolxeviques.
- Komintern: Internacional Comunista creada en 1919 para estender a revolución mundial.
- Ditadura do proletariado: período de transición ao comunismo onde o poder é exercido polos traballadores.
- Politburó: máximo órgano de dirección do Partido Comunista.
- Revolución permanente: teoría de Trotski sobre a necesidade de estender a revolución a outros países.
- Socialismo nun só país: teoría de Stalin para consolidar o socialismo na URSS antes da revolución mundial.
- NKVD: policía política de Stalin, executora das purgas.
- Purga: campaña de eliminación de opositores políticos.
- Gulag: sistema de campos de traballos forzados soviéticos.
- Nomenklatura: elite burocrática e privilexiada do sistema soviético.
- Plan quinquenal: plans económicos de cinco anos deseñados polo Estado.
Os felices anos vinte nos Estados Unidos
EE. UU. foi o país máis beneficiado economicamente pola I Guerra Mundial polas seguintes razóns:
- Gran desenvolvemento industrial como consecuencia do aumento de produción.
- Foi o maior prestamista aos países europeos, recibindo grandes capitais pola devolución de préstamos.
- Abundancia de capitais, o que fixo que o crédito fose barato e abundante.
- Aplicación do sistema de produción en cadea e a taylorización, aumentando a produción a baixo custo.
Os mercados destinatarios foron:
- Mercados exteriores: anteriormente abastecidos por Europa.
- Mercado interior: a poboación accedeu ao consumo masivo grazas á publicidade, ao márketing e á venda a crédito.
Os límites e problemas da expansión económica
Dous procesos anunciaban a proximidade da crise:
- SUPERPRODUCIÓN: A produción agraria e industrial superou a capacidade de consumo. Xurdiron os stocks (produtos sen vender), o que provocou a baixada de prezos, desemprego e falta de modernización.
- ESPECULACIÓN: Ante a superprodución industrial, a burguesía investiu na bolsa de valores buscando ganancias rápidas a curto prazo, o que inflou artificialmente as cotizacións.
O crack de 1929 e a Gran Depresión
En 1929, o medo estendeuse entre os investidores, que venderon masivamente as súas accións. Entre o 24 de outubro (Xoves Negro) e o 29 de outubro de 1929, a bolsa de Nova York (Wall Street) esborrallouse. As características da Gran Depresión foron:
- Os investidores perderon o seu capital e non puideron pagar préstamos.
- Destrución do aforro e redución drástica do crédito e o consumo.
- Os bancos afundíronse ao retirarse os aforros de golpe.
- Crise industrial e enormes taxas de paro.
- Miseria extrema no mundo rural polo afundimento de prezos.
A crise estendeuse ao resto do mundo a través do comercio internacional (proteccionismo) e as finanzas (repatriación de capitais), afectando especialmente a Alemaña, Austria e o Reino Unido.
As consecuencias sociais e políticas da crise (Crack do 29)
En 1932 había uns 30 millóns de parados no mundo industrializado. A miseria e o medo á proletarización das clases medias provocaron folgas e un sentimento de inxustiza. O temor ao «perigo vermello» (comunismo) impulsou o xurdimento de grupos de extrema dereita e unha forte represión.
Cambios sociais
- Nacemento dos «novos ricos» (burgueses adiñeirados).
- Diminución da poboación agrícola e aumento da clase obreira e do sector terciario.
- Emancipación da muller tras a Primeira Guerra Mundial.
- Visión pesimista da vida entre intelectuais e artistas.
Cambios políticos
Os Estados adoptaron un intervencionismo crecente. En Europa, a crise facilitou o ascenso de partidos autoritarios que propoñían o control estatal da economía.
A aparición dunha cultura de masas
O desenvolvemento dos medios de comunicación permitiu o lecer popular:
- A prensa converteuse no «cuarto poder».
- A radio viviu a súa idade de ouro.
- O cine sonoro consolidouse como o espectáculo máis popular.
- Auxe das competicións deportivas de masas.
Glosario de Termos Económicos e Conceptos Clave
- Patrón ouro: sistema onde as moedas son cambiables por unha cantidade fixa de ouro.
- Política deflacionista: medidas para frear a alza de prezos reducindo o diñeiro en circulación.
- Inflación: subida sostida dos prezos que fai que o diñeiro perda valor.
- Débeda exterior: débeda dun país con outro.
- Balanza comercial: diferenza entre exportacións e importacións.
- Recesión: fase de crecemento económico negativo.
- Proteccionismo: aranceis elevados para protexer a produción nacional.
- Produción en masa: fabricación de grandes cantidades a baixo custo (Fordismo).
- Taylorismo: organización científica do traballo baseada na división de tarefas.
- Burbulla especulativa: sobrevaloración de accións por riba do seu valor real.
- Crack: caída brusca e repentina dos valores bolsistas.
- Xoves Negro: 24 de outubro de 1929, inicio do crack de Wall Street.
- New Deal: medidas de Roosevelt para relanzar a economía estadounidense en 1933.
- Autarquía: política de autosuficiencia económica sen recorrer a importacións.
