Termos Históricos Fundamentais
Antigüidade e Prerromano
AULA REGIA: organismo político que asesoraba ao rei en diferentes asuntos, no Reino Visigodo de Toledo. Ao principio constaba de cortesáns e servidores do rei, pero despois tamén estaban as principais personalidades do reino. Era fundamental, interviñan na elección dos monarcas.
BÁRBAROS: denominación grega e romana para os pobos fóra da súa civilización que non falaban a súa lingua. Ao principio era pexorativo, adicado a pobos primitivos que ameazaban con incursións. No 476 tomaron Roma.
CASTRO: poboado fortificado prerromano de poboacións indíxenas do norte e do noroeste peninsular que deu nome á cultura castrexa. Planta e vivenda redonda. Teñen múltiples situacións xeográficas e os máis antigos son da Idade do Bronce.
CONVENTUS: asembleas de romanos e indíxenas que evolucionaron ata ser unidades administrativas e xurídicas. Unha cidade actuaba como capital do conventus e lle daba nome, pero o territorio non está definido xuridicamente.
ECONOMÍA PREDADORA: actividade humana na que se consumen recursos naturais sen xerar produción. É característica de sociedades paleolíticas onde a caza, pesca… permiten obter alimentos, vestimenta e vivenda.
GUERRAS CÁNTABRAS: enfrontamentos entre romanos e pobos do norte peninsular, significaron o fin da conquista na península. Dirixidas por Augusto, foron entre 29-19 a.C. A batalla de Monte Medulio foi o fin da resistencia dos galaicos.
MEGALITISMO: «grandes pedras». Fai referencia ás construcións formadas por grandes pedras (megalitos). Os tipos son menhir, crómlech e dolmen. Van dende finais do Neolítico ata a Idade do Bronce.
Idade Media: Repoboación e Conflito
CARTA DE POBOAMENTO: documento polo que monarcas, laicos e eclesiásticos conceden privilexios forais a quen se establecera en diferentes lugares para repoboar os territorios conquistados. En Galicia destacaron Fernando II e Afonso IX.
MANSO: unidade de explotación familiar que o señor feudal cedía en usufruto a un colono libre ou servo a cambio de certas prestacións e censos. Xunto coa reserva señorial, era o elemento básico de explotación dos feudos.
MOZÁRABE: cristián sometido aos musulmáns en Al-Ándalus. Por conservar a súa fé e costumes, pagaban impostos, polo que moitos desprazáronse aos territorios cristiáns.
MARCA HISPÁNICA: territorio controlado nos séculos VIII-IX por emperadores e reis dos francos ao sur dos Pirineos, formando fronteira entre o Imperio Carolinxio e Al-Ándalus. Estivo gobernada por condes designados polos monarcas francos, pero ao longo do século IX foron tendo maior autonomía ata crear condados e reinos independentes.
MESTA: organización dos gandeiros de Castela fundada por Afonso X en 1273, que os reuniu nunha institución. Estaba rexida polo Consello da Mesta, poderosa institución. Os privilexios dos gandeiros xeraron conflitos que causaron a abolición da Mesta.
PRESURA: forma inicial de repoboación organizada polos cristiáns a fins do século VIII. Os reis permitían ocupar un territorio, que pasaba a ser de quen o traballase. Houbo 2 modalidades: a oficial e a privada.
TAIFAS: reinos que xurdiron da separación do Califato de Córdoba en 1031. Dominadas por oligarquías ou xefes militares. Estaban enfrontados entre si, polo que cada vez eran máis débiles e non puideron loitar contra os cristiáns. O último que quedou foi o de Granada, conquistado en 1492.
Idade Moderna: Conflitos, Conversións e Centralización
CONVERSO: persoa que acepta unha crenza relixiosa ou ideoloxía diferente á que profesaba. Na España dos séculos XVI-XVII aplicábase especialmente a musulmáns e xudeus que se convertían ao cristianismo, por convicción ou por evitar persecucións. O aumento de conversos xerou odio popular, foron acusados de manter en segredo a súa fé. Moitos foron vítimas da Inquisición.
GRANDE ARMADA: flota formada en 1588 por Felipe II para desembarcar en Inglaterra e destronar á raíña. Partiu desde Lisboa, e no Canal da Mancha tiña que atoparse e embarcar os Terzos de Flandres para invadir Inglaterra. Os ataques ingleses e os temporais obrigáronlles a dar un rodeo onde perderon moitos barcos. Foron derrotados e descualificados como «a armada invencible.»
MOURISCO: musulmán obrigado a converterse ao cristianismo por orde dos monarcas. A conversión forzosa puxo fin á poboación musulmá en España, aínda que algúns conservaron os seus costumes, especialmente os que vivían en Granada. Isto fixo que fosen expulsados de Aragón, Valencia e Granada.
TERZOS: unidade militar de infantería formada por soldados profesionais, creada e sostida polos Habsburgos durante os séculos XVI-XVII. Usaban armas brancas e de fogo, e estaban distribuídos por toda a Monarquía Hispánica, destacando os Terzos de Flandres.
UNIÓN DE ARMAS: proxecto político de 1625 do Conde-Duque de Olivares, que propoñía o reparto da carga militar e fiscal entre todos os reinos. Os soldados repartíronse en función da riqueza e da poboación do reino. O proxecto xerou oposición e non se realizou pola rebelión de Portugal e Cataluña.
VALIDO: secretario real ao que o rei lle outorga a súa confianza. En España, a privanza xeneralizouse no século XVII, cando os monarcas abandonaron o exercicio directo do goberno. Os validos máis destacados foron:
- Duques de Lerma e Uceda (reinado de Felipe III);
- Conde-Duque de Olivares e Luis de Haro (Felipe IV);
- Fernando de Valenzuela e Conde de Oropesa (Carlos II).
XUNTAS DO REINO DE GALICIA: institución do século XVI. Primeiro actuaba como portavoz das provincias galegas e despois como representante do Reino. Formadas por delegados dos concellos das cidades capitais das provincias. Actuaba como un organismo intermediario entre o Reino de Galicia e a Coroa de España. Non tiñan función de goberno pero si certo poder. As xuntas eran convocadas polo monarca e presididas polo Capitán Xeral de Galicia.
O Século XVIII e o Reformismo Borbónico
ANTIGO RÉXIME: sistema vixente en Europa dende o século XVI, alcanzou o seu esplendor no século XVIII. Caracterizado por:
- Unha economía de base agraria.
- Estruturas feudais.
- Sociedade estamental.
- Monarquía absoluta.
Estes trazos foron desaparecendo como consecuencia dos cambios introducidos pola Revolución Francesa.
CATASTRO DE ENSENADA: (elaborado entre 1750-1753). Interrogatorio para coñecer as características demográficas, económicas e xeográficas da poboación da Coroa de Castela, co obxectivo de establecer un sistema fiscal máis racional e substituír a multiplicidade de rendas por unha única contribución. Foi proposto polo Marqués de Ensenada, Ministro de Felipe VI.
DECRETO DE NOVA PLANTA: conxunto de decretos promulgados por Felipe V entre 1707-1716. Impuñan nos territorios da Coroa de Aragón a organización político-administrativa de Castela, eliminando os seus privilexios forais, debido á súa rebelión na Guerra de Sucesión e apoiar a Carlos de Austria. Implantouse o modelo de estado centralista uniforme en toda España agás Navarra e as provincias vascas.
DESPOTISMO ILUSTRADO: sistema político da segunda metade do século XVIII que defendía o incremento de poder absoluto do rei para que impulsase as reformas necesarias para incrementar a riqueza do reino e a felicidade e benestar dos súbditos. O mellor representante en España foi Carlos III.
MOTÍN DE ESQUILACHE: revolta popular en Madrid no 1766 debido ao decreto de Esquilache, ministro de Carlos III, que prohibía o uso de capas longas e sombreiros de aba ancha. A súa orixe débese ao descontento social pola carestía do pan, a oposición dos privilexiados ás reformas do rei e a xenofobia ante a abundancia de ministros italianos.
PAZ DE UTRECHT: tratado asinado en 1713 entre as potencias europeas que puxo fin á Guerra de Sucesión Española e que foi complementado co de Rastatt de 1714. O obxectivo era manter o equilibrio europeo; nos tratados recoñecíase a Felipe V de Borbón como rei de España a cambio de concesións a Gran Bretaña e cesións territoriais a Austria.
REGALISMO BORBÓNICO: política de control e limitación do poder da Igrexa Católica, levada a cabo polos Borbóns en España no século XVIII no marco da potenciación do absolutismo real. As medidas impostas foron:
- O padroado rexio (dereito do rei de presentar ou nomear candidatos para ocupar sedes eclesiásticas vacantes).
- O placet (dereito do rei de retención das bulas e provisións da Santa Sede).
