Vocabulario Esencial da Historia de España e Galicia: República, Guerra Civil e Franquismo

Glosario Histórico: Termos Clave da Historia Contemporánea de España e Galicia

Agrarismo

Movemento reivindicativo que organizou o campesiñado galego en asociacións e sindicatos agrarios para lograr a redención dos foros, loitar contra o caciquismo e propulsar a renovación técnica durante o século XIX e principios do XX. Destacaron as organizacións Solidariedade Galega (1907-1912) e Acción Galega (1910-1915), xunto co máximo líder desta, Basilio Álvarez.

Bienio Negro (1933-1936)

Segundo período da Segunda República comprendido entre novembro de 1933 e febreiro de 1936. Foi cualificado así (e tamén como rectificador e contrarreformista) polas esquerdas debido ás medidas revisionistas e conservadoras tomadas polos gobernos de dereitas radical-cedistas (do Partido Republicano Radical de Lerroux e a CEDA de Gil Robles), que paralizaron moitas das leis reformistas do primeiro bienio republicano e exerceron unha dura represión sobre os participantes na Revolución de Outubro de 1934.

Brigadas Internacionais

Unidades militares de voluntarios estranxeiros que participaron na Guerra Civil Española apoiando a Segunda República. Organizados a través dos sindicatos e partidos de esquerda socialistas e comunistas dos seus respectivos países, chegaron a España, procedentes de máis de 50 países de Europa e América, para combater a favor da democracia e contra o fascismo. Foron retirados en outubro de 1938 pola presión internacional.

CEDA (Confederación Española de Dereitas Autónomas)

Coalición de partidos conservadores e católicos fundada en 1933 por Gil Robles. Definíase como contrarrevolucionaria e antimarxista, defensora da relixión, a familia e a propiedade, e esixía a revisión da Constitución de 1931 para adecuala aos principios cristiáns. Formou parte do Goberno da Segunda República, en coalición co Partido Radical, entre 1934 e 1935.

Contubernio de Múnic (1962)

Nome pexorativo co que o réxime franquista tratou de ridiculizar o Congreso do Movemento Europeo celebrado en Múnic en 1962. O máximo impulsor da reunión foi Salvador de Madariaga, moi ben relacionado cos dirixentes do movemento europeo, e a ela asistiron 118 opositores ao franquismo, tanto do interior de España como do exilio, unidos por un obxectivo común: instaurar en España un sistema político democrático.

Desastre de Annual (1921)

Importante derrota militar española producida na guerra colonial de Marrocos ante os rifeños comandados por Abd el-Krim en xullo de 1921. Morreron miles de soldados españois e os rifeños fixéronse co control da zona proclamando a independencia da República do Rif. O desastre agudizou a crise da Restauración Borbónica e o desprestixio do exército e de Alfonso XIII, a quen se lle atribuíu parte da derrota, e foi causa directa do golpe de Estado e ditadura de Miguel Primo de Rivera.

Directorio Militar (1923-1925)

Primeiro goberno da ditadura de Primo de Rivera formado, tras o golpe de Estado de 1923, unicamente por militares e que durou ata 1925. A Constitución de 1876 e os partidos políticos quedaron suspendidos, os dereitos e liberdades foron restrinxidos e as publicacións e a prensa sometidas a censura. O seu maior éxito foi a finalización da guerra de Marrocos tras o Desembarco de Alhucemas de 1925.

Expediente Picasso (1922)

Informe redactado en 1922 polo xeneral Juan Picasso baseado na investigación realizada sobre o comportamento de oficiais e soldados na derrota de Annual para determinar as súas responsabilidades. O informe revelaba a neglixencia dos militares, a temeraria actuación do xefe das tropas, o xeneral Silvestre, e a implicación de Alfonso XIII no desastre militar.

FAI (Federación Anarquista Ibérica)

Agrupación anarquista fundada en 1927 durante a ditadura de Primo de Rivera como liña máis radical ante a actitude dalgúns líderes do sindicato anarquista CNT de buscar vías máis posibilistas e negociadoras. A FAI logrou impoñerse dentro da CNT durante a Segunda República, chegando a ter numerosos seguidores cunha postura de «guerra aberta contra o Estado» que debilitou o réxime republicano. Durante a Guerra Civil conseguiu gran poder e tivo un papel moi destacado nas colectivizacións agrarias e de empresas, xa que era partidaria de compatibilizar a guerra coa revolución.

FET das XONS (Falanxe Española Tradicionalista e das Xuntas Ofensivas Nacional Sindicalistas)

Movemento político creado por Franco en 1937 mediante o Decreto de Unificación que fusionaba as principais forzas políticas que apoiaron o levantamento contra a Segunda República e a creación do novo Estado: o movemento tradicionalista carlista e as formacións fascistas de Falanxe Española e das XONS. Foi a única formación política autorizada durante o franquismo, sendo coñecida como Movemento Nacional.

Fronte Popular (1936)

Coalición electoral creada en xaneiro de 1936 integrada polos principais partidos obreiros e republicanos de esquerda (republicanos progresistas, socialistas, comunistas e nacionalistas progresistas). Foi vencedora das eleccións de febreiro de 1936 nas que presentaba un programa continuador das reformas do primeiro bienio republicano. Serviu de apoio á política reformista desenvolvida polos gobernos formados por republicanos de esquerda encabezados por Azaña e Casares Quiroga. O seu esforzo paralizouse polo levantamento militar de xullo de 1936.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *