A Restauración (Alfonso XIII, 1902–1923)
Os documentos presentados reflicten a situación política, social e económica de España durante o reinado de Alfonso XIII, que comezou en 1902 tras a rexencia de María Cristina, nun contexto de progresiva descomposición do sistema da Restauración, baseado na Constitución de 1876 e no turnismo entre o Partido Conservador e o Partido Liberal. Xa desde finais do século XIX, como se indica nalgúns documentos, o sistema amosaba síntomas de debilidade debido ao auxe do movemento obreiro, ao crecemento dos nacionalismos periféricos e ao desprestixio do caciquismo, que minaba a representación real e a eficacia das institucións.
O impacto do Desastre de 1898
O golpe máis decisivo chegou co Desastre de 1898, cando España perdeu Cuba, Porto Rico e Filipinas tras o Tratado de París. Este feito non só supuxo unha derrota militar, senón unha profunda crise moral, política e económica. As clases populares sufriron especialmente pola aplicación do sistema de redención de quintas, que permitía ás clases acomodadas librarse do servizo militar pagando, aumentando o antimilitarismo e o rexeitamento ao exército, tal e como recollen os documentos sobre a sociedade da época. Ademais, a desaparición dos mercados coloniais e de produtos como o azucre ou o café debilitou sectores económicos importantes, mentres que España asumiu un papel secundario no ámbito internacional e xurdiu unha fonda reflexión sobre o atraso do país, visible no pensamento político e na literatura da Xeración do 98.
O rexeneracionismo e as propostas de reforma
Neste contexto xorde o Rexeneracionismo, cunha proposta crítica ao sistema da Restauración. Como recollen os documentos, Joaquín Costa denunciaba a corrupción, o caciquismo e o atraso estrutural do país, defendendo unha modernización baseada na educación e no desenvolvemento económico, resumida no lema «despensa e escola», e mesmo propoñía a necesidade dun «cirurxián de ferro» que aplicase reformas profundas. Esta influencia tivo repercusión nos intentos reformistas de Antonio Maura e José Canalejas, que buscaron unha «revolución dende arriba» para evitar unha revolución social dende abaixo.
Primeiros intentos reformistas
Antonio Maura, segundo indican os documentos, impulsou a Lei Electoral de 1907, a creación do Instituto Nacional de Previsión e reformas laborais, pero non conseguiu eliminar o fraude electoral nin o caciquismo. A súa etapa rematou coa Semana Tráxica de Barcelona (1909), desencadeada pola mobilización de reservistas para a guerra de Marrocos nun contexto de forte antimilitarismo e anticlericalismo. A represión foi moi dura, incluíndo a execución de Ferrer Guardia, provocando condena internacional e a dimisión de Maura.
José Canalejas, por outra banda, promoveu reformas como a Lei do Cadeado, que limitaba a expansión das ordes relixiosas, a abolición parcial do sistema de redención de quintas e a Lei de Mancomunidades, que permitiu a creación da Mancomunidade de Cataluña en 1914. Non obstante, o seu asasinato en 1912 evidenciou a inestabilidade política e a violencia crecente na sociedade española.
A guerra de Marrocos e as consecuencias militares
Outro dos grandes problemas foi a guerra de Marrocos, tras a Conferencia de Alxeciras (1906). España recibiu a zona do Rif e enfróntase á resistencia das tribos rifeñas, que xerou continuos enfrontamentos. A derrota do Barranco do Lobo en 1909 e, sobre todo, o Desastre de Annual en 1921, con miles de mortos fronte ás tropas de Abd-el-Krim, provocou unha enorme conmoción social e política; o Expediente Picasso puxo de manifesto graves irregularidades e responsabilidades que afectaban incluso ao rei, aumentando o desprestixio da monarquía.
Neutralidade na Primeira Guerra Mundial e crise de 1917
A neutralidade española na Primeira Guerra Mundial (1914–1918) xerou inicialmente crecemento económico polas exportacións, pero tamén provocou inflación, desabastecemento e deterioro das condicións de vida das clases populares, desembocando na crise de 1917. Esta crise tivo dimensións militares, políticas e sociais:
- Xuntas de Defensa: reclamaban melloras profesionais;
- Asemblea de Parlamentarios: demandaba Cortes Constituíntes e reformas democráticas;
- Sindicatos: convocaron unha folga xeral revolucionaria.
A resposta do goberno foi a represión militar, evidenciando a incapacidade do sistema para adaptarse ás novas demandas.
Violencia política e final da Restauración
Entre 1918 e 1923 sucedéronse gobernos de concentración que puxeron fin ao turnismo, pero sen estabilizar o país. A conflitividade social intensificouse durante o Trienio Bolxevique, especialmente en Andalucía e Barcelona, co pistolerismo entre sindicatos anarquistas e patronal, e coa complicidade do Estado mediante a chamada «lei de fugas», aumentando a violencia política, que culminou co asasinato de Eduardo Dato en 1921.
Finalmente, ante o impacto político e moral do Desastre de Annual e o temor dunha revolución social, Miguel Primo de Rivera deu o golpe de Estado o 13 de setembro de 1923, co apoio do exército, da burguesía catalá e co consentimento do rei. Suspendéronse a Constitución e as garantías, instaurándose unha ditadura militar que pretendía rexenerar o país, culminando a quebra do sistema da Restauración e abrindo o camiño á caída definitiva da monarquía en 1931.
A Segunda República (1931–1936)
Os documentos presentados reflicten o nacemento, a evolución e os conflitos da Segunda República Española (1931–1936), xurdida nun contexto de profunda crise política, económica e social que arrastraba España desde o Desastre de 1898, continuando coas crises de 1909, 1917, 1921 e culminando coa ditadura de Miguel Primo de Rivera, que dimitiu en 1930. A identificación entre ditadura e monarquía debilitou gravemente a figura de Alfonso XIII, cada vez máis illado e sen apoios, mentres a sociedade española demandaba un sistema político moderno e democrático.
Do final da ditadura á proclamación da República
Tras a caída da ditadura, o rei nomeou ao xeneral Dámaso Berenguer, inaugurando a chamada «dictablanda», e posteriormente ao almirante Juan Bautista Aznar, pero o sistema monárquico estaba totalmente desprestixiado, afectado polo caciquismo, o bipartidismo oligárquico e o apoio á ditadura de Primo de Rivera. Neste contexto, en agosto de 1930 asinouse o Pacto de San Sebastián, no que republicanos, socialistas e nacionalistas comprometeron colaboración para derrubar a monarquía e instaurar unha república. Creouse un Comité Revolucionario, presidido por Niceto Alcalá-Zamora, que coordinou accións políticas e intentos de sublevación militar, como os de Jaca e Cuatro Vientos, que fracasaron pero contribuíron ao desprestixio do réxime monárquico.
As eleccións municipais do 12 de abril de 1931 actuaron como un verdadeiro plebiscito contra a monarquía: aínda que no rural gañaron os monárquicos, nas principais cidades triunfaron claramente as candidaturas republicanas. En consecuencia, o 14 de abril proclamouse a República, nun ambiente de xúbilo popular, e Alfonso XIII marchou ao exilio sen abdicar formalmente. Formouse un Goberno Provisional, presidido por Alcalá-Zamora e integrado por republicanos e socialistas como Manuel Azaña, Largo Caballero e Indalecio Prieto, coa misión de convocar eleccións a Cortes Constituíntes e iniciar reformas urxentes.
Primeiros problemas e reforma militar
Entre os primeiros problemas destacaron a cuestión catalá, coa proclamación do «Estado Catalán» por Macià, o conflito relixioso derivado do carácter laico do novo réxime e os problemas de orde pública provocados pola radicalización obreira e anarquista. Tamén se iniciou unha profunda reforma militar, impulsada por Azaña, coa intención de subordinar o exército ao poder civil e reducir o exceso de oficiais, tal como reflicten os documentos.
O Bienio Reformista (1931–1933)
Tras as eleccións de xuño de 1931 comezou o Bienio Reformista (1931–1933), presidido por Azaña, que redactou a Constitución de 1931, unha das máis progresistas da historia de España. Esta Constitución establecía:
- Soberanía popular;
- Sufraxo universal masculino e feminino;
- Un Estado laico;
- Amplos dereitos e liberdades, Cortes unicamerais e a posibilidade de autonomías;
- Recoñecemento da función social da propiedade e posibilidade de expropiacións por interese xeral.
Con todo, como indican os documentos, esta Constitución non contou co consenso das dereitas nin da Igrexa.
Reformas sociais e conflito
Durante este período impulsáronse importantes reformas:
- Reforma agraria: para redistribuír terras e mellorar a situación dos xornaleiros;
- Reforma relixiosa: separación Igrexa-Estado, matrimonio civil e divorcio;
- Reforma educativa: creación de miles de escolas e das Misións Pedagóxicas;
- Autonomías: aprobouse o Estatuto de Cataluña en 1932 e iniciáronse os procesos autonómicos vasco e galego.
Con todo, a lentitude da reforma agraria, a oposición dos terratenentes, a radicalización anarquista (como no caso de Casas Viejas) e o intento de golpe de Estado de Sanjurjo en 1932 aumentaron a tensión política e evidenciaron as dificultades para consolidar o proxecto republicano.
O Bienio de Dereitas (1933–1936) e a escalada da polarización
A crise da coalición de goberno levou á convocatoria de eleccións en novembro de 1933, nas que triunfaron as dereitas, iniciándose o Bienio de Dereitas (1933–1936) con gobernos do Partido Radical, apoiados pola CEDA de Gil Robles. Neste período paralizáronse ou reverteron moitas das reformas do bienio anterior, concedéndose amnistía aos militares golpistas e freando a reforma agraria e as autonomías. A entrada da CEDA no goberno provocou a Revolta de Outubro de 1934, especialmente grave en Asturias e Cataluña, que foi duramente reprimida polo exército, aumentando a polarización social e a violencia política.
A convocatoria de novas eleccións en febreiro de 1936 levou á vitoria da Fronte Popular, coalición de esquerdas, que retomou as reformas, concedeu amnistía aos presos de 1934 e restableceu o Estatuto catalán. Con todo, a violencia política intensificouse, coa radicalización tanto da dereita como da esquerda. A conspiración militar, dirixida por Mola e apoiada por sectores conservadores, culminou no levantamento do 17–18 de xullo de 1936, dando inicio á Guerra Civil Española, que puxo fin ao intento de consolidación democrática da Segunda República.
En definitiva, os documentos mostran que a Segunda República foi un proxecto serio de modernización e democratización de España, cunha Constitución progresista, reformas sociais, laborais, educativas e autonómicas, pero que se viu limitada pola falta de consenso político, a polarización social e a oposición das forzas conservadoras e revolucionarias. A imposibilidade de integrar á sociedade española nun proxecto estable desembocou finalmente na Guerra Civil, evidenciando que, a pesar dos intentos de progreso, as tensións históricas acumuladas desde finais do século XIX non puideron resolverse completamente.
A Ditadura de Primo de Rivera (1923–1930)
Os documentos presentados fan referencia á ditadura de Miguel Primo de Rivera, instaurada tras o golpe de Estado do 13 de setembro de 1923 e que se prolongou ata 1930. Este golpe produciuse nun contexto de profunda crise do sistema da Restauración, que xa desde 1917 mostraba síntomas de esgotamento debido á inestabilidade política, ao desprestixio do turnismo, ao auxe do republicanismo e dos nacionalismos periféricos, e ao crecente movemento obreiro. España vivía nunha situación de polarización social: mentres os sindicatos e as organizacións obreiras, como UGT e CNT, reclamaban melloras laborais e cambios sociais, os sectores conservadores, a burguesía e as clases medias urbanas temían que a influencia da Revolución Rusa provocase unha revolución similar no país. Neste contexto, o golpe de Primo de Rivera foi percibido por moitos como unha solución temporal para restaurar a orde e garantir a estabilidade.
O inicio do réxime e o «cirurxián de ferro»
Primo de Rivera, capitán xeneral de Cataluña, proclamou o estado de guerra e, co apoio do rei Alfonso XIII, formou goberno, suspendendo a Constitución de 1876 e as garantías constitucionais. Como recollen os documentos, presentouse como o «cirurxián de ferro», facendo referencia ás ideas rexeneracionistas de finais do século XIX, co obxectivo de combater o caciquismo, a corrupción, os conflitos sociais, o separatismo e rematar coa guerra de Marrocos. O golpe contou co respaldo do exército africanista, do empresariado catalán, das elites tradicionais e das clases medias, aínda que se opoñían intelectuais, estudantes, republicanos, comunistas e anarquistas.
Directorio Militar (1923–1925)
Na primeira etapa, o Directorio Militar (1923–1925), o réxime gobernou exclusivamente con militares mediante decretos, sen Parlamento. Disolvéronse as Cortes e substituíronse gobernadores civís por militares, limitáronse as liberdades públicas e reprimiuse con dureza ao movemento obreiro, mentres que partidos como o PSOE colaboraron parcialmente co réxime. Como indican os documentos, nesta fase aplicáronse políticas centralistas para frear o nacionalismo catalán, prohibiuse o uso das linguas vernáculas nas institucións públicas e controlouse a prensa e as asociacións políticas. Un dos éxitos máis relevantes desta etapa, recollido noutro documento, foi o desembarco de Alhucemas en 1925, realizado conxuntamente con Francia, que permitiu derrotar definitivamente a resistencia de Abd el-Krim e rematar coa guerra de Marrocos, reforzando temporalmente o prestixio do réxime e consolidando a percepción de orde e eficacia que o goberno quería transmitir.
Directorio Civil (1925–1930) e políticas económicas
Na segunda fase, o Directorio Civil (1925–1930), Primo de Rivera intentou institucionalizar a ditadura mediante a creación da Asemblea Nacional Consultiva en 1927, de carácter corporativo e inspirada no modelo italiano, que pretendía ofrecer unha apariencia de representación sen recuperar a democracia parlamentar. No ámbito laboral implantouse a Organización Corporativa do Traballo e creáronse comités paritarios para regular as relacións entre obreiros e patróns, mentres que na economía, baixo a dirección de Calvo Sotelo, desenvolveuse unha política intervencionista con investimentos en infraestruturas, a creación de monopolios como CAMPSA e a reorganización das Confederacións Hidrográficas, fomentando o crecemento industrial durante os anos vinte.
Con todo, como indican outros documentos, estas medidas non resolvéron os problemas estruturais da agricultura, incrementaron a débeda pública e non melloraron significativamente a vida das clases populares, que sufrían inflación, desabastecemento e precariedade.
O declive do réxime e a caída
A oposición ao réxime foise intensificando progresivamente. Intelectuais como Miguel de Unamuno, José Ortega y Gasset ou Ramón María del Valle-Inclán, xunto con estudantes universitarios, sectores republicanos, comunistas e anarquistas, criticaron abertamente a ditadura, denunciando a falta de liberdades, a centralización e a represión. Ademais, a crise económica derivada do crac de 1929 debilitou o apoio da burguesía e das elites conservadoras, illando politicamente a Primo de Rivera, que se viu incapaz de manter consenso social ou político e presentou a súa dimisión en xaneiro de 1930.
Tras a caída da ditadura, a tentativa de restaurar o sistema constitucional fracasou. O rei Alfonso XIII nomeou a Dámaso Berenguer coa intención de recuperar a monarquía, pero o desprestixio do sistema e a identificación entre monarquía e ditadura impediron calquera éxito. En agosto de 1930 asinouse o Pacto de San Sebastián entre republicanos, socialistas e nacionalistas, comprometéndose a derrubar a monarquía e preparar a proclamación dunha república. Finalmente, as eleccións municipais de abril de 1931 funcionaron como un verdadeiro plebiscito contra a monarquía, e o 14 de abril proclamouse a Segunda República, poñendo fin á monarquía e consolidando a caída definitiva do réxime restauracionista que Primo de Rivera intentara preservar.
En definitiva, como recollen os documentos, a ditadura de Primo de Rivera, lonxe de consolidar a monarquía, actuou como un intento autoritario de rexeneración que non solucionou os problemas estruturais do país, provocou centralización e represión, conseguiu algún desenvolvemento económico e éxitos militares puntuais, pero acelerou o desprestixio da monarquía e preparou o escenario político para a chegada da Segunda República, abrindo unha nova etapa marcada pola modernización, o conflito social e a polarización política.
