A Revolución Rusa e a Crise do Capitalismo: Do Tsarismo ao Crack de 1929

Un antecedente: A Revolución de 1905

Causas da crise

En 1905, Rusia foi derrotada na guerra ruso-xaponesa e o tsar tivo que firmar unha paz desfavorable cos xaponeses. Isto desencadeou as revoltas de 1905 debido aos seguintes factores:

  • Descubriuse que era un sistema absolutista incapaz de enfrontarse aos retos da guerra moderna.
  • Os privilexiados premían para manter a guerra.
  • Xurdiron grupos como a burguesía urbana que pedían reformas políticas, a creación dunha Duma e a legalización dos partidos políticos.
  • Houbo un forte conflito social, xa que aumentaron as protestas campesiñas e os conflitos dos traballadores urbanos.
  • Aumentaron as protestas das distintas nacionalidades para lograr o recoñecemento dos seus dereitos.
  • Unha profunda crise económica que provocaba unha deterioración das condicións de vida.

Ante esta situación, impuxéronse as posturas autoritarias do tsarismo, que entendeu as protestas como un desafío.

O inicio da revolución: O Domingo Sanguento

O 22 de xaneiro de 1905, unha multitude de campesiños dirixiuse ao Palacio de Inverno de San Petersburgo, residencia do tsar, coa intención de protestar pola suba no prezo do pan. A represión foi moi dura e faleceron decenas de manifestantes; este suceso é coñecido como o Domingo Sanguento. As protestas estendéronse por todo o imperio, nun clima de descontento xeneralizado que preparou a Revolución de 1905.

A Revolución de 1905

Durante 1905 aumentaron as protestas en diferentes ámbitos:

  • Os partidos políticos clandestinos desenvolveron unha oposición contra a guerra. En xuño de 1905, a tripulación do acoirazado Potemkin amotínouse.
  • A protesta estendeuse aos centros industriais en forma de organización comunitaria: os soviets. Tratábase de consellos de traballadores con capacidade de decisión e organización.
  • Os campesiños esixiron a fin dos abusos dos terratenentes.

A revolución de 1905 foi liderada polo Sóviet de San Petersburgo, no que destacou o socialista León Trotsky. O tsar rematou por aceptar as propostas e promulgou un decreto imperial denominado Manifesto de Outubro, no que se concedían algunhas das demandas dos revolucionarios:

  • Recoñecéronse as liberdades civís básicas.
  • Concedéuselle representatividade á Duma con poderes lexislativos.
  • Os seus representantes serían elixidos mediante sufraxio universal.

Porén, as reformas foron moi limitadas e o poder absoluto do tsar diminuíu pouco. Fracasou a reforma agraria e axiña retornou a represión política.

A Revolución de 1917

A Revolución de Febreiro: A caída do tsarismo

O ensaio revolucionario de 1905 resultou decisivo para a formación das forzas políticas claves na Revolución de 1917. Os bolxeviques souberon encabezar a sublevación mentres a Primeira Guerra Mundial debilitaba ao tsar. As folgas e protestas de 1917 caracterizáronse por:

  • A finais de mes, en Petrogrado, a situación escapaba do control do tsar. A folga xeral convocada polos obreiros rematou sendo apoiada polos soldados.
  • Estendéronse os soviets obreiros, aos que se uniron as asembleas de soldados.
  • A disolución da Duma por Nicolao II empurrou tamén aos Kadetes a opoñerse ao tsar, que quedou case sen apoios.
  • Estableceuse un goberno provisional presidido polo príncipe Lvov.
  • Ante a presión do Sóviet de Petrogrado e do Goberno provisional, e tamén ante a perda do control do exército, o tsar Nicolao II abdicou o 2 de marzo de 1917.
  • O Sóviet e a Duma acordaron formar un Goberno provisional. Kerensky foi nomeado ministro de Xustiza.

De marzo a outubro: O Goberno provisional

Entre marzo e outubro houbo en Rusia dous poderes paralelos: o do Goberno provisional e o dos sóviets. Os bolxeviques opoñíanse a colaborar co Goberno. O Goberno provisional intentou unha serie de reformas moderadas:

  • Declarou unha amnistía.
  • Recoñeceu as liberdades civís e disolveu a policía tsarista (Okhrana).
  • Prometeu entregar terras dos terratenentes aos campesiños.
  • Preparou a elección por sufraxio universal dunha Asemblea Constituínte como paso para unha república parlamentaria.
  • Recoñeceu o dereito á independencia de Finlandia e Polonia.

A ditadura stalinista

A etapa de Stalin caracterízase por:

  • Culto á personalidade do líder.
  • Represión e eliminación de toda oposición.

En 1936, adaptouse unha Constitución que legalizaba a ditadura. Recoñecía a formación da URSS e o sufraxio universal, pero soamente os membros do PCUS podían ser candidatos; nunca se celebraron unhas eleccións libres. Os membros do Partido Comunista foron creando unha burocracia privilexiada, a nomenklatura.

En 1934, Stalin crea unha policía política, a NKVD (Comité do Pobo para Asuntos Internos), que foi o instrumento executor da represión. Aplicáronse campañas de encarceramento e asasinato aos opositores políticos chamadas purgas. Moitos opositores foron enviados aos campos de traballos forzados coñecidos como Gulags.

A NEP e o nacemento da URSS

Para saír da crise, presentouse no X Congreso do Partido Comunista (marzo de 1921) a Nova Política Económica (NEP), que se mantivo ata 1928. A NEP era unha solución transitoria para a crise económica. Formulaba un sistema mixto que permitía o mercado libre pero mantiña os sectores clave da economía en mans do Estado:

  • A economía afastouse dos mecanismos de control de produción usados durante a guerra.
  • Detivéronse as nacionalizacións das terras e as colectivizacións.
  • As entregas forzosas de gran foron substituídas por un imposto en especie.
  • O Estado seguía controlando os sectores estratéxicos e era o principal produtor e consumidor da economía do país.
  • Restableceuse a economía monetaria e cuñouse un novo rublo.

Nun principio os resultados foron positivos, pero a NEP deu lugar á aparición dun campesiñado próspero, os kulaks, e ao enriquecemento de comerciantes e empresarios. Entre 1921 e 1922 endurecéronse as políticas:

  • Prohibíronse as correntes internas no Partido Comunista.
  • As revoltas foron esmagadas polo exército.
  • Houbo unha forte represión contra toda a oposición política.
  • Os dereitos civís foron recortados, detivéronse intelectuais críticos e a Igrexa foi perseguida.

En 1922, creouse a Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (URSS), á que se uniron Ucraína, Bielorrusia, Transcaucasia e Rusia. Entre 1925 e 1940 fóronse agregando novas repúblicas. Tiñan autonomía administrativa en asuntos culturais, educativos ou organización xudicial, mentres que asumían a centralización da política exterior e a planificación económica.

O novo Estado dotouse en 1924 dunha Constitución que garantía unha democracia formal, pero impedía calquera tipo de oposición política, xa que as tarefas do goberno eran monopolizadas polo PCUS. O país estaba ordenado por:

  • O Congreso dos Sóviets, que designaba os cargos do goberno.
  • O Sóviet Supremo ou Comité Central, con dúas cámaras: o Consello da Unión e o Congreso das Nacionalidades.
  • O Presidium ou Consello de Comisarios, dotado de amplos poderes federais.

Glosario de Termos Revolucionarios

  • Okhrana: policía secreta que exercía a censura e o control político na Rusia tsarista.
  • Mencheviques: «minoritarios» en ruso. Facción de socialistas moderados que defendían que Rusia debía pasar por unha revolución burguesa antes da socialista.
  • Bolxeviques: «maioritarios» en ruso. Socialistas radicais liderados por Lenin que buscaban establecer a ditadura do proletariado.
  • Eseristas: membros do Partido Socialista Revolucionario, defensores do socialismo agrario.
  • Cadetes: membros do Partido Constitucional Demócrata que pretendían un réxime constitucional.
  • Kulak: campesiño ruso adinerado con facenda propia.
  • Sóviet: palabra rusa que significa “asemblea”. Organismos clave formados por traballadores e soldados.
  • Amnistía: perdón legal dos delitos.
  • Goberno provisional: goberno de corte liberal formado tras a abdicación do tsar en febreiro de 1917.
  • Crise de abril: momento no que Lenin expuxo as Teses de abril, pedindo todo o poder para os sóviets.
  • Garda Vermella: grupos armados de obreiros creados para defender a revolución.
  • Exército Vermello: exército organizado por Trotski durante a guerra civil rusa.
  • Rusos brancos: forzas contrarrevolucionarias prozaristas que loitaron contra os bolxeviques.
  • Komintern: Internacional Comunista creada en 1919 para estender a revolución mundial.
  • Ditadura do proletariado: período de transición ao comunismo onde o poder é exercido polos traballadores.
  • Politburó: máximo órgano de dirección do Partido Comunista.
  • Revolución permanente: teoría de Trotski sobre a necesidade de estender a revolución a outros países.
  • Socialismo nun só país: teoría de Stalin para consolidar o socialismo na URSS antes da revolución mundial.
  • NKVD: policía política de Stalin, executora das purgas.
  • Purga: campaña de eliminación de opositores políticos.
  • Gulag: sistema de campos de traballos forzados soviéticos.
  • Nomenklatura: elite burocrática e privilexiada do sistema soviético.
  • Plan quinquenal: plans económicos de cinco anos deseñados polo Estado.

Os felices anos vinte nos Estados Unidos

EE. UU. foi o país máis beneficiado economicamente pola I Guerra Mundial polas seguintes razóns:

  • Gran desenvolvemento industrial como consecuencia do aumento de produción.
  • Foi o maior prestamista aos países europeos, recibindo grandes capitais pola devolución de préstamos.
  • Abundancia de capitais, o que fixo que o crédito fose barato e abundante.
  • Aplicación do sistema de produción en cadea e a taylorización, aumentando a produción a baixo custo.

Os mercados destinatarios foron:

  • Mercados exteriores: anteriormente abastecidos por Europa.
  • Mercado interior: a poboación accedeu ao consumo masivo grazas á publicidade, ao márketing e á venda a crédito.

Os límites e problemas da expansión económica

Dous procesos anunciaban a proximidade da crise:

  • SUPERPRODUCIÓN: A produción agraria e industrial superou a capacidade de consumo. Xurdiron os stocks (produtos sen vender), o que provocou a baixada de prezos, desemprego e falta de modernización.
  • ESPECULACIÓN: Ante a superprodución industrial, a burguesía investiu na bolsa de valores buscando ganancias rápidas a curto prazo, o que inflou artificialmente as cotizacións.

O crack de 1929 e a Gran Depresión

En 1929, o medo estendeuse entre os investidores, que venderon masivamente as súas accións. Entre o 24 de outubro (Xoves Negro) e o 29 de outubro de 1929, a bolsa de Nova York (Wall Street) esborrallouse. As características da Gran Depresión foron:

  • Os investidores perderon o seu capital e non puideron pagar préstamos.
  • Destrución do aforro e redución drástica do crédito e o consumo.
  • Os bancos afundíronse ao retirarse os aforros de golpe.
  • Crise industrial e enormes taxas de paro.
  • Miseria extrema no mundo rural polo afundimento de prezos.

A crise estendeuse ao resto do mundo a través do comercio internacional (proteccionismo) e as finanzas (repatriación de capitais), afectando especialmente a Alemaña, Austria e o Reino Unido.

As consecuencias sociais e políticas da crise (Crack do 29)

En 1932 había uns 30 millóns de parados no mundo industrializado. A miseria e o medo á proletarización das clases medias provocaron folgas e un sentimento de inxustiza. O temor ao «perigo vermello» (comunismo) impulsou o xurdimento de grupos de extrema dereita e unha forte represión.

Cambios sociais

  • Nacemento dos «novos ricos» (burgueses adiñeirados).
  • Diminución da poboación agrícola e aumento da clase obreira e do sector terciario.
  • Emancipación da muller tras a Primeira Guerra Mundial.
  • Visión pesimista da vida entre intelectuais e artistas.

Cambios políticos

Os Estados adoptaron un intervencionismo crecente. En Europa, a crise facilitou o ascenso de partidos autoritarios que propoñían o control estatal da economía.

A aparición dunha cultura de masas

O desenvolvemento dos medios de comunicación permitiu o lecer popular:

  • A prensa converteuse no «cuarto poder».
  • A radio viviu a súa idade de ouro.
  • O cine sonoro consolidouse como o espectáculo máis popular.
  • Auxe das competicións deportivas de masas.

Glosario de Termos Económicos e Conceptos Clave

  • Patrón ouro: sistema onde as moedas son cambiables por unha cantidade fixa de ouro.
  • Política deflacionista: medidas para frear a alza de prezos reducindo o diñeiro en circulación.
  • Inflación: subida sostida dos prezos que fai que o diñeiro perda valor.
  • Débeda exterior: débeda dun país con outro.
  • Balanza comercial: diferenza entre exportacións e importacións.
  • Recesión: fase de crecemento económico negativo.
  • Proteccionismo: aranceis elevados para protexer a produción nacional.
  • Produción en masa: fabricación de grandes cantidades a baixo custo (Fordismo).
  • Taylorismo: organización científica do traballo baseada na división de tarefas.
  • Burbulla especulativa: sobrevaloración de accións por riba do seu valor real.
  • Crack: caída brusca e repentina dos valores bolsistas.
  • Xoves Negro: 24 de outubro de 1929, inicio do crack de Wall Street.
  • New Deal: medidas de Roosevelt para relanzar a economía estadounidense en 1933.
  • Autarquía: política de autosuficiencia económica sen recorrer a importacións.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *