A política económica do franquismo (1939-1975)
Contexto
Os documentos sitúanse cronoloxicamente entre 1939 e 1975, concretamente nas décadas dos 40 e dos 60. Dende o punto de vista do contexto internacional, cabe ter en conta a influencia da Segunda Guerra Mundial (1939-1945) e o inicio da Guerra Fría. En canto ao contexto interno, o tema enmárcase no franquismo, un período no que se establece en España unha ditadura militar e autoritaria tras a Guerra Civil e a caída do réxime democrático republicano.
Teoría: Etapas da economía franquista
A economía española durante o franquismo pódese dividir en dúas etapas:
- A primeira etapa é a da autarquía, caracterizada por unha buscada autosuficiencia económica, propia do ideario fascista, e un obrigado illamento internacional que comeza no momento en que os militares sublevados gañan a Guerra Civil.
- A segunda etapa, coñecida como o desenvolvemento económico ou “desarrollismo”, parte do ano 1959 cando se aproba o Plan de Estabilización Nacional e España abre a súa economía ao exterior (modelo baseado na liberalización económica) e comezan a chegar os investimentos estranxeiros atraídos pola man de obra abundante e barata.
O período de autarquía
O período de autarquía tiña como obxectivo lograr a autosuficiencia económica para non depender economicamente do exterior, impulsando a produción interior e dificultando as importacións mediante a imposición de elevados aranceis. Na agricultura, descendeu a produción debido á escaseza de abonos e á baixa produtividade, o que se traduciu en problemas no abastecemento de alimentos e nun aumento dos prezos. As capas sociais máis pobres sufriron a inflación e os baixos salarios e, a miúdo, tiveron que recorrer a unha economía de subsistencia e troco. O atraso económico favoreceu a aparición da fame e o aumento da miseria e pobreza extrema. Ante a escaseza de alimentos e o aumento dos seus prezos, o goberno viuse obrigado ao establecemento de cartillas de racionamento e interveu a produción agrícola a través do Servizo Nacional do Trigo, que obrigaba aos agricultores a entregar a maior parte das colleitas a un prezo regulado. Os labregos procuraban evadir estas obrigas por diversos medios (por exemplo, ocultando as colleitas) e as multas e requisas resultaron ineficaces. O desabastecemento propiciou o mercado negro, ou estraperlo, paralelo ao oficial, no que se podían atopar abundantes produtos a prezos moi elevados. Esta práctica favoreceu a usura, o amiguismo e o enriquecemento do contorno do réxime.
Para lograr incrementar a produción agraria, tomáronse medidas como a explotación de novas terras coa creación do Instituto Nacional de Colonización que, entre os anos 1945 e 1970, construíu máis de 300 novos núcleos de colonización. Na década de 1950, iniciáronse plans integrais co desenvolvemento de regadíos, a construción de vivendas e a extensión da rede eléctrica, destacando o Plan Badaxoz. Tamén en 1952, aprobouse a Lei de Concentración Parcelaria para evitar o minifundismo e facer máis rendibles estas explotacións. A pesar da propaganda oficial que se fixo destas medidas, estas tiveron resultados moi escasos.
No ámbito industrial, seguiuse a política intervencionista coa creación do Instituto Nacional de Industria (INI) (1941) para o control da produción dos sectores industriais básicos, cuxo maior investidor e promotor era o Estado. Aínda evitando o contacto económico co exterior, a dependencia tecnolóxica e enerxética do estranxeiro provocou que non se cumprisen os obxectivos marcados.
No transporte, destacou a nacionalización da rede de ferrocarrís de vía ancha e a creación en 1941 de RENFE. As transaccións comerciais estaban fortemente intervidas polo Estado e o comercio exterior organizábase a través dun sistema de licenzas e acordos bilaterais, mentres que o comercio interior estaba regulamentado pola Comisaría de Abastecementos e Transportes desde 1939.
O desenvolvemento económico (1950-1975)
A partir dos anos cincuenta, iniciouse a recuperación económica que se produciu grazas a dous factores: o primeiro foron as boas colleitas dos primeiros anos da década, que permitiron recuperar taxas de produción anteriores á guerra e ter excedentes agrícolas; e o segundo foi a importante cantidade de divisas, materias primas, fontes de enerxía e bens de equipo proporcionada polos acordos con EEUU. Ademais, a poboación española experimentou nos anos 50 un crecemento demográfico importante que permitiu dispoñer de man de obra abundante.
En 1959, aprobouse o Plan de Estabilización, un programa de reformas realizado por un equipo de ministros e de altos cargos técnicos (a maioría vinculados ao Opus Dei) e que contou co apoio do Fondo Monetario Internacional. O seu obxectivo era establecer un modelo baseado na liberdade económica, máis acorde coa economía capitalista occidental. Esta economía baseábase na flexibilidade de prezos e salarios, determinados polo mercado e non polo Estado; unha política monetaria que obrigaba a establecer a paridade da peseta respecto das divisas internacionais; e a liberalización dos intercambios comerciais. No sector público, o Goberno comprometíase a axustar os gastos aos ingresos, reducir a inflación e mellorar o rendemento do sistema fiscal. O éxito máis destacable do Plan de Estabilización foi sentar as bases para iniciar o forte crecemento das décadas dos anos 60 e 70, así como o abandono definitivo do modelo autárquico.
Coa nova política de estabilización, púxose en práctica unha planificación económica, dirixida por López Rodó. Entre 1964 e 1975, puxéronse en marcha tres plans de desenvolvemento cun marcado carácter industrial. Tratouse ademais de favorecer as rexións menos industrializadas do país a través da creación dos polos de promoción e desenvolvemento e outras iniciativas.
Entre 1960 e 1975, producirase un crecemento espectacular da riqueza e produción nacional. O crecemento económico español produciuse no contexto do crecemento xeneralizado da economía europea e mundial tras a Segunda Guerra Mundial. Os tres piares básicos do crecemento da economía neste período foron o investimento de capitais estranxeiros en industrias que se instalan en España aproveitando un contorno favorable de baixos salarios, escasa conflitividade e facilidades estatais ao investimento; as remesas enviadas polos emigrantes españois en Europa; e os ingresos do turismo internacional que comeza a chegar masivamente a España en busca de sol e praia. O crecemento urbano e o turismo fomentaron tamén o auxe da construción. España converteuse nun país industrializado, abandonando a súa base agraria e mecanizando a agricultura, o que modificou a súa radiografía social co crecemento e consolidación dunha clase media maioritariamente urbana.
Cabe destacar que, durante este segundo período, aínda que se produciu un desenvolvemento económico en España, o mercado interior non foi capaz de absorber a man de obra excedente, polo que nesta década se produciu un gran incremento da emigración, tanto do rural ás cidades como cara ao exterior, especialmente aos países europeos. O crecemento económico non tivo en conta o impacto ambiental nin unha axeitada política urbanística, polo que o desenvolvemento do turismo transformou dun xeito notable o litoral mediterráneo.
Todo este desarrollismo finaliza coa crise económica de 1973, cando se produce a suba dos prezos do petróleo, que en España se traduce en inflación e conflitividade laboral, deixando un legado de difícil xestión para a etapa política da Transición.
Os principais sectores industriais e o papel do ferrocarril no século XIX
O desenvolvemento industrial do século XIX en España presenta fortes desequilibrios rexionais, convivindo zonas industrializadas e urbanizadas con outras atrasadas e rurais. Así, España considérase dentro dos países coñecidos como os “late comers”. Os factores que o explican son: a escasa transformación dos sistemas agrarios; reducida capacidade de consumo; despreocupación pola educación e a innovación; escasa mentalidade emprendedora; dependencia estranxeira de capital e tecnoloxía; e a política arancelaria proteccionista.
O sector téxtil en Cataluña
Cataluña constituíu a principal zona industrial de España e tamén a máis diversificada. O seu desenvolvemento está asociado ao sector téxtil, que contaba xa con tradición na economía catalá. Así, no século XVIII, iniciara o despegue coa fabricación de indianas. A esta tradición téxtil hai que engadirlle unha serie de factores que explican o seu despegue industrial:
- Liberalización do sector industrial grazas á abolición dos gremios.
- A constante renovación do sector pola introdución do algodón e a mecanización das tarefas tanto no fiado (introdución de tecnoloxía inglesa: fusas de fiar mecánicas –mule-jenny–) como no tecido (*selfactinas*).
- O reinvestimento de capitais por parte da burguesía catalá e o proteccionismo do Estado aseguraron un gran crecemento industrial na rexión.
Foi a partir da década de 1830 cando se introduciron as máquinas de vapor para mover os teares e apareceron as primeiras fábricas modernas nas comarcas de Barcelona e Manresa (fábrica de Bonaplata de Barcelona en 1832). A partir da década de 1870, coa intención de aforrar recursos enerxéticos e aproveitar a enerxía hidráulica, creáronse novas industrias téxtiles nas concas dos ríos Ter e Llobregat. Este desenvolvemento téxtil propiciou a diversificación industrial da rexión co crecemento doutros sectores: especialmente a metalurxia, xunto coa química, a papeleira, así como as relacionadas coa transformación de produtos agrarios.
O sector siderúrxico
O nacemento do sector siderúrxico estaba ligado á explotación de minas de ferro de Andalucía e o País Vasco, así como ás minas de carbón de Asturias e Serra Morena. A siderurxia andaluza foi a primeira en aparecer na década de 1830 pero, como utilizaba carbón vexetal, a partir de 1860 resultou un fracaso polos elevados custos de produción e a competencia do norte. En Asturias instaláronse altos fornos en torno ás minas da Felguera e Mieres, con continuidade ata o século XX, pero a escasa calidade do carbón e a dificultade de extracción do mesmo fixo que a actividade mineira e siderúrxica sobrevivise grazas ao proteccionismo do Estado.
A siderurxia por excelencia foi a vasca, en especial a partir de 1880. A calidade e abundancia do ferro das minas de Somorrostro, a dispoñibilidade de carbón de coque barato procedente de Gales e os capitais xerados pola exportación do mineral de ferro explican o seu auxe. A maior empresa do sector era Altos Hornos de Vizcaya, a primeira en utilizar o convertedor de Bessemer e o forno Martin-Siemens para fabricar aceiro. Este desenvolvemento industrial permitiu a aparición dunha potente industria química e metalúrxica de transformación, coa fabricación de todo tipo de máquinas e motores, destacando a construción naval.
O papel do ferrocarril
Mentres se producían estes primeiros procesos de industrialización, foi fundamental a configuración dun mercado nacional. A lexislación liberal aboliu os obstáculos legais contrarios á liberdade de circulación e produción de bens (supresión de aranceis interiores, unificación de pesos e medidas…) e procurou a construción de mellores vías de comunicación para conseguir un mercado interior cada vez máis integrado.
O ferrocarril foi o medio de transporte fundamental para conseguir un mercado interior integrado.
A introdución do ferrocarril en España, símbolo do progreso e modernización, foi tardía. O primeiro ferrocarril inglés adicado ao transporte de viaxeiros funcionou en 1830; en España non o fixo ata 1848, nun pequeno tramo entre Barcelona e Mataró e, posteriormente, en 1851, creouse a liña Madrid-Aranjuez.
Estudos técnicos aconsellaron un ancho de vía maior ca o europeo (ancho ibérico), dado que polas características do relevo se necesitarían locomotoras máis anchas e potentes. Esta decisión ocasionou un grave problema á hora de conectalo cos trazados europeos, esixindo transbordos na fronteira.
O gran impulso chegou coa Lei Xeral de Ferrocarrís de 1855, que establecía que a construción e explotación das liñas podía ser realizada polo Estado ou por compañías privadas, permitindo a introdución de capital privado estranxeiro. O Estado concedía a explotación das liñas a particulares por 99 anos e, ademais, ofrecía subvencións que garantían ás empresas unha rendibilidade mínima e a posibilidade de importar maquinaria e materiais sen aranceis.
Entre 1855 e 1865, houbo unha gran euforia construtiva, creando un trazado radial desde Madrid ata os puntos extremos da periferia para as liñas de primeira orde. Non obstante, ante a escasa demanda pola falta de conexións entre as rexións industrializadas, o sector entrou en crise a partir de 1866, paralizando a construción ata a nova Lei de Ferrocarrís de 1877, coa que se pretendeu completar a rede radial con liñas transversais de vía estreita, que circulaban sobre todo na cornixa cantábrica e Valencia.
O papel do ferrocarril no desenvolvemento económico de España é obxecto de controversia entre os historiadores. Para uns, foi considerable pois, nun país con graves dificultades orográficas, permitiu a comunicación interior e facilitou o transporte de mercadorías. Para outros, os efectos foron inferiores aos que se podían esperar debido á mala política estatal que permitiu a importación de material ferroviario, con grave prexuízo para o desenvolvemento do sector siderúrxico español. Cabe engadir que a rede obedeceu a criterios políticos do Estado liberal (rede radial) e a criterios económicos para facilitar a explotación dos recursos mineiros cara ao estranxeiro.
A Revolución Gloriosa e a Constitución de 1869
As prácticas ditatoriais do xeneral Narváez nos últimos gobernos moderados estenderon a impopularidade do réxime, entregado ao servizo dunha oligarquía sen escrúpulos, e da raíña Isabel II, firme apoio do moderantismo. Así, no ano 1868, a revolución coñecida como Gloriosa ou Setembrina, protagonizada por todas as forzas opositoras a Isabel II, expulsou os Borbóns do trono de España e abriu a posibilidade de configurar un novo sistema político baseado nos principios do liberalismo democrático e nos intereses das clases medias.
O contexto no que se produce a revolución é de profundo malestar social provocado polas malas colleitas, as dificultades económicas na industria e nas finanzas e o descontento da maioría da sociedade cun sistema político pouco permeable á participación da cidadanía e nada sensible ás novas necesidades dun país que mudara respecto á primeira metade do século. Ese descontento quedou enfocado no Pacto de Ostende (1866), onde se uniron todos os grupos políticos baixo unha causa común: establecer un goberno provisional que asumise os principios do liberalismo democrático e que convocase eleccións para constituír unhas novas Cortes, coa finalidade de elixir un novo modelo de Estado e redactar unha nova constitución.
Desenvolvemento da Revolución
A Revolución Gloriosa iniciouse en setembro de 1868 en Cádiz cun pronunciamento das tropas da mariña do almirante Topete e protagonizado tamén por Serrano e Prim. Pouco despois, os sublevados venceron as tropas leais á raíña na Batalla de Ponte de Alcolea (Córdoba). En paralelo a este clásico pronunciamento militar, xurdiron numerosas xuntas revolucionarias que reclamaban o sufraxio universal e a liberdade de prensa, ensino e asociación, e a abolición dos impostos de consumo e da redención de quintas. Hai, pois, unha unión de pronunciamento e revolución social.
Tras o exilio de Isabel II a París, formouse un Goberno provisional integrado por unionistas, progresistas e demócratas e presidido por Serrano. O Goberno puxo en marcha numerosas reformas políticas e económicas (recoñecemento das liberdades de ensino, expresión, asociación e cultos, acuñación da peseta, abolición da pena de morte e da escravitude en Cuba…), paralizou a mobilización social das xuntas e convocou Cortes constituíntes elixidas por sufraxio universal.
A Constitución de 1869
Estas Cortes elaboraron unha nova Constitución en 1869 que, inspirada nos principios do liberalismo democrático, establecía a soberanía nacional, entendida como popular; a monarquía como forma de goberno; unha clara separación de poderes: o rei exercía o poder executivo suxeito á soberanía nacional e o poder xudicial estaba en mans dos tribunais con xurados; Cortes bicamerais, formadas polo Congreso e o Senado; e dereitos e liberdades amplos entre os que se deben destacar a liberdade de cultos e especialmente o dereito de asociación e reunión (nacerá a Federación Rexional Española da Asociación Internacional de Traballadores -FRE da AIT-).
Despois da promulgación da Constitución, Serrano foi nomeado rexente provisional mentres se buscaba un novo rei para España, que tiña que ser católico, liberal e contar co apoio das potencias europeas. Finalmente, ese rei será Amadeo de Savoia, fillo de Vítor Manuel II, coartífice da unificación italiana e de probada traxectoria liberal. Antes da súa chegada a España, o asasinato de Prim en 1870 deixarao sen o seu principal valedor. As dificultades do seu reinado agraváronse pola descomposición da coalición do goberno ante a división do Partido Progresista de Sagasta e os radicais de Ruíz Zorrilla; pola oposición de diversos grupos sociais e políticos ao seu reinado (elites tradicionais e o pobo, os republicanos, os afonsinos…); pola sublevación en Cuba; e pola Terceira Guerra Carlista. Todo isto provocou que, en febreiro de 1873, Amadeo I renunciase ao trono, o que abriu paso á Primeira República.
Notas:
- O servizo militar obrigatorio establecido en 1836 permitía a exención mediante pagos, o que beneficiaba ás clases poderosas.
- Triunfaron as candidaturas monárquicas, descartándose a opción republicana defendida por un sector do partido demócrata que fundaría o Partido Republicano Federal.
- O rei exercía o poder executivo a través dos seus ministros, que eran responsables ante as Cortes; sancionaba e promulgaba as leis sen capacidade de vetalas e tiña a potestade de suspender e disolver as Cortes, pero unha vez soa por lexislatura.
A Primeira República (1873-1874): Proxecto Federal e Cantonalismo
Tras a renuncia ao trono de Amadeo I en febreiro de 1873, polas distintas dificultades presentes no seu reinado (entre elas a crecente oposición republicana que, durante este breve reinado, tenta conseguir o apoio popular necesario para instaurar a República), o Congreso e o Senado reúnense conxuntamente, formando a Asemblea Nacional, e deciden proclamar o 11 de febreiro de 1873 a República, a pesar de ser maioritariamente monárquicos. A mesma Asemblea Nacional asume todos os poderes e nomea presidente do poder executivo a Estanislao Figueras, quen exercería de xefe do Estado e do Goberno.
Diferenzas entre republicanos
Existían fortes diferenzas entre os republicanos sobre a organización política da República:
- Os unitarios defendían a creación dunha república unitaria.
- Os cantonalistas defendían a configuración dunha federación construída a partir da unión voluntaria dos cantóns (unidades políticas inferiores que proclamarían a súa soberanía).
- Os federais gradualistas (dirixidos por Pi i Margall) defendían a idea de que unhas Cortes constituíntes da nación española decidisen o reparto de poderes entre o Estado federal e os Estados que formasen a federación.
Proxecto de Constitución Federal
Ante as tensións formadas por estas diferenzas, convocáronse novas eleccións (celebradas por sufraxio universal masculino, para os maiores de 21 anos) para formar unha Asemblea Nacional constituínte. Foron gañadas polos federais cunha abstención do 60%, polo que se proclamou a República Federal con Pi i Margall como presidente. Consecuentemente, elaborouse un proxecto de Constitución federal:
- España é unha República federal integrada por 17 Estados, incluídos Cuba e Porto Rico. Cada Estado terá a súa propia Constitución.
- A xefatura do Estado queda en mans do presidente da República, que posúe o poder de relación entre os distintos poderes e elixe o presidente do goberno.
- O poder lexislativo reside na Asemblea Nacional, composta por dúas cámaras, sendo o Senado a cámara de representación territorial. O Congreso é elixido por sufraxio universal masculino; a soberanía é popular. O poder xudicial corresponde aos tribunais e mantense o xurado popular.
- As liberdades son amplas, similares ás de 1869, e recoñece os dereitos dos traballadores. Establece a separación entre Igrexa e Estado e prohibe a subvención de calquera culto.
- Acaba coa centralización, recoñecendo a autonomía municipal.
Conflitos e fin da República
A República herdou os dous conflitos da etapa anterior: a Guerra Carlista, que se intensificou, e a Guerra de Cuba, que non se solucionou co novo modelo federal do Estado. Por outra banda, incrementouse a axitación social e política (do que foi partícipe a AIT) e xurdiu con forza o movemento cantonalista. O movemento cantonalista estendeuse por Andalucía, Murcia e Levante e consistiu na proclamación de cantóns independentes (Cantón de Cartaxena) que debían constituír unha federación ou República desde abaixo. Os cantóns respondían tanto á demanda dos republicanos cantonalistas como ás reformas sociais solicitadas polo movemento obreiro e as clases populares. A unión e manifestación de ambos fixeron fracasar o proxecto de implantar a federación desde arriba, producindo unha elevada disgregación do poder en gran parte de España e provocaron a dimisión de Pi i Margall.
A necesidade de poñer fin ao cantonalismo provocou un xiro á dereita da República. O novo presidente, Nicolás Salmerón, constituíu a República unitaria e aproximouse aos militares afonsinos para sofocar a rebelión cantonalista (Pavía, Martínez Campos), accedendo ás súas peticións de restaurar a orde.
A negativa de Salmerón a restablecer a pena de morte levouno a dimitir, sendo substituído por Emilio Castelar quen, nun xiro aínda máis conservador, estableceu unha República autoritaria e obtivo da Asemblea poderes para gobernar por decretos: suprimiu o federalismo, suspendeu as Cortes e iniciou operacións militares contra cantonalistas, carlistas e cubanos. En xaneiro de 1874, reabriuse a Asemblea, pero cando parecía inminente a restauración do federalismo, o xeneral Pavía deu un golpe de Estado: entrou nas Cortes acompañado da Garda Civil e disolveunas sen apenas resistencia.
Ante esta situación de baleiro do poder, o xeneral Serrano asumiu o poder executivo da República, suspendendo as garantías constitucionais ata rematar con esa situación de forte inestabilidade e convocar Cortes constituíntes. Isto favoreceu os intentos de Cánovas del Castillo de restaurar a monarquía na persoa de Afonso de Borbón, quen se presenta como un monarca constitucional e liberal no Manifesto de Sandhurst. Finalmente, o pronunciamento de Martínez Campos no mes de decembro de 1874 proclamará rei a Afonso XII, dando lugar á Segunda Restauración Borbónica.