Conceptos Fundamentais da Historia de España: Da Restauración á Ditadura

Termos Clave da Historia Contemporánea

Caciquismo

Fenómeno social e político-electoral imperante no século XIX e primeiros do XX no que unhas personalidades (caciques) con gran poder en determinadas localidades (maiormente no rural) exercían sobre a poboación unha gran influencia grazas aos favores que concedían. Controlaban os resultados nas eleccións, servindo así de base ao sistema fraudulento e xerárquico que ía dende o Ministro da Gobernación, gobernadores civís, alcaldes, etc., ata a base onde estaban eles.

Cantonalismo

Movemento político que se deu principalmente durante a I República, liderado polos republicanos federais intransixentes. Eran partidarios da asociación libre e popular dos diferentes Estados ou cantóns soberanos que debían servir de base a un futuro Estado federal ou confederal. Forzaron a caída de Pi i Margall, en especial o cantón de Cartaxena, que existiu medio ano como independente e que tivo que ser reducido polas armas. Tivo vencellos notables coas reivindicacións sociais da AIT.

Desamortización

Proceso económico encadrado na reforma agraria dos liberais do século XIX (aínda que tivo precedentes no XVIII) que consistía na incautación por parte do Estado de bens públicos (propios), comunais (comúns) ou de institucións (Igrexa) que non entraban no mercado (mans mortas), para vendelos en poxas públicas e privatizalos. O obxectivo era poñer en circulación fundamentalmente terras, gañar adeptos á causa liberal e sacar cartos para o Estado. As máis famosas foron as de Mendizábal (1836) e Madoz (1855).

Encasillado

Proceso polo que o Ministro de Gobernación coloca nos cadros correspondentes a cada distrito electoral os nomes dos candidatos (ministeriais e da oposición) que o Goberno está disposto a tolerar. Precisa de negociacións cos poderes locais. É un dos procedementos que vician o sistema electoral, principalmente na etapa da Restauración borbónica.

Ludismo

Acción de protesta do movemento obreiro dirixida á destrución das máquinas, ás que os obreiros culpabilizaban das súas malas condicións de traballo e da perda de postos de traballo. O nome vén dun dirixente (non se sabe se real) inglés chamado Ned Ludd. Trátase de accións esporádicas, fundamentalmente ao principio do movemento obreiro, que foron duramente reprimidas.

Manifesto de Sandhurst

Manifesto asinado a finais de 1874 polo príncipe Afonso (exiliado dende a Revolución Gloriosa) e elaborado por Cánovas del Castillo, que preparaba o regreso dos Borbóns. Nel xustificaba que debía ser o rei de España fronte á ditadura que daquela protagonizaba o xeneral Serrano, e onde se establecían as bases do futuro sistema da Restauración baseado nas institucións da Monarquía e das Cortes.

Pucheirazo

Proceso polo cal se modifica e adultera o resultado electoral manipulando a urna nunhas votacións en beneficio da candidatura oficial. Foi frecuente en todo o século XIX en España, fundamentalmente no período da Restauración Borbónica. Complementa o sistema fraudulento electoral coa falsificación de identidades, a «resurrección» dos mortos, a manipulación do censo, etc.

Rexeneracionismo

Corrente intelectual, política e literaria que impregnou a vida pública española a finais do XIX (acrecentada polo Desastre do 98) e principios do XX. Consistía na análise dos males do país e era moi crítica cos vicios ou defectos da Restauración: un Estado ineficaz e invertebrado, unha clase política corrupta, a oligarquía e a escasa ocupación dos problemas económicos e sociais por parte dos dirixentes. O maior representante foi Joaquín Costa, pero a idea rexeneracionista está presente en Afonso XIII e nos gobernos de Maura e Canalejas, aínda que con resultados máis ben infrutuosos.

Sistema da quenda

Unha das bases do sistema político da Restauración ideada por Cánovas que se baseaba na alternancia pacífica entre dous partidos (bipartidismo): o conservador e o liberal. Desexaba eliminar o recurso ao pronunciamento, típico do reinado de Isabel II. Cando un partido no poder estaba en crise, o árbitro do sistema, o rei, nomeaba un novo goberno do partido na oposición. Se non tiña maioría nas Cortes (sistema de dobre confianza), o rei procedía á disolución do Parlamento e, mediante a manipulación, conseguíase un resultado favorable ao novo Goberno. O sistema funcionou ben ata a crise de 1917.

Agrarismo

Movemento político e social que agrupa aos labradores en sociedades agrarias ou sindicatos para defender os seus intereses (maiormente o acceso á terra en propiedade). Foi especialmente importante en Galicia a fins do XIX e principios do XX, cando apareceu Solidariedade Galega. Defendíase a eliminación dos foros e a loita contra o caciquismo. Destacou a figura de Basilio Álvarez.

Desastre de Annual

Derrota española no Rif en 1921, cando o xeneral Silvestre despregou as tropas no Protectorado, sendo atacados polas kabilas rifeñas ao mando de Abd el-Krim e retirándose en desbandada ata o forte de Monte Arruit. En total foron masacrados máis de 10.000 españois e proclamouse a República do Rif. As consecuencias afectaron aos militares (desorganización e falta de recursos, accións temerarias) e ao propio rei, acusado de animar ao xeneral Silvestre no seu propósito.

Directorio Militar

Primeira etapa da ditadura de Primo de Rivera que vai dende 1923 ata 1925 (seguida polo Directorio Civil). O goberno estaba dirixido por militares e tratou de desmantelar o sistema da Restauración, restablecer a orde pública (Somatén), crear un partido único (Unión Patriótica), defender a unidade da patria e poñer fin á guerra de Marrocos (desembarco de Alhucemas). Foi o momento de maior prestixio da ditadura.

Expediente Picasso

Investigación de 1921-1922 que tratou de depurar responsabilidades tralo desastre de Annual, dirixida polo xeneral Juan Picasso. Foi obxecto de debate nas Cortes e cualifica de neglixente a acción de Berenguer e de temeraria a de Silvestre. Politicamente difundiuse a sospeita de que o rei estaba detrás da acción deste último. O expediente quedou en nada logo do golpe de Estado de Miguel Primo de Rivera.

FAI

Federación Anarquista Ibérica. Fundada en 1927, durante a ditadura de Primo de Rivera, foi unha organización anarquista de tendencia revolucionaria e máis radical que a CNT. Tivo protagonismo na II República dominando o sindicato, opoñéndose á República e participando na Guerra Civil española.

Pacto de San Sebastián

Reunión de personalidades opositoras á monarquía durante a Ditabranda de Berenguer (republicanos, nacionalistas, socialistas) en agosto de 1930. Estableceron un acordo verbal comprometéndose a derrubar a monarquía, establecer a república parlamentaria e as liberdades, e convocar Cortes Constituíntes. Formaron un Comité Revolucionario colaborando cos militares republicanos para sublevarse. Os seus membros formarán o Goberno Provisional cando se proclame a II República (Azaña, Alcalá Zamora, Casares Quiroga…).

Semana Tráxica

Sucesos violentos ocorridos en 1909 en Barcelona e outras cidades provocados polo impopular embarque de tropas de reservistas para ir á guerra de Marrocos. Convocada unha folga xeral por socialistas e anarquistas, a protesta obreira radicalizouse, levantándose barricadas e incendiándose igrexas (anticlericalismo). Foron reprimidos violentamente polo goberno de Maura, sendo executado Ferrer i Guardia como promotor (sen probas). Isto provocou a caída de Maura baixo o clamor de «Maura non!».

Unión Patriótica

Partido político español (1924) fundado por Miguel Primo de Rivera como unha asociación de cidadáns que substituiría aos vellos partidos da Restauración para dar soporte ao novo réxime ditatorial. O seu ideario era tradicionalista católico, monárquico e corporativista. Segundo palabras do ditador, era «un partido político pero que no fondo é apolítico». Definido por Calvo Sotelo como un partido organizado dende o poder e para o poder, non tivo arraigo trala caída da ditadura.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *