1. España antes da invasión napoleónica: A crise do reinado de Carlos IV
A monarquía de Carlos IV estaba desprestixiada por estar nas mans de Godoy. Cando estala a Revolución Francesa, España declara a guerra a Francia, pero as derrotas levan aos Tratados de San Ildefonso e á alianza forzosa con Francia. En 1807, Godoy asina o Tratado de Fontainebleau cos franceses, permitíndolles atravesar España para conquistar Portugal, pero hai un problema: as tropas francesas ocupan cidades españolas de camiño.
Este feito, unido ao descontento xeral, desemboca no Motín de Aranxuez (1808): Carlos IV abdica a coroa no seu fillo, Fernando VII. A debilidade do poder convence a Napoleón de aproveitar a situación, e logo de convocar á familia real en Baiona, obriga aos reis a entregarlle a coroa de España, que lle entrega ao seu irmán, Xosé I Bonaparte.
2. A Guerra de Independencia (1808-1814), Cortes de Cádiz e Constitución de 1812
O descontento popular estala o 2 de maio de 1808 en Madrid, cunha sublevación que se expande por toda España, iniciando a Guerra de Independencia. A poboación divídese entre os afrancesados, partidarios de Xosé I, e os fernandinos, fieis a Fernando VII. A guerra foi longa e dura, con enorme importancia da guerrilla, e distinguimos tres fases:
- 1808-1809: Sitios de Zaragoza e Xirona, coa gran derrota francesa de Bailén.
- 1809-1812: Ocupación francesa de case toda a península.
- 1812-1814: Declive militar de Napoleón (tanto en España como en Europa). A guerrilla e o apoio británico son decisivos, e Fernando VII acaba recuperando o trono español.
Durante a guerra, a falta dun poder central que organice a loita leva á creación de Xuntas locais, posteriormente organizadas pola Xunta Suprema Central. En 1810 convócanse Cortes Constituíntes, que se reúnen en Cádiz por ser a única cidade que non estaba ocupada polos franceses. Estarán compostas por tres grupos: absolutistas (minoría), liberais (queren reformas políticas) e deputados americanos.
Estas elaboran a Constitución de 1812, coñecida como «A Pepa», con reformas que desmantelan o Antigo Réxime. Segue os principios do liberalismo político:
- Soberanía nacional: O poder é do pobo, que o exerce por medio dos seus representantes.
- Monarquía moderada hereditaria.
- Separación de poderes:
- Executivo: O rei. Elixe aos ministros, dirixe a política internacional…
- Lexislativo: O rei e as cortes.
- Xudicial: Tribunais.
3. Fernando VII e a volta ao absolutismo
Sexenio Absolutista (1814-1820)
Cando volve o rei, os deputados absolutistas redactan o Manifesto dos Persas (1814) pedindo a volta ao absolutismo, polo que Fernando VII abole a Constitución de 1812 e retoma os costumes do Antigo Réxime. Iníciase a persecución liberal (encarceramentos, asasinatos e exilios), pero con todo, os levantamentos liberais coa axuda do exército serán constantes, destacando o pronunciamento de Riego en Cabezas de San Juan (1820). O seu triunfo supón a volta ao liberalismo.
Trienio Liberal (1820-1823)
Fernando VII vese obrigado a xurar a Constitución de 1812, declarar a amnistía e convocar Cortes, pero intentará frear todas as reformas que poida. Os liberais están divididos entre os exaltados, partidarios de reformas que acaben definitivamente co Antigo Réxime e a favor da Constitución de 1812; e os moderados, que prefiren reformas suaves para que as elites as acepten. Finalmente, en 1823, logo da petición de axuda do rei á Santa Alianza, os Cen Mil Fillos de San Luís entran en España, conseguindo a volta ao absolutismo.
Década Ominosa / Absolutista (1823-1833)
Son anos de profunda crise en España. A perda das colonias americanas supón unha crise comercial e económica profunda, e a persecución aos liberais é durísima. A isto súmase o problema dinástico: Fernando VII soamente tiña fillas, e pola Lei Sálica soamente podían herdar o trono os varóns. A súa mala saúde obrígao a aprobar a Pragmática Sanción, que permite que as mulleres poidan herdar o trono se non hai herdeiros homes.
Moitos absolutistas non o aceptan, e cando morre o rei en 1833, proclámanse monarcas a un tempo Isabel II (coa súa nai como rexente) e Carlos de Borbón, o seu tío, desencadeándose a Primeira Guerra Carlista (1833-1840). A guerra é un conflito dinástico e o enfrontamento entre as vellas ideas absolutistas e as novas, liberais. Finalmente, remata en 1840 co Abrazo de Vergara, coa derrota carlista.
4. As independencias americanas
A comezos do século XIX, o descontento da minoría crioula permite o calado das ideas liberais e nacionalistas, influencias que chegan da Revolución Americana (1776) e a Francesa (1789). O Reino Unido tamén impulsará as independencias para poder comerciar libremente con elas. Distinguimos varias fases:
- 1810-1815: Co baleiro de poder pola Guerra da Independencia, comezan a nacer Xuntas nas colonias que proclaman a independencia de España. Co regreso de Fernando VII ao trono recupéranse case todos os territorios.
- 1816-1828: San Martín, Iturbide e Bolívar, importantes xenerais independentistas, conseguen derrotar aos exércitos españois e obter as independencias de Arxentina, Chile, Colombia, México…
En balance, as independencias implican a fin do imperio americano español (salvo Cuba e Porto Rico), dedicando para intentar evitala importantes recursos que levan a España á crise e á ruína. En América, as rivalidades internas e os intereses enfrontados crean un territorio fragmentado, cun poder político e económico nas mans dos crioulos e que exclúe ao resto da poboación. Os novos estados seguen sendo dependentes economicamente, sobre todo de Reino Unido e Estados Unidos.
5. Isabel II e a construción do Estado Liberal
Período de rexencias (1833-1844)
A raíña tiña 3 anos, e a primeira rexencia será a da súa nai, a raíña viúva María Cristina. Inténtase manter o absolutismo, pero a guerra carlista forza o apoio aos liberais, que se dividen en moderados (máis conservadores) e progresistas. A alianza da rexente cos moderados leva a protestas populares e á entrega do poder aos progresistas, que redactan a Constitución de 1837.
Nela, tómanse medidas para acabar co Antigo Réxime, destacando a desamortización de Mendizábal, que expropiaba terras á Igrexa para vendelas en poxa. Os enfrontamentos entre moderados e progresistas levan á renuncia de María Cristina, converténdose en rexente o progresista Espartero.
Década Moderada (1844-1854)
A sublevación moderada de Narváez (1843) leva á renuncia de Espartero e á subida ao trono de Isabel II como maior de idade, estando os seus primeiros anos marcados polos gobernos moderados, dirixidos en varias ocasións por Narváez. Redáctase a Constitución de 1845, moderada, con sufraxio e dereitos restrinxidos. O Estado organízase de forma centralizada, controlando o goberno dende a capital ata os concellos. A política ultraconservadora leva á radicalización dos progresistas, aparecendo os demócratas (defenden o sufraxio universal) e os republicanos. O pronunciamento de Vicálvaro (1854), dirixido por O’Donnell e apoiado por moderados e progresistas, pon fin á etapa.
Bienio Progresista (1854-1856)
Destaca a grande actividade lexislativa, coa Lei de Ferrocarrís (1855) e a Constitución “non nata” de 1856. Tamén destaca a desamortización de Madoz, que afecta sobre todo aos bens dos concellos. A crise económica, a conflitividade social e a loita polo poder acaban co goberno progresista.
Gobernos moderados e unionistas (1856-1868)
O’Donnell crea o partido Unión Liberal, que alterna o poder cos moderados. É unha época de estabilidade ata 1864, cando a crise económica empeora. Dende 1866, os progresistas e os demócratas comezan as conspiracións para conseguir o derrocamento de Isabel II (Pacto de Ostende).
6. Sexenio Democrático (1868-1874)
Revolución Gloriosa (1868)
Nos últimos anos de reinado de Isabel II o descontento social e económico esténdese, con revoltas populares e rexeitamento contra o conservadorismo… ata que en setembro de 1868 se produce o levantamento liderado polos xenerais Prim e Serrano. A Revolución Gloriosa triunfa, e Isabel II abandona España. O goberno provisional convoca eleccións a Cortes Constituíntes, as cales aproban a Constitución de 1869, primeira constitución democrática de España, recoñecendo o sufraxio universal masculino. Serrano é o rexente ata que se elixa un rei.
Amadeo I de Saboia (1871-1873)
As Cortes elixen rei a Amadeo de Saboia, que chega a España pouco despois da morte de Prim. Foi un rei democrático que se enfronta á oposición dos monárquicos, a Igrexa e os republicanos. O pobo tampouco o apoia por ser estranxeiro. Nestes anos estalan a guerra de Cuba e a terceira guerra carlista, e remata renunciando ao trono.
Primeira República Española (1873-1874)
As Cortes proclaman a Primeira República, na que se suceden catro presidentes (Figueras, Pi i Margall, Salmerón e Castelar). Teñen que facer fronte ao movemento cantonalista, á guerra de Cuba e á Terceira Guerra Carlista. Ante este caos, o xeneral Pavía dá un golpe de Estado, disolve as Cortes (1874), e o pronunciamento do xeneral Martínez Campos permite o retorno dos Borbóns.
7. Restauración Borbónica
A proclamación de Alfonso XII como rei pon inicio á Restauración. Nomea presidente a Cánovas del Castillo, artífice do sistema da quenda de partidos (alternancia pacífica entre conservadores e liberais). A Constitución de 1876 intenta conciliar ambas posturas, con soberanía compartida e confesionalidade estatal.
- Partido Conservador (Cánovas): Defensor da Igrexa e a orde social.
- Partido Liberal (Sagasta): Defensor de reformas sociais, aprobando o sufraxio universal masculino en 1890.
A alternancia foi posible pola corrupción electoral: o caciquismo no campo e o pucherazo nas cidades. Este sistema fraudulento deu estabilidade, pero aumentou o peso do anarquismo, o socialismo e os nacionalismos periféricos.
8. Industrialización española e cambios sociais
A España do s. XIX segue sendo fundamentalmente agraria. As desamortizacións fixeron que a burguesía acumulase terras, mellorando técnicas, pero a maioría do campesiñado seguiu traballando por xornais. A Revolución Industrial foi con atraso por:
- Escaseza e mala calidade do carbón.
- Malas comunicacións e mercado interior reducido.
- Escaseza de investimentos internos.
Destacan o sector do algodón en Cataluña e o ferro en Andalucía, País Vasco e Asturias. O ferrocarril (Barcelona-Mataró, 1848) e a Lei Xeral de Ferrocarrís (1855) foron claves. A poboación medra e moita emigra a América. No movemento obreiro destacan o anarquismo (FRE, CNT) e o marxismo (PSOE, UXT, fundados por Pablo Iglesias).
9. Galicia no século XIX
As loitas liberais-conservadoras e o poder dos caciques marcan o século en Galicia. A invasión napoleónica levou á creación da Xunta Suprema do Reino. O clero perde forza coas desamortizacións, pero a burguesía e a fidalguía impiden cambios profundos. A industria moderna baséase nas conserveiras e o ferrocarril chega de xeito tardío.
O s. XIX é o da emigración masiva a América, o que supón a perda de poboación nova pero trae remesas de cartos e escolas. O galeguismo faise forte co Rexurdimento cultural (Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez) e o rexionalismo político, tanto conservador (Alfredo Brañas) como liberal (Manuel Murguía).
