1. A Nova Monarquía dos Reis Católicos (Século XV)
En 1469 deuse a **unión dinástica** dos herdeiros de Castela e Aragón (**Isabel I** e **Fernando II**). Crearon unha monarquía baixo un mesmo escudo cos símbolos de Castela e Aragón. Repartíronse as funcións de goberno e administraron conxuntamente os territorios. Ambos tiñan poder de decisión e gobernaban nun mesmo nivel (lema: *tanto monta o rei como a raíña*), pero cada reino conservaba as súas leis, institucións, fronteiras e aduanas.
Por unha banda, buscaban que a monarquía fose **autoritaria**. Someten os señores feudais restándolles poder e interveñen nos asuntos eclesiásticos, apropiándose de rendas e limitando a súa autoridade. Este modelo autoritario descontentou a moitos nobres que se rebelaron, pero foron sometidos:
- Castela: A **Santa Irmandade** (1476) impuxo a autoridade real para controlar e someter os nobres indisciplinados e bandoleiros, pacificando o territorio.
- Cataluña: A alianza cos campesiños **remensas** (1486) conseguiu o apoio do pobo uníndose contra o abuso feudal por parte da nobreza.
- Derrubamento de fortalezas e castelos feudais onde se refuxiaban os señores.
- Creación do **exército permanente**: independente dos nobres, alistando mercenarios para conquistar, manter as guerras e dominar á nobreza.
A nobreza pasou a ocupar altos cargos como funcionarios dos reis:
- Correxidores: Representantes dos reis nas cidades/zonas urbanas, controlaban a orde pública, a xustiza e a vida municipal seguindo mandatos reais.
- Gobernadores, vicerreis e lugartenentes reais: Administraban territorios ou posesións reais.
- Consello Real: Principal órgano asesor do goberno que se organizaba en comités.
- Chancelerías e Audiencias: Órganos encargados da xustiza e recadación de impostos/homes para a guerra. Impuñan a autoridade real en tribunais supremos.
Por outra banda, pretendían garantir a paz conservando as diferentes culturas e relixións, así como respectando as fronteiras con Al-Andalus (os xudeus, islámicos, etc., presentaban as maiores riquezas e formacións intelectuais). Todo cambiou cando o Papa descubriu o casamento e o condicionou coa total consolidación e imposición do **catolicismo** no reino. Para poder casarse, os Reis reformaron os mosteiros con dirixentes casteláns cristiáns e obrigaron ás diferentes culturas a converterse. Os xudeus estaban obrigados a levar unha marca distintiva e vivir en barrios diferenciados, as **alxamas**.
Crearon o **Tribunal da Inquisición** (1478), un órgano de xustiza paralelo aos Reis que controlaba e impuña o comportamento católico, condenando os practicantes de distintas relixións, especialmente os falsos conversos, e loitando pola **unicidade católica**. Finalmente, a finais do século, para establecer a total unidade relixiosa, expulsaron os xudeus en **1492** e buscaron conquistar o territorio de Al-Andalus.
2. A Configuración do Imperio Español (Século XVI)
Austrias Maiores: Carlos I e Filipe II
Os Reis Católicos tiñan un modelo de política exterior onde casaron as súas fillas con herdeiros de coroas europeas para obter e gañar territorios. Tras morrer Isabel, o reinado recaeu nas mans da súa filla, **Xoana I de Castela**, casada en Flandres; iniciando o reinado dos **Austrias**. Porén, debido aos seus problemas psicolóxicos (chamábana *a Tola*), o seu marido e pai aproveitaron para gobernar no seu lugar e encerrárona nun castelo austríaco.
Sucesivamente, en 1516, o reinado recaeu sobre **Carlos I**, o fillo maior de Xoana, un austríaco que non coñecía a lingua española e que non estaba inicialmente interesado en reinar. Herdaba ao longo de catro anos a Coroa española coas posesións en América e Europa, a de Aragón no Mediterráneo, o Sacro Imperio Xermánico (Países Baixos) e, por parte do seu avó paterno, Austria. Carlos I consolidou un gran dominio en Europa que atemorizou a outras coroas como Inglaterra ou Francia.
Formou unha **Corte itinerante**: pasaba certo tempo en cada territorio, estando ausente por longos períodos, con moitas viaxes de altos custos subvencionadas con tributos á Coroa de Castela. Debido á actuación real, naceu un rexeitamento imperial no interior do imperio, reflectido en múltiples rebelións, das que destacan en 1520:
- Castela (Comunidades): Nobres alzáronse en busca de manter as liberdades do reino (sen pagar os tributos das viaxes) e esixían que os altos cargos nas Cortes fosen ocupados por casteláns e non por estranxeiros flamengos. O rei someteu a Castela baixo o autoritarismo real, matou os dirixentes da rebelión, pero restableceu os altos cargos casteláns na corte.
- Aragón (Xermanías): Revoltas antinobiliarias campesiñas contra a peste e os abusos feudais, sometidas pola monarquía que apoiaba á nobreza.
No exterior apareceron guerras e conflitos pola rivalidade con Francia, a **ameaza turca** que avanzaba no Mediterráneo e a expansión do **protestantismo** contra a unidade relixiosa católica.
Debido á dificultade de manter tantos territorios e o esgotamento polas constantes loitas, Carlos I acabou enfermo e abdicou en 1556. **Filipe II** herda as coroas de España e Borgoña e as posesións italianas e europeas, e o seu irmán herda o territorio de Austria.
Filipe II e a Máxima Extensión do Imperio
Filipe II ademais reclamou o territorio de Portugal tras a morte do seu rei (sen descendencia directa) por ser fillo dunha princesa portuguesa. Enviou un exército que conseguiu a **anexión de Portugal (1580)** aos territorios herdados, conservando as leis e institucións propias; logrando por primeira vez a **unidade peninsular**.
Gobernou o imperio na súa máxima extensión, pero ademais de herdar os territorios, tamén herdou os problemas interiores e exteriores. Viviu diversas rebelións das que destacan:
- Rebelión en Flandres (Países Baixos): Mentres que o Sur permaneceu fiel ao catolicismo e ao imperio, no norte aumentou a influencia protestante alemá. En Holanda, os gobernadores manifestáronse en contra do catolicismo. A pesar da resistencia do exército español do **Duque de Alba**, a rebelión non cedeu. Debido á presión, o apoio dos ingleses e a outros conflitos, Holanda pasou a ser independente.
- Guerra con Inglaterra: Inglaterra estaba inimizada co Imperio Español debido a conflitos económicos, políticos e relixiosos. Mandaba piratas para interceptar o comercio entre España e América, apoiou a revolta protestante en Flandres e asasinara a raíña escocesa católica en 1587, motivos polos que Filipe II pretendía invadir Inglaterra en 1588. A **Grande Armada** estaba disposta a embarcar en Flandres para o asalto, pero foi freada polos ataques de Inglaterra que, unidos á meteoroloxía e aos malos mandos, acabaron afundíndoa.
3. A Crise do Século XVII (Finais do S. XVI – S. XVII)
Reinado dos Austrias Menores: Filipe III e Filipe IV
Durante o reinado dos Austrias Maiores no S. XVI, o Imperio Español viviu un período de **esplendor político, demográfico e económico** debido ao comercio con América, a expansión territorial e as vitorias militares; consolidando unha gran hexemonía. A partir de 1580, iniciouse un período de **decadencia** que se expandiu durante o reinado dos Austrias Menores.
Malas colleitas e a mala alimentación produciron grandes perdas demográficas polas escasas defensas do pobo ante epidemias. Caeu a produción artesanal e agrícola e naceu a **crise de subsistencia** por escaseza de recursos, unha crise acompañada de derrotas militares, endebedamento e perda de territorios.
Pola complexidade das funcións de goberno, os reis confiaron o seu reinado a **validos**, persoas de confianza que gobernaban no seu lugar. Durante o Reinado dos Austrias Menores, España perdeu poder en Europa e sufriu o descenso do comercio con América.
Filipe III e o Duque de Lerma
No lugar de Filipe III gobernou o **Duque de Lerma** (1598), quen expulsou os **mouriscos** en 1609, agravando a crise demográfica. Esta expulsión representou unha gran perda da man de obra, pois a maioría dos mouriscos traballaban no agro; a crise de subsistencia empeorou. Os campesiños, escasos de recursos, non podían pagar os tributos feudais e a **Facenda Real** entrou en quebra (pagaban parte das súas colleitas). Non había homes para a guerra nin cartos para mantelas. España perdeu parte da súa hexemonía e pediu préstamos a estranxeiros, quedando endebedada e favorecendo aos inimigos. (Fase de recuperación económica pero non política a finais do século S. XVII).
Filipe IV e o Conde-Duque de Olivares
No reinado de Filipe IV, o valido **Conde-Duque de Olivares** (1621) creou a **Unión de Armas** (1625), un proxecto que establecía unha política de **castelanización** que eliminaba os privilexios dos territorios de antigas coroas para que funcionasen baixo as leis de Castela: debían recrutar homes para o exército e pagar tributos para a guerra (para saír da crise).
A reforma non foi aceptada e, xunto co descontento da crise, naceron múltiples rebelións (1640):
- Rebelión en Cataluña: Os segadores viviron a guerra con Francia de primeira man. Sen apenas recursos, debían aloxar e manter soldados nas casas e pagar altos tributos para a guerra pola instauración da Unión de Armas. Descontentos, rebeláronse contra a Monarquía e mataron o vicerrei. Olivares mandou un exército, pero fallou e, en consecuencia, os cataláns negociaron a unión con Francia. Ante a noticia, España mandou un exército diplomático e prometeu devolverlles os privilexios a cambio de que perdurasen dentro da Coroa, proposición aceptada polo temor ao goberno francés.
- Rebelión de Portugal: Debido á política de castelanización, a recrutación de soldados portugueses para a guerra, a perda de colonias portuguesas polas derrotas militares españolas e a debilidade da Monarquía polas múltiples rebelións, os nobiliarios conspiraron en contra do Rei e proclamaron un novo (nobre). Declararon a guerra a España e, tras numerosos intentos de reconquista, acabouse aceptando a **independencia de Portugal (1668)**.
4. A Economía e Sociedade na Galicia dos Austrias
Durante o Reinado dos Austrias, a sociedade e economía galega era fundamentalmente **agraria**, ligada ás posibilidades produtivas da terra. Ata finais do S. XVI, cultivábase trigo e centeo de forma tradicional feudal con longos barbeitos. Aumentou a poboación, pero tamén a demanda. Galicia viviu un período de **crise de subsistencia** debido a malas colleitas e aos elevados impostos, pestes e fame: baixou a demografía.
Era un vínculo indirecto con América, un punto **xeoestratéxico** que recibía as embarcacións con mercadorías americanas que fuxían de piratas ingleses. Chegaron produtos como o **millo** no S. XVII, un cereal moi resistente e produtivo xa que non requiría de longos barbeitos e que axudou, xunto coa pesca, a superar a crise de subsistencia. A poboación creceu de forma sa e sobreviviu ás epidemias en contraste coa crise do S. XVII en Europa.
En Galicia había unicamente tres cidades características:
- Coruña: Capital da administración.
- Santiago: Centro relixioso.
- Pontevedra: Porto pesqueiro no S. XVI.
En Terra Nova pescábase e comercializábase **bacallau**, e o aceite do fígado (propiedades medicinais), e sardiña en salgadura con Europa, especialmente Flandres. Unha gran fonte de ingresos que se interrompeu no S. XVII polos ataques de piratas ingleses. A Coroa centrábase en protexer os barcos con metais preciosos de América e non protexían nin atendían estas embarcacións.
Os nobres galegos ausentáronse neste período, pois mudaron para exercer altos cargos nas cortes reais. Mentres, na sociedade galega naceu a **fidalguía** no S. XVII, unha nobreza baixa con menos clase que os eclesiásticos que vivía en **Pazos/Casas Grandes** e que actuaba como intermediaria entre a Igrexa e o pobo recadando impostos e colleitas.
5. Conquista e Explotación da América Española
O Descubrimento e a Expansión
Anteriormente á conquista de América, realizábanse expedicións polo leste cara a Asia para exportar especias pasando polo Mediterráneo, unha ruta imposible no S. XV polo dominio dos turcos no lugar. Naceron novos proxectos: **Cristóbal Colón** suxeriu a Portugal navegar cara ao oeste ata Asia, pero esta rexeitou a proposición. A proposta foi aceptada polo Imperio español coa condición de recibir unha **capitulación**. Os barcos de Colón saíron dos portos españois e conquistaron territorios baixo a autoridade real española, á que enviarían un quinto dos recursos obtidos (iniciando o comercio España-América). Non foi ata despois de tres meses que as embarcacións, de baixa calidade, chegaron ás Indias (crían que era Asia) o **12 de outubro de 1492**, proclamado o Día da Hispanidade.
Inicialmente, os indíxenas recibiron os conquistadores de modo pacífico, pois pensaban que chegaría un Mesías para reinar no seu pobo, pero tras descubrir que os españois buscaban impoñerse e conquistar o territorio, exerceron resistencia, pero foron sometidos a causa doutros conflitos e á **supremacía española**. Baixo os abusos dos conquistadores, os indíxenas sufriron unha masacre que foi engrandecida polas **enfermidades** que trouxeron os españois, ás que non podían facer fronte coas súas defensas.
España, que buscaba especias, atopou **ouro e prata**, metais de alto valor cuxo comercio iniciou un período de **auxe económico** cobizado por outros países coma Inglaterra, que intentaba acaparar o mercado (conseguíndoo no S. XVIII). Naceron propagandas e políticas antiespañolas que criticaban os abusos da conquista e buscaban provocar unha mala imaxe da coroa en Europa (a **Lenda Negra**).
Administración e Explotación
Os territorios americanos pasaron a formar parte da Coroa de Castela e foron gobernados baixo as **Leis de Indias**. Debían obedecer á necesidade de dominar e controlar o territorio e de explotar os seus recursos. As leis regulaban a administración seguindo o modelo de Castela:
Administración en América:
- Establecéronse gobernadores (representantes do rei), audiencias (xustiza) e **vicerreinados**: Perú (Imperio Inca) e Nova España (México), cun vicerrei ao que tiñan que obedecer con máximo rigor.
Administración en Castela:
- Consello de Indias: Asesores representantes dos intereses do rei.
- Casa de Contratación de Sevilla: Controlaban a circulación do diñeiro procedente do comercio do ouro e da prata e a entrada e saída de barcos cara a América, establecendo Cádiz como porto de recepción.
Acompañado a estas institucións, os colonizadores impuxeron forzosamente a **relixión católica**. Posteriormente, deuse un doutrinamento no Evanxelio por parte da Santa Inquisición, e para acelerar a evanxelización, desprazáronse conxuntamente os indíxenas a novas cidades.
Os reis déronlle unha **encomenda** aos colonos para que instruísen os indíxenas no catolicismo a cambio de traballos gratuítos; iniciando a explotación do territorio (1499) de forma forzosa no vicerreinato de Nova España. En Perú deuse un sistema semellante, a **Mita**, onde os indíxenas traballaban obrigados nas minas da súa zona a cambio dun escaso salario.
A dureza dos traballos e os abusos provocaron alta mortalidade indíxena, denunciada por numerosos relixiosos (**De Las Casas, Montesinos**) que vixiaban as explotacións para asegurar as prácticas católicas. Isto, sumado á mala imaxe da conquista violenta española en Europa, fixo que o rei establecese a **Lei de Burgos** para regular o abuso. Lei invalidada polas protestas dos predicadores.
Ademais, a explotación de recursos produciu un incremento esaxerado da circulación de ouro e prata en España (controlada polas clases altas) que provocou unha **suba de prezos** nos produtos básicos, aos que as clases baixas non podían acceder.
