A Ditadura de Primo de Rivera (1923-1930): Contexto e Actuación Económica
Atopámonos ante un texto con varios documentos referentes á ditadura do xeneral Primo de Rivera (1923-1930) e á actuación económica destes anos.
Nun contexto de crise política e social que atravesaba o país, Primo de Rivera lidera un golpe de Estado co apoio de militares e políticos. Pronunciouse contra a legalidade constitucional e dirixiuse ao rei Afonso XIII para esixirlle que o poder pasase a mans dos militares (documento 2). O rei aceptou e suspendeu o réxime parlamentario constitucional, aceptando un Directorio Militar dirixido por Primo de Rivera, quen, como indica no primeiro documento, buscaba recuperar a honra perdida para España despois do Desastre de Annual, as inestabilidades políticas e os nacionalismos periféricos.
O xeneral pretendía limpar o país de caciques, acabar coa bandidaxe política, a indisciplina social e as ameazas á unidade nacional.
Fases da Ditadura (1923-1930)
A ditadura de Primo de Rivera pasou por dúas fases:
- Directorio Militar (1923-1925): Goberno composto exclusivamente por militares.
- Directorio Civil (1925-1930): Aínda que os militares mantiñan o peso, incluíronse personalidades civís.
Medidas do Directorio Militar (1923-1925)
Durante o goberno do Directorio Militar leváronse a cabo as seguintes medidas:
- Suspensión do réxime constitucional.
- Disolución das cámaras lexislativas.
- Cesamento das autoridades civís.
- Prohibición das actividades dos partidos políticos e dos sindicatos.
- Militarización da orde pública.
- Represión dos obreiros máis radicais.
Durante esta etapa, o conflito de Marrocos centrou o interese total de Primo de Rivera, quen asumiu persoalmente o Alto Comisionado de Marrocos, obtendo grandes éxitos militares.
O Directorio Civil e a Institucionalización (1926-1930)
Na segunda fase, a partir de 1926, Primo de Rivera intentou institucionalizar o réxime para darlle continuidade, seguindo o modelo do fascismo italiano. Creou unha Asemblea Nacional Consultiva na que os seus membros serían elixidos por designación e non por sufraxio.
Política Económica e Intervencionismo Estatal
A ditadura beneficiouse da boa situación económica que adquirira o país durante a Primeira Guerra Mundial debido ás exportacións (ver cadro de produción do documento 4). A idea económica principal foi a nacionalización de importantes sectores da economía e o aumento da intervención do Estado.
- Obras Públicas e Monopolios: O Estado tivo unha gran importancia no fomento das obras públicas. O goberno aprobou un Decreto polo que se concedían axudas a empresas que non podían competir co exterior. Tamén se concederon grandes monopolios no sector da telefonía e do petróleo (Telefónica, CAMPSA).
- Sector Agrario: O mundo agrario seguía nas mans de grandes propietarios sen levarse a cabo ningunha reforma, aínda que se promoveu o regadío coa creación das Confederacións Hidrográficas.
Organización Social e Laboral
No terreo social, a ditadura puxo en marcha un modelo que pretendía eliminar os conflitos laborais mediante a intervención do Estado. Con este fin, creouse a Organización Corporativa Nacional, que agrupaba obreiros e patróns a través de comités nos que había o mesmo número de obreiros que de patróns.
Oposición e Declive do Réxime
Contra a ditadura foi xurdindo unha forte oposición por parte dos republicanos, nacionalistas, comunistas, anarquistas, algúns sectores do exército e tódolos intelectuais; intentáronse incluso conspiracións militares.
Oposición Intelectual e Estudantil
Os intelectuais e os universitarios estaban totalmente privados de liberdades pola censura e incluso pechábanse universidades. Isto creou un conflito estudantil e formaron un sindicato chamado Federación Universitaria Española (FUE) de carácter republicano.
Conflitos Rexionais e Sindicais
O conflito máis forte produciuse cos republicanos e os nacionalistas, sobre todo en Cataluña. Os republicanos fixeron unha mala propaganda no exterior da ditadura. En Cataluña, a prohibición da lingua catalá en público e a prohibición do baile da sardana foron mal recibidas por sectores que simpatizaban coa ditadura.
A CNT amosouse contraria ao réxime e foi moi perseguida. O PSOE tamén cambiou de posición, pronunciándose a favor da República.
Transición e Fin da Monarquía
Esta oposición á ditadura incrementouse cando o rei se convenceu de que o réxime era un perigo para a permanencia da monarquía, e retiroulle a confianza a Primo de Rivera, quen acabou dimitindo en 1930.
Substituíuno o xeneral Berenguer coa condición de levar a cabo unhas eleccións que permitisen volver á normalidade constitucional. Berenguer foi incapaz de levar a cabo o proxecto e foi substituído polo almirante Aznar.
Valoracións Históricas da Ditadura
Por último, nos documentos 3 e 5, atopamos dúas valoracións da ditadura de Primo de Rivera.
A Visión de José Calvo Sotelo (Documento 3)
A primeira é un fragmento da obra «Mis servicios a España» por parte de José Calvo Sotelo, no que defende as liñas básicas da actuación económica de España. Expón que o país debía nacionalizar unicamente as industrias para as cales a materia prima se obtén no noso territorio, as que dentro do ámbito nacional de consumo poden achar mercado suficiente e as indispensables para asegurar a independencia política nacional.
A Crítica de Ángel Ossorio (Documento 5)
Non obstante, no documento 5 atopamos un fragmento de carácter máis negativo cara á ditadura por parte de Ángel Ossorio, quen sería deputado das Cortes republicanas. Intenta transmitirnos a realidade despois de seis anos de ditadura, baseándose en certos aspectos como que o exército se fragmentou, as universidades estaban pechadas, e a facenda e a xustiza estaban rotas. Móstranos que todas as forzas lexítimas están rotas, mentres que as nocivas, como o caciquismo, os extremismos nacionalistas e os sindicalismos revolucionarios, seguen en pé.
