O Sistema Político da Restauración Borbónica: Funcionamento e Crise

A vida política da Restauración

A inestabilidade política durante o Sexenio Democrático favoreceu os plans de Cánovas del Castillo para restaurar a monarquía borbónica. No ano 1874, o xeneral Martínez Campos pronunciouse a favor da monarquía e proclamou a Alfonso XII como rei de España, iniciándose así o período coñecido como Restauración borbónica.

As bases do novo réxime

Alfonso XII chegou a España en 1875, nomeando presidente do Goberno a Cánovas, quen sentou as bases políticas do novo réxime: unha monarquía constitucional doutrinaria; a manipulación dos resultados nas eleccións ás Cortes a través do fraude e o caciquismo (documentos 1 e 3); o bipartidismo, que consistía na existencia de dous partidos (Partido Liberal e Partido Conservador) que eran os únicos que podían acceder ao poder mediante unha alternancia pacífica (cando un partido tiña algún conflito, a Coroa nomeaba como presidente de Goberno ao xefe do partido opositor) e a ausencia do exército na política. Paralelamente, co apoio do exército, o Goberno de Cánovas puxo fin ás dúas guerras: a guerra carlista e a de Cuba.

O Pacto do Pardo e a consolidación do sistema

A morte de Alfonso XII en 1885 deixou a María Cristina viúva, quen estaba embarazada. Ante esta situación, os líderes dos partidos dinásticos garantiron a permanencia do réxime e a vixencia da quenda electoral e agardaron a proclamar o herdeiro por se nacía varón (Pacto do Pardo). Consecuentemente, Cánovas dimitiu e Sagasta foi chamado a gobernar, polo que o sistema de quenda pacífica quedaba definitivamente consolidado. En 1886 nacía Alfonso XIII.

Bipartidismo: Conservadores e Liberais

Este sistema baseaba a estabilidade política na existencia de dous grandes partidos monárquicos:

  • Partido Conservador: Liderado por Cánovas, estaba formado por moderados e membros da Unión Liberal. A súa ideoloxía baseábase no liberalismo moderado, sosténdose no catolicismo, no recorte das liberdades e no proteccionismo.
  • Partido Liberal: Dirixido por Sagasta, formábano progresistas e algúns demócratas moi moderados. A súa ideoloxía baseábase no liberalismo progresista, cunha certa tendencia ao laicismo, defendendo unha ampliación das liberdades e o librecambismo.

O fraude electoral e o mecanismo do caciquismo

A necesidade que tiñan os gobernos da Restauración de gañar as eleccións provocou o falseamento dos procesos electorais, polo que recorreron ao fraude electoral. Na táboa de eleccións do documento 1 figuran todos os partidos co seu correspondente número de deputados. Nela obsérvase a clara alternancia de goberno entre os conservadores e liberais, deixando á marxe o resto de partidos.

Dende o goberno designábanse os candidatos que debían saír elixidos en cada distrito electoral, deixando algúns para a oposición (encasillado). Despois, os gobernadores de cada provincia debían conseguir que os resultados dos distritos electorais coincidiran co encasillado, polo que precisaban manipular aos electores, labor que conseguían a través dos caciques, encargados de asegurar que a poboación votase o establecido para ese distrito. O caciquismo foi máis eficaz en zonas rurais e pobres, pois se fundamentaba no uso da riqueza como instrumento de dominación.

O pucheirazo e o sufraxio universal

Calquera método era válido para conseguir o resultado desexado. Porén, os resultados non eran sempre os esperados e como consecuencia recorríase ao pucheirazo (manipulación do censo, resurrección de mortos, ameazas, compra de votos…). O fraude electoral estivo máis presente despois da aprobación do sufraxio universal masculino en 1890, durante un dos gobernos de Sagasta, como reflicten os resultados da táboa do documento 1, comprendida entre as datas de 1891 e 1903.

O Réxime Oligárquico

Pese ao recoñecemento do sufraxio universal, non o podemos considerar un sistema democrático xa que o monarca aínda conserva un amplo poder de goberno, o fraude electoral e o caciquismo impiden aos partidos á marxe do sistema acadar o poder e todos os individuos que ocupan os cargos políticos son membros da oligarquía. Este sistema pódese definir como Réxime oligárquico. Para considerar un sistema político como democrático, este ten que incluír: sufraxio universal, eleccións sen fraude, pluripartidismo, recoñecemento de liberdades e dereitos, limitacións das facultades do monarca e os gobernos deben ser elixidos polos parlamentos.

Conflitividade social e oposición ao sistema

Aínda que politicamente o sistema se mantiña estable, as dificultades aumentaron co paso do tempo. A conflitividade social incrementouse, sendo moi frecuentes as folgas e as protestas obreiras, debido ás malas condicións de vida dos obreiros, e os atentados anarquistas contra a burguesía ou significadas figuras da vida política, como o asasinato de Cánovas (1897), alterando gravemente a orde pública.

Tamén a oposición política (documento 3) creceu, exercida tanto polos republicanos como polos novos movementos rexionalistas e nacionalistas. Os republicanos, divididos e enfrontados entre si, foron silenciados e as súas actividades fortemente restrinxidas:

  • Republicanos federais: Dirixidos por Pi i Margall, centraron a súa actividade na concreción da futura república federal a través da elaboración de proxectos de Constitución.
  • Republicanos progresistas: Dirixidos por Ruiz Zorrilla e defensores da república unitaria, mantiñan a esperanza de conseguir o afundimento da monarquía mediante o pronunciamento das forzas militares, fracasando nos seus intentos.

Aínda que sostiñan as súas diferenzas ideolóxicas, ambos estaban en contra do sistema de alternancia pacífica que levaba implícito o fraude electoral e o caciquismo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *