O Século XIX en España: Da Crise do Antigo Réxime aos Nacionalismos Periféricos

1. A Crise do Antigo Réxime

O inicio do reinado de Carlos IV (1788-1808) coincide co inicio da Revolución Francesa en 1789. Durante o seu reinado iníciase unha crise económica, política e social, vinculada ao goberno de Godoy e á submisión de España á Francia de Napoleón, que culminará co enfrontamento entre os membros da familia real (Fernando fronte aos Reis e Godoy) e o seu sometemento á vontade de Napoleón coas Abdicacións de Baiona. O temor ao espallamento das ideas revolucionarias de Francia traerá o fin das políticas reformistas ilustradas adoptadas no reinado de Carlos III e a creación dun «cordón sanitario» para impedir a entrada e difusión das ideas revolucionarias (censura de libros, panfletos…). Na política exterior iniciarase un achegamento momentáneo a Inglaterra (principal ameaza do comercio español con América). O enxuizamento e execución do rei de Francia Luís XVI en 1792, levará á declaración de Guerra á Francia revolucionaria, a Guerra da Convención, a cal resultou desfavorable para España.

Problemas Económicos e Sociais

As guerras con Gran Bretaña desde 1796 paralizan o comercio de España e América, a produción industrial e os ingresos da monarquía e contribuirán á Crise de Facenda, o que levará a Godoy á Desamortización dos bens da Igrexa, a cal contará coa autorización do Papa e afectará a unha pequena parte dos bens da Igrexa, o que non axudará a solucionar a Crise de Facenda e só beneficiará aos grandes propietarios. O gran malestar social pola ineficacia das medidas do goberno de Godoy ven acompañado por frecuentes motíns de subsistencias e motíns antifiscais.

Problemas Políticos

Carlos IV nomeará primeiro ministro a Godoy, home de confianza do Rei e da súa esposa (a Santísima Trindade), que dirixirá a política española desde 1793 e asinará a Paz de Basilea coa Francia revolucionaria en 1795. Godoy atraerá grandes grupos de oposición: a nobreza, afastada do poder político; o «partido fernandino», formado por aristócratas e militares, partidarios de Aranda, que van apoiar ao príncipe herdeiro, Fernando VII; o clero, pola desamortización; e, os grandes sectores da poboación, en España e América, castigados polas crises de subsistencia, pola política exterior de Godoy de submisión a Francia e de enfrontamento con Gran Bretaña. A política exterior de España, desde a Paz de Basilea é de total submisión a Francia. España colabora con Napoleón para impedir o comercio de Portugal con Inglaterra (Tratado de San Ildefonso) e no seu intento fracasado de conquista de Gran Bretaña (Batalla de Trafalgar, 1805). A derrota de Trafalgar leva a Napoleón a impoñer un Bloqueo Continental para impedir o comercio de América en Europa. Godoy asina o Tratado de Fontainebleau que contemplaba a conquista de Portugal polas tropas francesas, que recibían autorización para pasar por España, e a división de Portugal en tres partes (unha para Godoy). Napoleón non tiña intención de cumprir coas condicións do Tratado; pretendía a incorporación de territorios españois ao norte do Ebro, o control total sobre o comercio con América e que España se convertese nun reino aliado gobernado pola súa familia. Para isto manobrou para o destronamento da familia real e atopou o pretexto nas disputas entre Carlos IV e o seu fillo Fernando VII.

Abdicacións de Baiona

Conxura do Escorial

O partido fernandino empezou unha campaña de desprestixio da raíña e de Godoy e empezou a tomar decisións, en secreto, para un hipotético futuro con Fernando VII como Rei. Godoy acusou a Fernando VII de conspirar contra a vida dos seus pais. Carlos IV denunciou o complot do seu fillo e este foi obrigado a admitilo e denunciar aos culpables. Os membros do partido fernandino foron declarados inocentes polo Consello de Castela, polo que comezou o deterioro da figura de Godoy.

Motín de Aranxuez

Ao quedar clara a intención de Napoleón, Godoy convenceu á familia real para trasladarse a Aranxuez, por se fose necesario o traslado a América. O partido fernandino acusou a Godoy de secuestro da familia real e o 17 de marzo de 1808, liderou un motín en Aranxuez contra Godoy, debido ao descontento contra a súa política, a quen se consideraba culpable da crise e acabou sendo detido. A Carlos IV non lle quedou máis que abdicar no seu fillo. Como consecuencia do Motín de Aranxuez, un exército francés ao mando de Murat entrou en Madrid. Murat convenceu a Carlos IV para que non aceptase a súa abdicación e pedise a mediación de Napoleón. Napoleón convocou a Carlos IV e a Fernando VII a Baiona, onde conseguiu as súas abdicacións na súa persoa. Obtidas as abdicacións, Napoleón pretendeu lexitimarse presentándose ao pobo español como solución ao reinado dos Borbóns e prometendo reformas políticas. Ademais, convocou en Baiona unha Asemblea de Notables para debater un proxecto de Constitución, Estatuto ou Carta Outorgada de Baiona, presentado por el mesmo. Napoleón concedeu a coroa de España ao seu irmán Xosé I Bonaparte un día despois da aprobación do Estatuto de Baiona. O seu reinado estivo condicionado pola carencia de apoio social, a inxerencia de Napoleón e a Guerra de Independencia.

A presenza de tropas francesas en España, a liberación de Godoy por Napoleón e o traslado da familia real a Baiona provocaron o levantamento do 2 de maio en Madrid e o inicio da Guerra de Independencia. Ante a ausencia do Rei, formáronse Xuntas que asumen a soberanía e organizan a resistencia contra os franceses.

2. As Cortes de Cádiz e a Constitución de 1812

Tras o Motín de Aranxuez, promovido polo partido fernandino, o cal causou a destitución e encarceramento de Godoy e as Abdicacións de Baiona, Napoleón concedeulle o reino ao seu irmán Xosé I Bonaparte. A situación tras a liberación de Godoy por Napoleón, a presenza militar francesa e o traslado da familia real a Baiona provocaron o alzamento popular en Madrid o 2 de maio e o inicio da Guerra de Independencia. Debido á sublevación, creáronse as Xuntas Supremas, órgano que vai exercer dous poderes (executivo e lexislativo) nun período excepcional. Nestas Xuntas había 2 grupos: os defensores do Antigo Réxime, os absolutistas, e os liberais, que defendían, entre outros, a soberanía nacional, a separación de poderes ou a igualdade ante a lei. En 1808, as Xuntas crearon como máxima autoridade a Xunta Suprema Central, a cal se autodisolvería en 1810 e traspasou os seus poderes a unha rexencia de cinco membros; pero, antes de autodisolverse, convocou a reunión de representantes da nación nunhas Cortes extraordinarias en Cádiz, unha convocatoria ben recibida tanto polos absolutistas como polos liberais, pois viron a oportunidade do inicio da soberanía nacional e a elaboración dunha Constitución escrita. En xaneiro de 1810 aprobáronse as normas electorais, que contemplaban o sufraxio universal masculino indirecto. En setembro de 1810, reuníronse na Illa de León, trasladándose en 1811 as Cortes a Cádiz, cidade que permanecería sitiada, nunha España ocupada case totalmente polas tropas francesas.

Ante a imposibilidade de que os representantes das provincias accedesen a Cádiz, foi necesario nomear representantes suplentes (veciños de Cádiz, maioritariamente liberais), que supoñían case a metade dos deputados. O número de deputados participantes nas Cortes foi variando, a maioría pertencía ás clases medias urbanas instruídas; tamén había representantes de América. Dividíanse principalmente en 3 grupos, absolutistas, liberais e americanistas, e en 3 tendencias, liberais, partidarios de derrubar o Antigo Réxime e implantar o sistema liberal; absolutistas, partidarios do Absolutismo e o Antigo Réxime; e Jovellanistas, seguidores de Jovellanos, ministro de Carlos III, cun pensamento intermedio, que defendían o predominio da Constitución histórica sobre calquera constitución liberal escrita. As Cortes de Cádiz trataron de rematar co Antigo Réxime e tiveron como principal labor a elaboración e promulgación da primeira Constitución española liberal, a Constitución de Cádiz de 1812, popularmente «A Pepa» por aprobarse o día de San Xosé, o 19 de marzo. O seu Título I é «Da Nación Española e dos Españois«. Co obxectivo de dar unidade ás diversas terras e xentes baixo a mesma monarquía, estableceu a igualdade entre cidadáns da península e colonias americanas. A súa prioridade foi a definición da Nación («reunión de todos os españois de ambos hemisferios»), a soberanía nacional e o deber da nación de protexer os dereitos.

De ideoloxía liberal progresista, nela recollíanse os principios do Liberalismo, como a Soberanía nacional, a Monarquía Constitucional, dereitos e liberdades, a igualdade dos cidadáns ante a lei e a separación de poderes: O poder executivo residía no Rei, que o exercía a través dos seus ministros responsables ante as Cortes. A soberanía residía na nación. A Constitución limitaba o poder real: sen consentimento das Cortes, o Rei non podía ausentarse, ceder ou allear a coroa ou parte do territorio, establecer alianzas nin tratados de comercio, impoñer contribucións, expropiar bens nacionais, nin sequera casar. O Poder Lexislativo residía nas Cortes co Rei. O Rei podía vetar unha lei 2 veces, pero á terceira vez que fose presentada, a lei era aprobada. O poder Xudicial residía nos Tribunais. Impúxose o sufraxio universal indirecto en 3 niveis (parroquia, partido xudicial e provincia). Só recoñecía como cidadáns aos homes libres. Tamén destacaban a Confesionalidade do Estado. A relixión católica, única e verdadeira, a creación de Milicia Nacional, o Centralismo político. A Constitución de 1812 e o labor das Cortes de Cádiz atopáronse coa oposición dos estamentos privilexiados e a falta de apoio do pobo. A oposición dos absolutistas incrementouse trala supresión do Tribunal da Inquisición e despois do traslado das Cortes de Cádiz a Madrid. O pobo, influído polo clero, consideraba que as Cortes atentaban contra a relixión e a tradición.

A retirada dos franceses da Península e a sinatura do «Tratado de Valençay» entre Napoleón e Fernando VII significaron o recoñecemento de Fernando VII como Rei de España.

Finalmente, debido á derrota de Napoleón e á volta a España de Fernando VII, considerado por moitos historiadores o rei máis nefasto da historia do país, a primeira experiencia liberal en España rematou en fracaso co decreto do 4 de maio de 1814, no que Fernando VII volveu implantar o Absolutismo nun contexto marcado pola Santa Alianza e a Constitución de 1812, que só estivo vixente nos tres curtos períodos nos que gobernaron os liberais (1812-1814; 1820-1823; 1836-1837).

3. O Reinado de Fernando VII

O regreso a España de Fernando VII significou a volta ao Absolutismo, o remate da obra das Cortes de Cádiz e a abolición da Constitución de 1812. Esta volta veu acompañada co predominio da Santa Alianza (Austria, Prusia, Rusia e Francia) defensora da Restauración do Antigo Réxime e do Absolutismo en Europa.

Entre os factores que favoreceron o restablecemento do Absolutismo en España, xunto co triunfo da Restauración e do compromiso por parte da Santa Alianza de impedir un goberno liberal en Europa, destacou a oposición dos estamentos privilexiados e o escaso apoio ao liberalismo do exército e do pobo, partidario de Fernando VII, «O Desexado«. En decembro de 1813 Napoleón e Fernando asinaron o Tratado de Valençay, un acordo secreto de paz para conseguir a neutralidade de España e unha amnistía para os afrancesados, mais non tería ningún efecto, pois as Cortes non recoñeceron ningún tratado asinado polo Rei mentres estivese en cativerio. O 24 de marzo de 1814, Fernando VII regresou a España e decidiu non acatar a Constitución, o que prometera un mes antes. En Valencia atopouse con representantes das Cortes contrarios á Constitución e á lexislación das Cortes de Cádiz durante a guerra, que mediante o «Manifesto dos Persas«, fixeron unha petición ao Rei para que puxese fin ao réxime constitucional e volvese ao Absolutismo. O Rei fixo aplicar o Real Decreto do 4 de maio que declaraba nula a Constitución de 1812 e todos os decretos das Cortes e encarcerou a todos os liberais.

O Sexenio Absolutista (1814-1820)

Tralo decreto de maio, Fernando VII restableceu o absolutismo. Foi incapaz de resolver os problemas cos que se atopou, e os seus recursos non foron suficientes para evitar a independencia das colonias americanas. Dada a persecución e exclusión dos liberais, recorreron á forza para acadar o poder. Iniciáronse pronunciamentos, levantamentos de parte do exército que se pronunciaba a favor dunha monarquía liberal que continuase o labor das Cortes de Cádiz. Entre 1814 e 1820 producíronse varios pronunciamentos fracasados, por exemplo o de Porlier, na Coruña en 1815.

Pronunciamento de Riego en Cabezas de San Juan (1820)

O pronunciamento de Riego tivo como protagonista ao exército que se reunira en Cádiz para embarcarse cara á América española para loitar contra os independentistas americanos. Iniciouse coa proclamación da Constitución de 1812 por Riego en Cabezas de San Juan o 1 de xaneiro de 1820. Aínda que o levantamento militar fracasou, iniciou un movemento liberal nas principais cidades que se iniciou na segunda quincena de febreiro na Coruña. O Rei viuse obrigado a aceptar e acatar a Constitución de 1812.

O Trienio Constitucional (1820-1823)

Esta etapa contou co descontento dos estamentos privilexiados, da nobreza e do clero. En canto á obra lexislativa, recuperouse a obra e decretos das Cortes de Cádiz, a Constitución de 1812 e as liberdades económicas. Aplicouse o proceso desamortizador que ten como obxectivo abordar a gran débeda pública. En canto á Igrexa, suprimíronse a Inquisición e a Compañía de Xesús.

No Trienio orixinouse a división entre os Liberais en dúas tendencias: Moderados (partidarios dunha nova Constitución que fortalecese os poderes do Rei) e Exaltados (Máis radicais. Defendían a Constitución de 1812, intocable).

Fronte aos gobernos liberais do Trienio, alzouse a oposición dos absolutistas que recorreron á conspiración e á revolta. En 1822 as potencias da Santa Alianza acordaron no Congreso de Verona a invasión de tropas francesas para rematar co réxime constitucional do Trienio, os «Cen Mil Fillos de San Luís» ao mando do Duque de Angulema. O avance do exército francés obrigou ás Cortes a trasladarse a Cádiz. O Rei negouse e as Cortes nomearon unha Rexencia tras declarar a alienación do monarca. Asediada Cádiz, as Cortes accederon a liberar ao Rei o 1 de outubro.

A Década Ominosa (1823-1833)

Fernando VII volveu como rei absolutista, tras decretar no Manifesto do Porto de Santa María a abolición de todas as leis e institucións creadas durante o Trienio. Entre os absolutistas desenvolvéronse dúas tendencias: Reformistas (crían necesario abordar e sanear os problemas do Estado, aínda así non resolveron os principais) e Apostólicos (defensa extrema do Antigo Réxime). Ao final do reinado abriuse o problema sucesorio a partir da Pragmática Sanción de 1830, que remataba coa Lei Sálica, a cal impedía gobernar ás mulleres. A Pragmática permitía reinar á filla de Fernando VII e afastaba da sucesión a Carlos. Produciuse o enfrontamento entre partidarios de Isabel, filla de Fernando, cos de Carlos, irmán do rei, a 1ª Guerra Carlista.

Como conclusión, o Rei Fernando VII é considerado pola maior parte dos historiadores como o rei máis nefasto da Historia de España. Rodeado de ministros ineptos e incapaces, non foi quen de superar as consecuencias da Guerra, nin de impedir a independencia das colonias americanas. O seu reinado destacou pola volta ao Absolutismo e a exclusión e represión de todo signo de Liberalismo.

5. A Gloriosa e o Sexenio Democrático

O Sexenio Democrático (1868-1874), iniciado coa Gloriosa, supuxo o triunfo do Liberalismo Democrático en España. A raíña Isabel II chamou a gobernar aos moderados excluindo aos progresistas que recorreron a pronunciamentos. Ademais, coa difusión das ideas progresistas e demócratas, incrementouse a oposición á Raíña entre intelectuais e universitarios. En canto ás causas económicas, habería que resaltar as consecuencias da crise de 1866 por toda Europa. A política proteccionista do goberno non contribuíu a saír da crise, incrementou a presión fiscal coa subida de impostos. As malas colleitas, coa crise de subsistencias e o incremento do paro, provocaron malestar social. Desde 1866, O’Donnell, xeneral que presidía o partido da Unión Liberal, pretendía gobernar por decreto, de costas ás Cortes. No seu goberno produciuse o pronunciamento dos sarxentos de artillaría do Cuartel de San Gil, en Madrid. A represión sobre estes motivou á camarilla da raíña a desacreditar a O’Donnell e promover a Narváez como presidente, apostando por unha liña moderada e dura. Isabel II perdeu o apoio de O’Donnell, os Unionistas e parte do exército. Nos últimos anos do reinado de Isabel II, a política ultramoderada de Narváez incrementou a oposición á raíña e trala morte de Narváez, Isabel quedou sen apoios.

Alianzas Políticas

En 1866, os progresistas, liderados por Prim, e os demócratas asinaron o Pacto de Ostende. En 1867, trala morte de O’Donnell, uniuse a Unión Liberal no Pacto de Bruxelas. Nestes pactos acordouse o derrocamento de Isabel II e tamén que unhas Cortes elixidas por Sufraxio Universal directo decidirían o futuro Sistema Político.

A Revolución Gloriosa

O 18 de setembro de 1868, a Escuadra mandada polo Almirante Topete rebelouse en Cádiz, e difundiu un Manifesto, «España con Honra«, onde razoaba o levantamento e o rumbo a seguir coa formación dun goberno provisional e dunhas Cortes elixidas por sufraxio universal. Tamén participaron na revolución parte do exército, no que sobresaen os xenerais Prim, líder do Partido Progresista, e Serrano, da Unión Liberal. Formáronse Xuntas revolucionarias lideradas polo partido demócrata. Trala vitoria na batalla de Alcolea, a raíña Isabel marchou ao exilio a Francia.

Goberno Provisional e Medidas

Creouse un programa revolucionario recollido nos manifestos das Xuntas revolucionarias que coincidía co ideario democrático.

Ata o 21 de setembro de 1868 conviviron dous poderes, as Xuntas democráticas das cidades e o Goberno Provisional, formado por progresistas e unionistas (excluindo aos demócratas), liderado por Prim, Serrano e Topete. As Xuntas tomaron medidas como a formación de milicias, o peche e demolición de numerosas igrexas ou a ocupación de terras.

Aínda que o Goberno Provisional desarmou ás milicias, disolveu as Xuntas e revogou moitas medidas, aprobou decretos que recollían parte do ideario democrático: garantía de liberdade relixiosa, expulsión dos xesuítas, legalización do matrimonio civil.

O Goberno Provisional continuou coa Desamortización, promoveu a construción de centros educativos e implantou a elección de alcaldes polos concelleiros. Ademais, destacaron os decretos de liberdade de asociación, liberdade de imprenta e o decreto de Sufraxio Universal, de Sagasta. Este Goberno proclamou a Monarquía Parlamentaria, sen ser confirmada pola Constitución, o que provocou o abandono do Partido Demócrata de partidarios da Monarquía e a conversión do Partido Demócrata no Republicano Federal. Na economía destacou o ministro de Facenda Figuerola que implantou un novo arancel que trataba de favorecer o comercio e a modernización da industria facilitando a importación de maquinaria e materias primas. Impulsou a creación da peseta e a «desamortización» das minas.

A Constitución de 1869

As eleccións a Cortes Constituíntes foron por sufraxio universal. É a primeira Constitución democrática de España e a máis avanzada do s. XIX. Proclamaba a soberanía nacional, o sufraxio universal masculino e a Monarquía Parlamentaria. Creaba os dereitos de reunión e asociación, liberdade de traballo para estranxeiros, inviolabilidade de domicilio, liberdade de conciencia e relixiosa.

Había unha ríxida separación de poderes: O Executivo residía no Rei; o Lexislativo nunas Cortes bicamerais, Congreso e Senado; e o xudicial proclamábase independente e contemplábanse os xuízos por xurados.

En canto á Igrexa, aínda que recollía a Liberdade de cultos, a nación obrigábase a manter o culto e clero católico.

A Constitución tamén contemplaba a elección democrática de Concellos e Deputacións.

Ademais, as Cortes aboliron a escravitude e a pena de morte, emprenderon a reforma penitenciaria, avogaron por mellorar as condicións da clase traballadora e manifestáronse a prol da promoción sociocultural da muller.

CONCLUSIÓN: Prim foi a principal figura política da Gloriosa, progresista e defensor da Monarquía, buscou novo monarca. Trala Constitución de 1869, iniciouse a Rexencia de Serrano. Prim erixiuse no valedor de Amadeo de Saboia, que sería o primeiro Rei de España elixido polas Cortes. Coa morte de Prim, Amadeo quedou sen apoios. Iniciouse a terceira Guerra Carlista e houbo unha crise política trala aprobación da Constitución do seu reinado. As guerras, a falta de apoios, as crises e o decreto de disolución do corpo de artillaría motivaron a abdicación do Rei e a proclamación da I República.

6. A I República (1873)

A chegada de Amadeo de Saboia coincidiu co asasinato do seu principal valedor, o xeneral Prim. O fracaso da súa monarquía debeuse á falta de apoios, a oposición da nobreza, Igrexa e burguesía, a guerra carlista e a cubana, a inestabilidade política, a oposición republicana e ao movemento obreiro. A disolución do corpo de artillaría provocou a renuncia do rei en febreiro de 1873 rematando a primeira monarquía democrática e comezando a primeira república democrática e federal en España.

A I República naceu pola acción da Asemblea Nacional dominada por partidos monárquicos que a viron como única saída para manter os principios democráticos. A inestabilidade foi constante durante a I República Federal, pois houbo catro presidentes nun período de 11 meses. Aos problemas da Guerra de Cuba e da Guerra Carlista engadíronse as diverxencias entre os republicanos. Había tres correntes de republicanos: os unitarios, que defendían un estado centralizado; os federalistas intransixentes, que querían estados independentes, cantóns e iniciar o proceso federal sen esperar ao goberno Federal; e os federalistas gradualistas, partidarios de Pi y Margall. Defendían a convocatoria de Cortes constituíntes e a elaboración dunha Constitución que recoñecese España como república federal. Tras a promulgación, crearíase a Federación. O 1º presidente, radical, foi Figueras. Os federais tiveron que aceptar unha República Unitaria. Houbo levantamentos sociais e incrementouse a guerra carlista. Os radicais intentaron varios golpes de estado.

Os ministros republicanos conseguiron convocar unhas Cortes Constituíntes, que estableceron a república federal e, trala dimisión de Figueras, nomearon un novo goberno presidido por Pi y Margall.

Presidencia de Pi y Margall

Durou apenas 5 semanas. Comezouse o proxecto de Constitución.

O Proxecto de Constitución Republicana Federal de 1873

redactado por Castelar. A idea básica era acabar coa centralización e afondar na democratización do Estado. Tomaba como referencia a Constitución de 1869 e as Constitucións dos EE.UU. para a configuración do Estado Federal. Por primeira vez afirmábase a soberanía popular e o sistema republicano federal. A Constitución contemplaba unha federación de 17 Estados. Cada Estado podía elaborar a súa Constitución, tiña poder lexislativo, executivo e xudicial e tiña como único límite a Constitución federal. O proxecto respectaba a declaración de dereitos da Constitución de 1869 e ampliaba o Dereito de Asociación. En canto aos poderes: O Lexislativo recaía no Congreso. O xudicial seguía nos tribunais de xustiza, sendo a máxima autoridade o Tribunal Supremo. O executivo estaba formado polo goberno e o presidente. Engadíase o poder relacional, que lle correspondía ao presidente, quen tiña que nomear o goberno e manter o equilibrio entre os estados e era elixido cada 4 anos por un sistema indirecto. En canto ás relacións coa Igrexa, había unha total separación da Igrexa e do Estado.

Os concellos dispuñan de autonomía e dos tres poderes, o lexislativo no Concello, o executivo no alcalde e o xudicial nun Tribunal municipal elixido por sufraxio.

O proxecto non chegou a discutirse, pois ao día seguinte da súa lectura o goberno caeu. A insatisfacción xeneralizouse ante a pasividade do goberno, imposibilitado de cumprir algúns dos seus compromisos. A partir de xullo sucedéronse os alzamentos cantonalistas e un intento de revolución social en Alcoy.

O Cantonalismo (xullo 1873-xaneiro 1874)

O 1 de xullo, a minoría de deputados intransixentes retirouse das Cortes e animou á formación de cantóns, estados independentes do poder central e provincial. Os alzamentos dirixíronse contra o goberno de Madrid, o exército e a Igrexa. O movemento cantonalista tivo ademais unha vertente social, dada a afinidade dos republicanos federais co movemento obreiro. Pero non se pode falar dunha relación dos obreiros co movemento cantonalista. Os obreiros participaron de forma individual e espontánea. Entre finais de xullo e mediados de agosto os cantóns foron derrotados, agás Málaga, que resistiu ata setembro, e Cartaxena (a experiencia máis significativa e duradeira do cantonalismo), que resistiu ata xaneiro de 1874, xa rematada a República Federal.

Presidencia de Salmerón

dirixiu a súa política a sofocar militarmente o movemento cantonalista. Dimitiu ao negarse a asinar dúas penas de morte impostas polos militares.

Presidencia de Castelar

Impúxose unha política de orde. Gobernou por decreto, disolveu aos voluntarios da República, suspendeu as garantías constitucionais e as Cortes ata xaneiro de 1874. O xeneral Pavía, o 3 de xaneiro de 1874, invadiu o hemiciclo con tropas da Garda Civil e disolveu a Asemblea, rematando coa experiencia da I República Federal. Serrano asumiu o poder executivo do goberno, creando unha república presidencialista.

7. A Restauración. O Retorno da Monarquía. A Constitución de 1876. A Vida Política

O fracaso do Sexenio Democrático e o medo ao espallamento da Internacional, trala experiencia revolucionaria da Comuna de París de 1871, axudaron a espallar a monarquía borbónica como único sistema para traer estabilidade e orde social. O labor de difusión de Cánovas e o partido afonsino, a guerra carlista e de Cuba, a falta de apoios da república presidencialista de Serrano, o recoñecemento do fillo de Isabel II como futuro Rei e o pronunciamento de Sagunto do xeneral Martínez Campos explican o triunfo da Restauración da Monarquía Borbónica con Afonso XII. A Restauración contou co apoio da nobreza, da Igrexa e das elites económicas de Cuba e a Península. Para ter un respaldo na volta dos Borbóns, en decembro de 1874, publicouse o Manifesto de Sandhurst, asinado por Afonso XII e redactado por Cánovas. Resumía os principios da Restauración: a continuidade dinástica, unha monarquía baseada na tradición histórica e constitucional. O Rei declarábase defensor do liberalismo e catolicismo.

Aínda que Cánovas era defensor de que a Restauración e o reinado do futuro Afonso XII fosen pacíficos, por aclamación popular, o 29 de decembro de 1874, o xeneral Martínez Campos liderou un pronunciamento moderado en Sagunto a favor de Afonso XII que supuxo a fin do goberno de Serrano e a chegada a España e o coroamento de Afonso XII.

A Restauración Borbónica

O Sistema Canovista ou da Restauración Borbónica configurouse na monarquía constitucional, a quenda pacífica, o fraude electoral, a oligarquía, o caciquismo e o liberalismo doutrinario. Apostou por un réxime «civilista» no que pretendía atraer o exército como elemento integrado dentro do sistema mediante a imposición da figura do Rei soldado, o nomeamento como senadores dos principais cargos militares e a concesión para gastos do exército de parte dos Orzamentos do Estado. Cánovas propuxo a Quenda de Partidos, un sistema semellante ao británico, como fórmula que remataba coa exclusión da oposición e o pronunciamento. Esta quenda deuse entre dous partidos dinásticos: o Partido Conservador, liderado por Cánovas, e o Partido Liberal, liderado por Sagasta. Ambos recoñecían: a dinastía borbónica, a supremacía da Coroa, o respecto á Constitución, un Estado centralizado e a dobre confianza do Rei e das Cortes. O sistema cimentábase na seguridade de que os partidos respectaban a quenda, recoñecendo a prerrogativa rexia, o Rei como principio da quenda. Ao morrer Afonso XII, Cánovas e Sagasta aceptaron respectar a quenda.

A Constitución de 1876

En 1875 comezou a elaboración e aprobación da Constitución de 1876, a máis duradeira dos s. XIX e XX. Cánovas convocou eleccións para unhas Cortes ordinarias por sufraxio universal, seguindo a Constitución de 1869. Non foron debatidos os artigos relativos á Coroa, pois considerábase á Monarquía anterior e superior á Constitución.

Esta Constitución mantiña a organización dos poderes, a soberanía e as atribucións da Coroa semellante á moderada de 1845, mentres que os dereitos se recollían de forma moi similar aos de 1869. Pódese considerar como unha Constitución doutrinaria, conservadora.

  • Os dereitos e liberdades eran concesións dos poderes públicos, algúns podían ser restrinxidos ou suspendidos polos gobernos mediante leis en circunstancias extraordinarias e pola seguridade do Estado. A pesar da liberdade de conciencia e culto, expresábase a confesionalidade do Estado e o compromiso de soster o culto e clero.
  • O Monarca tiña o papel central do Estado, por riba da Constitución. Compartía soberanía e Poder lexislativo coas Cortes; tiña poder de veto e o poder executivo; encabezaba a diplomacia e dirixía a política internacional e; era o Xefe Supremo do Exército e da Armada.
  • Cortes bicamerais: Congreso e Senado. A presenza aristocrática e oligárquica no Senado recollía as tradicións anteriores: senadores electivos da Constitución de 1869 e senadores de dereito propio e elixidos pola Raíña de 1845.
  • Non se falaba de Poder Xudicial, senón de Administración de Xustiza.

O goberno seleccionaba aos xuíces e maxistrados.

O sufraxio non se reflectía na Constitución. En 1890 restableceuse o sufraxio universal. O Estado era moi centralizado, quedando deputacións e Concellos subordinados a el.

A Garantía da Quenda: Caciquismo e Fraude Electoral

Unha vez chamados ao poder polo Rei, o goberno convocaba eleccións que, entre 1876 e 1923, gañaban por maioría. Isto era aceptado polos dous partidos pola confianza de acadar na próxima quenda a maioría. Era necesario o pacto entre as elites políticas, e entre estas e os caciques, que achegaban a súa rede clientelar, dominio e influencia. Había un funcionamento do caciquismo en tres niveis: En Madrid, destacaba o Ministro da Gobernación; nas provincias, o gobernador civil, os alcaldes e a administración de xustiza; e nos concellos, o cacique, que indicaba o voto ao pobo a cambio de favores. De non asegurarse o resultado, recorríase ao fraude electoral: compra de votos, manipulación do censo, ameazas, pucheirazo…

En síntese, a política da Restauración foi unha Monarquía Constitucional que favorecía ás clases altas. Houbo unha clara división entre a «España oficial», unha minoría que protexía a súa posición; e a «España real», marxinada da política e poder. Nos 90 a quenda acurtouse e, xunto co Desastre do 98, comezou a Crise da Restauración.

8. A Cuestión Nacional no Último Terzo do S. XIX

En España, conviviron desde o s. XIX un nacionalismo español e rexionalismos e nacionalismos periféricos, que se consideraron nacións distintas da española, nos que destacaron o catalán, vasco e galego. Entre os factores da orixe destes destacaron: a diversidade cultural e lingüística; o desenvolvemento económico na periferia; a centralización do Estado; o descontento polo Desastre do 98; e a represión do exército contra os nacionalismos periféricos. Falouse dunha influencia do catalanismo no nacionalismo galego, cunha evolución semellante, na reivindicación da identidade cultural e lingüística (Renaixença e Rexurdimento) evolucionando cara ao Rexionalismo e Nacionalismo. O rexionalismo catalán evolucionou ata desprazar aos partidos da quenda de Cataluña; creouse en 1906 a Solidaritat Catalana. En Galicia, o rexionalismo e nacionalismo, presentaron un compoñente minoritario, intelectual e urbano; creouse en 1907 a Solidariedade Galega. Pola contra, o nacionalismo vasco adoptou unha forma moi peculiar, máis étnica, tradicionalista, católica e independentista de España. Entre as causas da súa orixe e desenvolvemento, hai que sinalar: as consecuencias da Industrialización no País Vasco, a abolición dos foros vascos e o desexo de recuperar os privilexios forais.

O Catalanismo

Como trazos da identidade catalá destacaron: a lingua propia, a cal coa Renaixença desenvolveuse como literaria; os costumes e normas tradicionais; un pasado histórico como parte da Coroa de Aragón; símbolos como a bandeira ou o himno; o desenvolvemento industrial avanzado con respecto ao resto de España; e a marxinación política.

O Rexionalismo Catalán

Deuse na década de 1880. Reivindicouse o autogoberno catalán. Había dúas tendencias:

  • Progresista: destacou Valentí Almirall, fundador do Diari Català e do Centre Català. Reivindicou no Memorial de Agravios de 1885 o feito de que a lingua, a cultura e os intereses cataláns esixían un goberno e Parlamento autónomos.
  • Conservadora: Destacou Prat de la Riba. A Lliga de Catalunya fundouse en 1887 e en 1891 xurdiu a Unión Catalanista, que en 1892 aprobou As Bases de Manresa, documento conservador, preparatorio para a Constitución Rexional de Cataluña. Propuxeron un poder central do estado e un poder en Cataluña, que tiña tribunais, moeda, lingua e exército propios.

O Nacionalismo Catalán

A derrota de España en Cuba e a perda dos intereses económicos propiciou que a burguesía catalá se aproximase a posturas nacionalistas. Naceu así en 1901 a Lliga Regionalista. Prat de la Riba foi o primeiro en reivindicar a Cataluña como nación, non era independentista, recoñecía o autogoberno de Cataluña dentro da unión federal de España. No nacionalismo tamén se distinguiron dúas tendencias: o conservador (Lliga Regionalista de Cambó) e o progresista e republicano (Francesc Macià) que contemplaba xa a independencia.

Nacionalismo Vasco

O nacionalismo vasco asentouse nos sectores tradicionais. O País Vasco, a fins do s. XIX, converteuse nun foco de desenvolvemento industrial e capitalista, que atraeu inmigrantes españois (maketos). O nacionalismo vasco viu na industrialización e nos maketos, os inimigos, o perigo de desvasquización.

Sabino Arana é a figura senlleira do nacionalismo vasco. Manifestouse tradicionalista e independentista e considerou como elementos que definen á nación vasca, a raza, o catolicismo, os foros, o euskera e os costumes tradicionais. O domingo de Resurrección de 1882 é considerado o punto de arranque do nacionalismo vasco (día da patria vasca) cando Sabino asumiu como única patria a futura Euskadi, que debía estar formada polos 7 territorios vascos. En 1894 fundou en Bilbao unha sociedade para defender a independencia de Euskadi, que se baseaba no lema «Deus e foros«; a bandeira, a ikurriña; a lingua e un inimigo: os maketos.

En 1895, fundou o Partido Nacionalista Vasco (PNV). Desde 1898, ano no que o PNV se presentou por primeira vez ás eleccións xerais do Estado, Sabino moderou as expresións separatistas, aceptou a legalización do Partido dentro do sistema político e a participación, en ton rexionalista, na loita electoral, achegándose a partidos da dereita católica.

Trala morte de Sabino, o nacionalismo dividiuse en dúas correntes, unha autonomista e outra independentista.

O Galeguismo

Desde mediados do s. XIX desenvolveuse o galeguismo, que defendía os intereses de Galicia en canto á conciencia da marxinación, pobreza, atraso e afastamento dos gobernos. Foise consolidando en defensa da lingua e cultura galega e coa reivindicación dun autogoberno. Podemos destacar como alicerces o Provincialismo, no que destacaron figuras como Antolín Faraldo e, no ámbito literario e cultural, o Rexurdimento, no que destacaron Rosalía, Pondal e Curros.

O Rexionalismo Galego

apareceu na década de 1880 e había dúas tendencias: progresista, representado por Murguía, que defendía Galicia como nación; e tradicionalista, representada por Brañas, que defendía unha dobre patria, a grande, España, e a chica, Galicia.

Nacionalismo Galego

O Nacionalismo Galego apareceu a partir das Irmandades da Fala de 1916. O nacionalismo conservador tivo a súa principal figura en Vicente Risco, mentres que no nacionalismo progresista destacou Castelao.

Como conclusión, no resto de España podemos sinalar tamén os nacionalismos valenciano, andaluz ou aragonés, máis serodios. O nacionalismo valenciano naceu condicionado polo rexeitamento do centralismo español e as tensas relacións co nacionalismo catalán e as primeiras manifestacións deste foron culturais e en defensa do idioma.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *