O Imperialismo do Século XIX: Definición e Impacto
O imperialismo do século XIX pódese definir brevemente como a dominación dun pobo sobre outro. O impacto de Europa sobre outros continentes foi un fenómeno clave da historia contemporánea.
Causas e motivacións do Imperialismo
Cara a 1880, as cuestións coloniais sitúanse en primeiro plano da actualidade. Como causas deste imperialismo pódese falar das demográficas, económicas, políticas e as ideolóxico-culturais:
- Demográficas: Presión demográfica en Europa. É a época das migracións; saen de Europa máis de 40 millóns de persoas.
- Económicas: Noutros continentes atopan os europeos campos de inversión para os seus capitais. Tamén destaca a busca de materias primas por parte dos países europeos e a procura de mercados que non estean protexidos por barreiras aduaneiras debido á época proteccionista en Europa.
- Políticas: De prestixio (Francia para esquecer a humillación de Sedán) e preocupacións estratéxicas (Inglaterra para protexer o seu imperio). En ocasións, os propios colonos son os que reclaman a continuidade da actividade colonizadora.
- Ideolóxico-culturais: Adúcense con frecuencia evocando á historia, o honor nacional e a política de prestixio. Destaca a evanxelización dos pobos atrasados polos misioneiros, tanto católicos coma protestantes, e a denominada «misión civilizadora do home branco». Tamén hai que ter en conta os grupos de presión, que son numerosos (sociedades xeográficas, sociedades misioneiras, asociacións coloniais, etc.).
A Conquista era relativamente sinxela, realizada con tropas europeas e indíxenas. Algunhas potencias ocupan militarmente todo o territorio e outras só un sector determinado. Despois facíase a Organización e, por último, a Explotación Económica.
O Reparto de África
A apertura da África negra ao sur do Sahara foi feita por misioneiros, exploradores e aventureiros individuais. Os gobernos deixáronse levar por esta xente. Os puntos claves do reparto son que os ingleses intentan a unión do norte ao sur de África, dende Exipto á República Surafricana. Francia pretende a unión do oeste ao leste, dende Senegal ata o Mar Roxo. O resto repárteno entre as pequenas potencias europeas.
As únicas excepcións ao reparto foron Etiopía e Liberia, que ficou establecida como nación no 1822. Normalmente, nas colonias recorríase en toda África ao traballo forzado.
Nesta carreira imperialista houbo unha serie de friccións e rivalidades entre as potencias europeas, como foron a de Fashoda (1898), entre Francia e Inglaterra, e a Guerra dos Bóers (1899–1902), entre os ingleses e os holandeses en Sudáfrica.
O Imperialismo en Asia
En principio, vén motivado polo desexo das nacións que xa tiñan posesións neste continente por incrementar a súa influencia; a isto engádese a acción de novas potencias coloniais como Rusia, USA e Xapón.
Os británicos, a partir do 1857, van gobernar directamente a India, que se converteu no abastecedor de materias primas da industria británica e chegou a ter a rede ferroviaria máis densa fóra de Europa e América do Norte. O imperialismo ruso era de carácter político; a expansión por Asia era fomentada e dirixida polo Goberno. Rusia era un imperio rodeado por xeo que procuraba «portos de auga quente». No 1860 fúndase a cidade de Vladivostok, no Pacífico.
O caso chinés non era como o de África; aquí existía un estado completamente organizado como era o Imperio Manchú. A penetración europea prodúcese a partir do 1840 e a política consistía en ir arrancando concesións ao imperio. No 1841 prodúcese a Guerra do Opio, e o imperio manchú cede a Inglaterra o enclave de Hong Kong no 1842. Pouco a pouco vánselle quitar talladas ao imperio chinés: Rusia quédase con Manchuria; Xapón disputa con China por Corea; os ingleses anexiónanse Birmania; e Francia forma a Indochina francesa. Máis adiante, no 1901, os Estados Unidos instauran a política de «portas abertas»: China para os chineses, mais con enteira liberdade para os comerciantes europeos e americanos.
O Imperialismo dos Estados Unidos (USA)
Tras conseguir a independencia, os USA configuráronse pouco a pouco como unha gran potencia económica. No 1860 o presidente Lincoln aboliu a escravitude. Esta medida foi rexeitada por trece Estados do sur que decidiron crear unha Confederación, o que provocou a Guerra Civil (Guerra de Secesión 1861–1865).
Os USA convértense nunha potencia imperialista coa denominada Doutrina Monroe de 1823. Nela declárase que «América para os americanos»; ningunha potencia europea podía intervir no continente americano e abríase así a posibilidade de futura intervención imperialista dos USA sobre todo o continente. 1898 marca un ano clave: prodúcese a guerra hispano-norteamericana, na que España perde os últimos retallos do seu imperio colonial (Cuba, Filipinas, Porto Rico). Tamén se produce a anexión de Hawai ese mesmo ano de 1898. Pouco despois comezaba a construción do Canal de Panamá.
Os USA en política exterior van conxugar a «diplomacia do dólar», coa que controlaban a vida económica e política dos países que aceptaban empréstitos, e o «Big Stick» (Gran Garrote), intervindo militarmente nalgúns países. A desculpa era defender os seus súbditos alí onde estiveran ameazados.
O Imperialismo Xaponés
Ata 1870, Xapón era un país que se atopaba en plena Idade Media. Mais ese ano a dinastía Meiji comeza a realizar unha revolución en todos os ámbitos da sociedade nipona que trae consigo o triunfo da occidentalización e o paso dunha situación illada e pechada a outra paralela á das grandes potencias occidentais.
Entre 1894 e 1914, Xapón consolídase como gran potencia que rivaliza no Extremo Oriente co resto das potencias occidentais. Construíu unha potente flota e iniciou a súa expansión cara a China, derrotando aos chineses en 1895, e cara a Corea, onde chocou cos intereses rusos aos que derrotou en 1905. Era a primeira vez que un pobo non branco derrotaba a un branco. No 1912, Xapón configurárase como gran potencia mundial cun predominio sobre unha ampla rexión do Extremo Oriente.
A Paz Armada (1890–1914)
Os últimos anos do século XIX e os primeiros do XX configuraron un período de paz en Europa que se coñece co nome de Paz Armada. En realidade había conflitos, pero eran localizados e as grandes potencias procuraban mantelos baixo control para evitar unha guerra xeral. Todos estes pequenos conflitos foron creando unha conciencia colectiva de que, máis cedo ou máis tarde, un choque no que todos os países do continente víranse envoltos era inevitable.
En vésperas da crise de 1914, as principais potencias europeas achábanse agrupadas en dous bloques antagónicos: a Tripla Alianza (Alemaña, Austria-Hungría e Italia, que despois cambiará de bando) e a Tripla Entente (Francia, Gran Bretaña e Rusia). Todo este sistema de alianzas viña marcado pola rivalidade entre Francia e Alemaña dende a época da guerra franco-prusiana do 1870 e propiciado pola política do chanceler alemán Bismarck.
A Gran Guerra (1914-1918)
A guerra puido ter estalado en calquera dos momentos de tensión daqueles anos, pero comeza coa crise de Saraxevo o 28 de xuño de 1914. Un terrorista serbio asasina ao herdeiro do trono austríaco, o arquiduque Francisco Fernando. Sucédense os problemas entre Austria e Serbia e, ao apoiar os rusos aos serbios, comezan a funcionar as alianzas e sucédense as declaracións de guerra. Pódese dividir a guerra en varias etapas:
- 1914: A Guerra de Movementos. Prodúcense as principais ofensivas e aparecen tres frontes bélicas: a occidental, a oriental e a dos Balcáns. O plan alemán, que consiste en invadir Francia por Bélxica, funciona ao principio á perfección, chegando moi preto de París. O 3 de setembro, na batalla do Marne, os alemáns son detidos. Pola súa parte, na fronte oriental, os rusos son totalmente derrotados mentres a fronte dos Balcáns fica estabilizada.
A Organización da Paz: Os Tratados e a Sociedade de Nacións
Ao finalizar a guerra, reúnense en París (1919) 27 países nunha conferencia para organizar a paz. Nesta conferencia non figuran representantes dos países vencidos. O protagonismo fundamental vano ter os representantes das catro potencias vencedoras: USA, Francia, Gran Bretaña e Italia. As bases das negociacións foron os «14 puntos» propostos polo presidente norteamericano Wilson no 1918: dereito dos pobos á autodeterminación, liberdade para a navegación e os intercambios comerciais, renuncia á diplomacia secreta e a fundación dunha Sociedade de Nacións.
Estes principios, que consolidaban a hexemonía política dos USA, víronse alterados parcialmente para dar satisfacción ás aspiracións das potencias europeas vencedoras, que trataron de acadar a súa recuperación económica e moral a expensas dos vencidos. A paz foi así unha «paz imposta» aos vencidos e non unha paz negociada.
Firmáronse cinco tratados entre 1919 e 1920. O máis importante foi o Tratado de Versalles, firmado con Alemaña, que dende o principio non trouxo máis que problemas, xa que as condicións foron durísimas: declárase a Alemaña responsable da guerra, perde todas as súas colonias, limítase a súa capacidade militar e obrígaselle a pagar fortes reparacións de guerra.
Os demais tratados supoñen unha remodelación radical do mapa europeo. Desaparece o imperio austro-húngaro, Austria e Hungría fican moi reducidas territorialmente e fórmanse novos estados como Checoslovaquia e Iugoslavia. O Imperio Ruso perde territorios, dando lugar a unha serie de estados como Polonia, Lituania, Letonia, Estonia e Finlandia, que forman un «cordón sanitario» fronte á Rusia comunista. O Imperio Turco tamén desaparece, permitindo a aparición de Iraq, Siria, Líbano e Palestina como mandatos administrados polas grandes potencias.
A Sociedade de Nacións
A creación dunha Sociedade de Nacións que regulase as relacións internacionais era un punto clave do plan de paz de Wilson. En abril do 1919 apróbase o seu regulamento orgánico. A Sociedade instálase en Xenebra, reunirase cada ano e cada delegado terá un voto. As súas funcións eran asegurar a paz mundial por medio da arbitraxe e regular as relacións internacionais nun ambiente de desarme e seguridade colectiva.
Desenvolvemento da Contenda (Continuación)
- 1915–1916: A Guerra de Posicións. Ao fallar a primeira ofensiva na fronte occidental, as frontes van quedar estacionarias a pesar da entrada de Italia. Nestes anos, o sistema de combate vai ser o de trincheiras. As ofensivas máis importantes foron a de Verdún (febreiro–xullo de 1916) e a aliada no Somme (xuño de 1916).
Vanse producir tamén cambios no armamento, aparecendo novas armas como a metralladora, o carro blindado, os submarinos (os alemáns declararon en 1917 a guerra total no mar), o avión e os gases químicos, a pesar de estaren prohibidos pola Conferencia da Haia de 1899.
- 1917: Retirada de Rusia e entrada de USA. Neste ano a evolución das frontes é mínima. Prodúcese a revolución rusa e o 15 de decembro Rusia abandona a guerra. Pola súa parte, os Estados Unidos decláranlle a guerra a Alemaña en abril como resposta aos ataques submarinos. A súa potencia económica revitalizou aos aliados.
- 1918: Ano da Vitoria Aliada. Os alemáns intentan unha ofensiva definitiva, pero os aliados despréganse para detela. A partir de outubro, o Imperio Austro-Húngaro entra en descomposición e o 11 de novembro Alemaña firma o armisticio.
O Legado Político, Económico e Social da Guerra
No plano político, a guerra supuxo a desaparición das antigas monarquías aristocráticas nos países do centro e leste de Europa, así como a xeneralización dos réximes democráticos. En Alemania e Austria instáuranse réximes republicanos que adoptan constitucións democráticas, e o mesmo acontece nos estados de nova creación. De tres repúblicas existentes en Europa antes do 1914, pásase a doce no 1918.
No plano económico, a guerra deu lugar a un forte intervencionismo económico dos estados. Nos países belixerantes, a maior parte dos esforzos económicos dedicáronse á guerra. Aumentan as importacións e diminúen as exportacións, o que trae consigo a industrialización de novos países e a aceleración do proceso industrializador en outros. As transformacións básicas neste período foron o declinar de Europa e o ascenso de Estados Unidos como gran potencia mundial. Tamén outros países como Japónadquiriron un posto de maior peso mundial.
No Plano Social, a guerra supuxo que as clases medias de funcionarios, pequenos propietarios e empregados foron arruinadas pola gran subida dos prezos. Estes grupos, máis os excombatentes e outros prexudicados pola guerra, foron proclives ás mensaxes de opcións políticas críticas coas democracias e partidarios de réximes autoritarios.
Dada a gran cantidade de baixas que houbo na fronte, fóronse recrutando homes que traballaban nas fábricas e nas oficinas. Para suplilos, os gobernos comezaron a contratar a mulleres e inmigrantes. O acceso da muller ó mundo laboral tivo agora unha gran importancia. Transformouse a institución do matrimonio e tamén as relacións marido – muller, asemade que cambiaba a perspectiva para millóns de mulleres.
Nos anos inmediatos ó final da guerra producíronse en Europa unha serie de axitacións revolucionarias nas que se xuntaron o descontento social e o exemplo da revolución rusa. Estes movementos revolucionarios, que espertaron temores de que se estendera o comunismo entre a burguesía e as clases medias europeas, foron reprimidos.
A REVOLUCIÓN RUSA
Tras a declaración de guerra , o imperio ruso, gobernado polo Tsar Nicolás II, mobilizou millóns de soldados, pero o abastecemento era pésimo. A baixa moral das tropas sen equipamento e mal dirixidas, facía temer un colapso da fronte. Ademais, a dedicación da industria a fabricar armamento empeorou aínda máis o nivel de vida da poboación.
En febreiro do 1917 estala a crise definitivamente. Tras varios días de folgas de obreiros, de gritos pacifistas pedindo o final da guerra, de esgotamento do Carbón na capital, os soldados, o día 25 comezan a simpatizar cos manifestantes, producíndose motíns en diferentes rexementos da capital.
O Tsar, cada vez máis impopular, abdica e a monarquía derrubouse sen case resistencia, dando paso a un dobre poder. Por unha parte, o goberno provisional que defende os intereses da burguesía e que é partidario de continuar a guerra. Por outra parte os Soviets, que son conselloselixidos en fábricas e barrios que contan co apoio do proletariado e que son partidarios da paz e de facer unha total transformación do pais.
En abril Lenin líder do partido Bolchevique (futuro Partido Comunista) publica as súas teses que eran entrega inmediata do poder os soviets, saída inmediata da guerra, redistribución das terras e a colectivización das industrias.
O Goberno provisional dirixido por Kerenskydecide continuar a guerra e despois de varias crises, en outubro, os Soviets deciden tomar o poder mediante unha revolución armada (insurrección). A insurrección triunfa e formase un Goberno de comisarios do pobo que controlan a situación.
Pronto xorden unha serie de centros de resistencia (Ucrania, Siberia, etc..) ó réxime bolxevique e comeza a guerra civil (1918-1921). O 16 de xullo de 1918 a familia imperial é asasinada. Os Exércitos brancos (contrarrevolucionarios) son apoiados por Inglaterra e Francia, que temen non cobrar os préstamos que fixeran ó Tsar e o contaxio revolucionario. Polo bando revolucionario está o Exército Roxo, creado por Trotsky, que pronto disporá de mandos ben preparados. No 1921, os comunistas controlan toda Rusia.
Coa enfermidade e morte de Lenin en 1924, prodúcese unha loita polo poder entre Stalin e Trotsky. Este último exíliase e dende 1928 Stalin convertese no dono absoluto da URSS ata a súa morte en 1953.
